Xa son 92.000 as hectáreas queimadas no que vai de verán, 79.000 en incendios aínda activos

Incendio declarado en Oia este xoves 21 de agosto CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

A situación mellora no interior pero este xoves apareceron novos incendios nas Rías Baixas

[Nas fins de semana de agosto Praza.gal non actualiza as súas informacións por descanso do persoal, pero nesta e ante o extraordinario da crise de incendios actualizamos e divulgamos os datos oficiais contidos no gráfico desta información]

O parte oficial da Xunta sobre os incendios da mañá deste venres, con todas as súas eivas criticadas este xoves polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, reflicte que aínda hai cinco grandes incendios activos, os cinco iniciados na provincia de Ourense. Pero este xoves a Xunta deu conta de dous novos lumes en Pontevedra, en Oia e Vilaboa. Suman entre eles 79.000 hectáreas, ás que hai que engadir os incendios que a Xunta dá por estabilizados pero aínda non controlados, e os controlados pero aínda non extinguidos. 

Engadidos tamén os xa apagados, e logo da nova cuantificación de hectáreas realizada pola Xunta na noite do mércores, que disparou a superficie, no que vai de verán son xa máis de 92.000 hectáreas as queimadas, moi preto das 96.000 de 2006. Porén, os datos de satélite indican que a superficie afectada sería xa moi superior. 

Por incendios activos, o de Larouco, o maior rexistrado na historia de Galicia e que avanzou ata o Courel, está en 30.000 hectáreas, seguido dos do Macizo Central ourensán, con 19.000 hectáreas, e o de Oímbra e Xinzo de Limia, con 17.000 hectáreas. Pero tamén seguen activos o da Mezquita, con 10.000 hectáreas e o que afecta a Trevinca, en Carballeda de Valdeorras, con 2.600 hectáreas na mañá deste venres e 3.000 xa pola noite.

O incendio de Mougás, en Oia, ao pouco de iniciarse visto sobre Baiona desde a praia de Lourido ou Praia América, en Nigrán CC-BY-SA Praza Pública

Os novos incendios de Vilaboa e Oia puxeron en risco zonas poboadas

Mentres, en Pontevedra na tarde deste xoves apareceron dous novos incendios, na parroquia de Santa Cristina de Cobres en Vilaboa e na de Mougás en Oia, os dous con risco para zonas poboadas.

No positivo, á marxe dos grandes incendios de Ourense e Lugo e dos novos que apareceron nas Rías Baixas, estanse estabilizando ou controlando o resto de lumes, entre eles o de Maceda que arde con 3.500 hectáreas desde o 10 de agosto pero que vén de ser agora controlado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.