Vinte localidades acollen mobilizacións pola "reversión" dos recortes nun Sergas máis "debilitado" pola COVID

Mobilización de SOS Sanidade Pública en Vigo CC-BY-NC-SA BNG

Vinte localidades acolleron este martes en Galicia mobilizacións para demandar a "recuperación" do sistema público sanitario galego entre duras críticas a Feijóo por "intentar apropiarse" dos logros na loita contra a COVID e polo "uso persoal" da pandemia.

As mobilizacións de SOS Sanidade Pública demandan á Xunta que "reverta os recortes" no Sergas e remate coa "precariedade" 

Convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública, as concentracións tiveron lugar nas sete cidades galegas e en varias vilas máis para demandar á Xunta que "reverta os recortes" no Sergas e remate coa "precariedade" do persoal sanitario, ademais de recuperar a atención presencial nos centros de saúde. 

Mobilización de SOS Sanidade Pública en Compostela CC-BY SOS Sanidade Pública

"O público é servizo, o privado beneficio" ou "cita presencial, non virtual" foron algunhas das consignas que se escoitaron nas diferentes mobilizacións, nas que se leu o manifesto da plataforma convocante, no que se pedía "recuperar o sistema público de saúde" ou se censuraba o uso de Feijóo da pandemia "buscando o seu beneficio político" ao "acaparar" as intervencións na TVG durante a crise. 

Os manifestantes censuraron o uso de Feijóo da pandemia "buscando o seu beneficio político"

SOS Sanidade Pública advirte de que a pandemia "aumentou a presión" sobre o persoal do Sergas nun sistema que xa chegou "falto de recursos" e "debilitado" á COVID logo de "anos de recortes". Ademais, alerta da "suspensión de probas" e da "desatención" doutras doenzas que está provocando a COVID, o que deriva "nun probelma de saúde e gran malestar social". 

Mobilización de SOS Sanidade Pública en Ourense CC-BY-SA PSdeG

Así, a plataforma demanda que os fondos europeos para a recuperación sexan destinados a "terminar coa precariedade no Sergas, mellorar as infraestruturas e aumentar as categorías profesionais". A marcha foi apoiada por diferentes deputados dos dous partidos da oposición, BNG e PSdeG, que insistiron na urxencia das medidas para fortalecer a sanidade e, nomeadamente, a Atención Primaria. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.