A Axencia Espacial Escolar Galega recupera os lanzamentos de cápsulas estratosféricas, paralizados dende a pandemia

Ensaio do lanzamento do MarumaSat V, hai uns días na Cidade da Cultura © NOSA

O lanzamento supón a continuidade dunha iniciativa de ciencia escolar na que este ano participa alumnado e profesorado de catro centros públicos: IES Miraflores (Oleiros), IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), IES Arzobispo Xelmirez II (Santiago de Compostela) e CPI O Cruce (Cerceda)

Entre os anos 2016 e 2019 a NOSA. Axencia Espacial Escolar galega lanzou á estratosfera catro sondas, que superaron os 30 quilómetros de altura e coas que levaron a cabo varios experimentos científicos. Porén, dende o ano 2020 a pandemia de COVID impediu continuar cos lanzamentos, que regresan este mércores ás 12 do mediodía. 

A Cidade da Cultura acolle o evento, que supón a continuidade dunha iniciativa de ciencia escolar na que este ano participa alumnado e profesorado de catro centros públicos: IES Miraflores (Oleiros), IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), IES Arzobispo Xelmirez II (Santiago de Compostela) e CPI O Cruce (Cerceda).

Ensaio do lanzamento do MarumaSat V, hai uns días na Cidade da Cultura © NOSA

Unha das novidades da MarumaSat V é a incorporación dunha cámara de 360 graos que gravará neste formato as imaxes do ascenso e descenso

Os obxectivos deste novo lanzamento quedaron definidos naquel ano 2020, nun congreso organizado en Santiago de Compostela ao que asistiu o alumnado dos centros participantes. Unha das novidades da MarumaSat V é a incorporación dunha cámara de 360 graos que gravará neste formato as imaxes do ascenso e descenso. A cápsula tamén incorpora unha estrutura impresa en 3D deseñada para portar un ovo, co propósito de que resista os abaneos da viaxe e o impacto da aterraxe e regrese intacto á superficie. 

Ademais, instalarase un dispositivo LoRa para establecer comunicación por radio coa cápsula. Tamén se rexistrarán diversas magnitudes atmosféricas así como o campo magnético terrestre en altura. Finalmente, se as condicións o permiten, a MarumaSat V tratará de batir os 35.500 metros de altura, o récord acadado na cápsula MarumaSat IV no ano 2019.

Nos últimos anos leváronse a cabo distintos experimentos e iniciativas ligados a estes lanzamentos. Por exemplo, en 2019 a cuarta sonda conseguiu ratificar experimentalmente a teoría da relatividade especial de Einstein

O proxecto, que leva funcionando dende o curso 2014-2015, ten como obxectivo principal levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través do deseño e construción dunha cápsula estratosférica que, no terceiro trimestre de cada curso, realiza un voo suborbital.

Nos últimos anos leváronse a cabo distintos experimentos e iniciativas ligados a estes lanzamentos. Por exemplo, en 2019 a cuarta sonda conseguiu ratificar experimentalmente a teoría da relatividade especial de Einstein 119 anos despois de ser formulada. Ademais, congresos científicos nos que participou o alumnado dos institutos que forman parte da NOSA serviron para presentar e discutir os resultados obtidos e para facer propostas de cara aos anos seguintes.

Imaxe da sonda lanzada á estratosfera nunhas das edicións anteriores © NOSA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.