A Comisión de Investigación do Ministerio de Transportes conclúe que o sinistro dunha avioneta que capotou no aeródromo de Rozas debeuse á "perda de control da aeronave debido á picadura ao piloto dunha vespa velutina"
O 1 de novembro de 2022 unha avioneta estrelouse no aeródromo de Rozas, en Lugo, resultando ferido leve o seu piloto e único ocupante. O accidente, segundo vén de facer agora oficial a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (CIAIAC) do Ministerio de Transportes foi causado por unha avespa velutina que picou o piloto.
O accidente de Rozas convértese así no primeiro sinistro deste tipo declarado oficialmente en Galicia e estende a máis eidos os efectos nocivos da expansión polo país desta especie invasora.
Segundo o informe oficial da investigación realizada polos técnicos da CIAIAC, o piloto sinistrado, de 46 anos e con 547 horas de voo, realizaba prácticas de aterraxes e engalaxes no aeródromo de Rozas cunha avioneta cando viu unha avespa velutina na cabina. "O piloto colleu o libro do avión e matouna", di o informe, ante o que "quedou tranquilo pensando que non o picaría".
O piloto quedou inicialmente atrapado e resultou con feridas leves e a investigación non atopou ningún outro problema que a picadura da avespa
Tras unha operación de aterraxe e inmediato despegue o piloto "notou unha picada no ollo esquerdo e veu outra avespa velutina, soltou a panca de control que levaba coa man esquerda para tentar matar a avespa" e "ao soltar o mando, o morro da aeronave caeu e ao atoparse entre un e dous metros sobre a pista tocou a mesma". A avioneta acabou capotando e con "danos importantes" e o piloto, que quedou atrapado ata que o socorreron, con feridas leves.
Os investigadores non viron ningún problema nin na aeronave, nin no piloto, nin na climatoloxía e analizaron mesmo o procedemento de saída da avioneta do hangar. Este fora "aberto previamente por outro usuario" e o piloto comprobara o combustible e o resto de parámetros previos ao voo "coa cúpula aberta durante uns minutos". Despois do accidente, o técnico de mantemento da avioneta comprobou os restos desta e o hangar e non atopou máis avespas ou niños destas.
O informe da CIAIAC di que coa picada da avespa "o piloto soltou os mandos, posiblemente ante a dor que sentiu" e que "ao tratarse dun acto reflexo" non foi consciente das "consecuencias que tería ese acto", que ao atoparse a avioneta tan próxima do chan supuxo o seu choque "sen darlle tempo ao piloto a reaccionar".
A investigación conclúe como toda causa ou factor contribuínte para que se producise o accidente "a perda de control da aeronave debido á picadura ao piloto dunha avespa velutina", e non emite ningunha recomendación de seguridade para o futuro.