A Confederación Hidrográfica principia o traslado destes exemplares, considerados especies vulnerables, como paso previo á reparación do caneiro da Acea de Olga e do antigo muíño que durante décadas acolleu un restaurante
Potomida littoralis e Unio delphinus son dúas especies de náiades, os comunmente coñecidos como mexillóns de río. Son bivalvos que teñen a consideración de especies vulnerables e entre as súas funcións nos ecosistemas fluviais está o filtrado da auga, mesmo "asimilando certos contaminantes".
Quen ofrece a explicación é Alberto de Anta, comisario adxunto da Confederación Hidrográfica Miño - Sil (CHMS) e director dunhas obras na contorna do caneiro lucense da Acea de Olga que inclúen un procedemento tan complexo como "pioneiro". O traslado de ata 15.000 destes mexillóns, un por un, para que non se vexan afectados polos traballos.
As obras que a CHMS vai acometer no leito do Miño ao seu paso pola cidade de Lugo levan sendo longamente agardadas pola entidade dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Consisten na rehabilitación dun antigo muíño fariñeiro e do edificio que ten ao seu carón, complexo situado nos terreos públicos da beira do río e sobre el que durante décadas funcionou como restaurante, o clásico lucense O Muíño, célebre nos anos 80 e 90 por especialidades como as anguías e tamén por asolagarse anualmente coas crecidas do río.
Os mergulladores localizan os mexillóns e recóllenos "un por un". A continuación son trasladados en recipientes isotermos en lotes de 750 ata doce treitos do Miño augas abaixo
Tras a xubilación dos propietarios e o peche do restaurante durante anos, a Xustiza acabou ditaminando a extinción da concesión que permitiu explotar o antigo muíño para fins hostaleiros. E a CHMS emprendeu os traballos de rehabilitación do caneiro e do edificio antes de cedelos á Universidade de Santiago, que os integrará no Campus Terra para diversas actividades.
Pero, antes da rehabilitación en sentido estrito, cómpre trasladar os sensibles mexillóns. O equipo científico que empezou a traballar este 29 de xullo calcula que na contorna hai "entre 7.500 e 15.600 exemplares" para mover. para facéreno, mergulladores con visores subacuáticos traballan na localización e recóllenos "un por un, de forma manual".
A continuación, son introducidos "en recipientes isotermos cubertos por auga" ata o traslado, que se fai no mesmo día. Van en lotes de 500 Potomida littoralis e 250 Unio delphinus ata doce treitos do Miño augas abaixo. "Teñen unha función moi importante para o ecosistema", subliña De Anta.
A existencia destes mexillóns no río transcende do ámbito técnico e científico, xa que estivo no centro de diversas controversias políticas na cidade de Lugo nos últimos anos. Concretamente, coa Xunta enfrontada ao Concello e á propia CHMS.
Así, por exemplo, en 2022 o Goberno galego freou estas obras na Acea de Olga aludindo que precisaba máis documentación para abordar a posibilidade do traslado dos mexillóns. E en varias ocasións, a Xunta vetou a praia fluvial que proxectaba o goberno local aludindo tamén a presenza destas especies e, naquel caso, unha suposta inviabilidade para trasladalos.