Co lema recuperado da exitosa loita contra o peche do paridoiro, Verín volveu saír a rúa esta fin de semana a defender a súa sanidade pública. Foron máis de 6.000 persoas as que encheron as rúas da localidade o primeiro sábado de agosto para apoiar a convocatoria da comisión de centro do hospital comarcal e da Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Monterrei contra o recorte de servizos e persoal nun centro de referencia que leva anos sufrindo e loitando por evitar o "desmantelamento".
"Verín non se pecha" volveu ser o berro fundamental para reclamar máis sanitarios, máis servizos e máis medios e pera denunciar a "deterioración continuada" da asistencia sanitaria en toda a comarca. Foi unha enorme marcha —de ata 12.000 persoas sen os convocantes e 6.000 para Protección Civil— que lembrou ás multitudinarias manifestacións que reverteron o peche da sala de partos en 2019 e tamén encheran as rúas de Verín.
"Non somos números, somos persoas" clamou a cidadanía que percorreu a localidade baixo o lema Non pedimos privilexios, pedimos sanitarios. Segundo a plataforma en defensa da sanidade pública e traballadores do hospital comarcal, as protestas pretenden poñer fin a numerosos problemas como as longas listas de espera ou a escaseza de persoal en moitas das especialidades.
"Verín non se pecha" volveu ser o lema dunha multitudinaria manifestación contra o "desmantelamento" do hospital comarcal
En Cardioloxía, por exemplo, denuncian que xa hai moitas probas que non se están a realizar e noutras especialidades doentes denuncian demoras de varios anos. Demandas todas nunha mobilización na que SOS Sanidade Pública acusou o PP de "mentir, enganar e falsear a realidade" ao colocar carteis coa cara de Pedro Sánchez e da ministra de Sanidade, Mónica García, reclamando médicos e a súa dimisión. "No fondo parecen recoñecer que eles non teñen competencias na desastrosa xestión do Sergas e que a culpa é sempre dos outros", din.
Tanto BNG como PSdeG levan tempo denunciando a situación sanitaria tanto en Verín e a súa comarca como noutras zonas de Galicia.
A protesta clama contra as longas listas de espera e a escaseza de persoal en moitas especialidades
A portavoz nacionalista de Sanidade, Montse Prado, lembra que no caso verinés xa dimitiu o xefe de medicina interna e que a manifestación celebrado o sábado únese a outras tamén en defensa da sanidade pública ou contra os recortes que se están a dar en Moaña, Cangas, Ribeira, A Pobra, Aguiño, O Vicedo, Salvaterra ou Catoira.
O Bloque denuncia esperas de ata dous meses para primaria en moitas comarcas e hospitais "desbordados" noutro verán que considera "negro" para a sanidade pública galega.
"Berro colectivo contra o abandono do PP"
O PSdeG de Ourense, pola súa banda, acusou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "condenar o hospital de Verín ao desmantelamento" e exixe "frear o abandono da sanidade pública". O seu secretario provincial, Álvaro Vila, participou na multitudinaria mobilización e advertiu de que o goberno do PP “está baleirando de servizos un hospital esencial para milleiros de persoas da comarca”
"O que se viviu en Verín é un berro colectivo contra o abandono ao que o PP está sometendo esta comarca. Alfonso Rueda ten que deixar de mirar para outro lado e asumir dunha vez a súa responsabilidade no desmantelamento progresivo do Hospital de Verín", afirmou.