Este 11 de febreiro celébrase o Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia, impulsado pola ONU para "lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, así como a igualdade de xénero e o empoderamento".
Este 11 de febreiro celébrase o Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia
Dende hai anos alértase das grandes diferenzas de xénero nas carreiras universitarias científicas e técnicas e, polo tanto, nestas profesións. Unha fenda que, lonxe de camiñar cara a un equilibrio, cada vez se fai máis grande. De feito, a porcentaxe de mulleres nas carreiras de ciencias en Galicia caeu 10 puntos na última década.
Dende distintas institucións destácase a importancia de que as mulleres estean presentes en igualdade nestes campos que tanta importancia económica e social teñen nas nosas sociedades. E sublíñase a necesidade dun cambio de mentalidade a todos os niveis, incidindo sobre todo no traballo que se poida facer no ensino primario e medio e na relevancia de que as nenas conten con referentes femininos de éxito no mundo das ciencias, como fai Lucía Casas Piñeiro no artigo de opinión que hoxe publicamos. En Praza.gal publicamos hai tres anos esta ducia de mulleres científicas galegas.
A realidade, con todo, é que en moitas enxeñarías e carreiras como Física, a porcentaxe de mulleres rolda o 25% ou 30% do alumnado e que en Informática a porcentaxe é de tan só o 13%. Para traballar nun cambio xa dende o ensino medio, o grupo Xuvenciencia (do campus de Lugo da USC) lanzou hai unhas semanas unha iniciativa entre 200 docentes de centros de ensino secundario galegos que busca "desmontar os prexuízos de xénero que lastran a carreira investigadora das mozas e as mulleres novas".
O obxectivo da actividade é "desmontar os prexuízos de xénero que lastran a carreira investigadora das mozas e as mulleres novas"
‘A ciencia como profesión’ desenvolverase nas aulas ao longo deste mes de febreiro, incidindo en que a baixa autoestima que adoitan amosar as rapazas cara ás disciplinas científicas é consecuencia dun mundo arredor que lles lanza continuamente mensaxes, tamén erradas, que ditaminan que eles teñen máis capacidade intelectual e que os logros delas están máis asociados ao traballo duro e a que son máis sacrificadas.
As actividades están dirixidas a mozos e mozas desde 3º de ESO a 2º de BAC. XuvenCiencia pretende artellar un mecanismo para a reflexión e a coeducación a partir desta proposta, para elaborar seguidamente un informe de avaliación dos resultados que se obteñan.
Obradoiros para nenas e nenos de 3 a 12 anos
Ademais, Xuvenciencia celebrará o Día das Mulleres e as Nenas na Ciencia con outra actividade, que terá lugar o 12 de febreiro no CEIP Paradai de Lugo, onde os seus 300 alumnas e alumnos de entre 3 e 12 anos participarán en 17 obradoiros científicos adaptados e desenvolvidos por máis dunha vintena de investigadoras, profesoras e alumnas de últimos cursos de grao da USC.
300 alumnas e alumnos de entre 3 e 12 anos participarán en 17 obradoiros científicos desenvolvidos por máis dunha vintena de investigadoras, profesoras e alumnas de últimos cursos de grao da USC
Un xogo de pilla-pilla arredor da cadea trófica e actividades de robótica para os nenos e nenas de Educación Infantil, traballo sobre a alimentación saudable e a xestión responsable da auga para as e os estudantes de primeiro e segundo de Primaria, unha introdución ás curas de enfermaría e á botánica adecuada ao alumnado de terceiro e cuarto e a experimentación coa fibra óptica e os elos das cadeas de ADN para a rapazada de quinto e sexto de primaria son algunhas das actividades que se propoñen.
O alumnado contará co apoio de integrantes do grupo XuvenCiencia e tamén cun equipo de 22 persoas entre investigadoras, doutorandas e estudantes dos últimos cursos de diferentes graos que se imparten na Universidade de Santiago, como Bioloxía, Veterinaria, Enfermaría, Nutrición, Enxeñaría Politécnica, Robótica ou Formación do Profesorado. Mozas que elixiron carreiras científicas e que son polo tanto referentes positivos de incorporación das mulleres a estes campos.