Tras cubrírense todas na convocatoria ordinaria, un 13% das prazas MIR de familia en Galicia quedaron baleiras por renuncia ou non incorporación, unha das porcentaxes máis elevadas do Estado
A finais do pasado maio concluíu a elección de prazas de formación sanitaria especializada no Ministerio de Sanidade. Ao contrario que en anos anteriores cubríronse todas, as máis de 9.000 do total estatal e as máis de 600 galegas, entre as que se atopaban 207 para medicina familiar e comunitaria. Así e todo, non todas as adxudicacións chegaron a formalizarse coa incorporación do persoal. Sucedeu en 441 prazas, máis da metade (240) de medicina de familia.
Esta especialidade, das máis tensionadas do sistema, é protagonista das vacantes por renuncia ou non incorporación, que o Ministerio de Sanidade vén de recompilar para proceder a unha convocatoria extraordinaria. Sucede en todo o Estado e no caso galego, acontece por riba da media: un 13% das prazas para formación como médicas ou médicos de cabeceira quedaron finalmente descubertas, 26 das 207.
Despois de que varias prazas galegas de medicina de familia (varias en Ferrol e unha en Monforte) estivesen entre as últimas do Estado en seren escolleitas -a derradeira foi unha da área ferrolá nesta especialidade-, das 36 vacantes por non incorporación na formación sanitaria especializada ofrecida en Galicia, 26 son deste eido. As cifras máis avultadas de ocos en medicina familiar rexístranse na área de Vigo, con sete (dúas en Povisa) e na de Ourense, con cinco.
En comparación co resto do Estado, o 13% galego de vacantes por renuncia ou non incorporación en medicina de familia é das proporcións máis amplas. Só Extremadura ten maior porcentaxe de vacantes, un 20% que tamén se rexistra nas prazas de medicina de familia ofrecidas polo Estado, se ben cómpre ter en conta que neste caso é un dato sobre un total absoluto moi pequeno, só 10 prazas en Ceuta e Melilla.
Tamén Aragón e Balears rexistran un 13% de renuncias ou non incorporacións, aínda que con cifras absolsutas máis cativas. Na banda contraria están Cantabria, Murcia e Navarra, onde as prazas non cubertas en medicina de familia non superan o 3%. Igualmente quedaron por baixo do 5% Madrid e Canarias.
Alén de medicina de familia, especialidades como enfermaría de saúde mental, do traballo e xeriátrica tamén quedaron sen cubrir e van á convocatoria extraordinaria
Alén da medicina de familia, as outras especialidades de formación sanitaria especializada que finalmente non cubriron todas as prazas ofertadas foron enfermaría de saúde mental en Lugo, Pontevedra, Santiago e A Coruña, así como unha praza de enfermaría do traballo ofertada por Quirón e unha de enfermaría xeriátrica na área de Lugo.
Na Coruña tampouco se cubriu unha praza de cirurxía oral e maxilofacial e en Ourense, outra de medicina interna. Igualmente, quedaron senllos ocos en oncoloxía radioterápica en Santiago e en psiquiatría en Lugo. No cadro por baixo destas liñas pódense consultar todas as vacantes do Estado, que o Ministerio tenta adxudicar cunha convocatoria extraordinaria.