A que soan as eclipses? Mateo Mena achéganos aos sons da 'radio natural'

Mateo Mena na gravación das 'auroras' en Groenlandia © Mateo Mena

 

Mateo Mena reivindica a escoita como forma válida para o coñecemento científico. Leva varios anos centrado nos universos sonoros do que sucede a milleiros de quilómetros de nós, nesa 'radio natural' que emite desde hai séculos nun espectro inaudible para o ser humano pero que se pode transformar en ondas acústicas para que poidamos apreciar o que sucede no Universo lonxe do noso control

A ‘radio natural’ emite desde hai séculos, pero cada vez resulta máis difícil escoitala. “Referímonos aos sons electromagnéticos, é dicir, que pertencen a un espectro ao que non podemos acceder de ningún xeito, a non ser a través de ferramentas ou da tecnoloxía. Non podemos escoitar o espectro electromagnético porque os nosos oídos funcionan simplemente con ondas de presión, que son as ondas acústicas. A única maneira que temos de acceder a este espectro é a través da vista, pois unha parte moi pequena do espectro electromagnético é a luz visible”, explica o artista sonoro Mateo Mena (Santiago de Compostela, 1983).

“Sería como escoitar unha radio normal, mais chámase ‘radio natural’ porque é unha radio que leva miles de millóns de anos emitindo. O que pasa é que só nas últimas décadas (desde os anos cincuenta do século pasado) fomos conscientes da súa existencia, precisamente cando o ser humano descubriu que se podía modular unha onda electromagnética a través da voz”, abunda o compostelán afincado en Vigo, que leva ás costas moitas horas de escoita e gravación destes sons cunha antena e un receptor construídos por el mesmo. A maior dificultade agora mesmo é atopar un lugar libre de interferencias –antenas, redes wifi, tendido eléctrico, parques eólicos...– para poder escoitar e recoller estes sons.

Principalmente se trata de sons de tormentas, de impulsos electromagnéticos como por exemplo as descargas eléctricas... Os terremotos tamén xeran esta clase de ondas, así como as auroras ou o vento solar. Mateo Mena explica que sempre lle interesou a electricidade como algo do que só vemos o seu efecto, e isto, ligado ao seu coñecemento musical e os anos de formación no Conservatorio Superior de Vigo, levárono a introducirse máis neste misterioso universo sonoro. “Como estes sons están en todo o planeta, para min é algo que nos conecta a todos e todas. Un intanxible co que todo o mundo pode identificarse, máis alá dos nesgos culturais de cada un”, razoa o compositor.

"Como estes sons están en todo o planeta, para min é algo que nos conecta a todos e todas. Un intanxible co que todo o mundo pode identificarse"

Unha das súas teimas é chegar a concienciar de que o Universo é moito máis grande ca nós e debemos coidalo, protexelo; e non borralo, como sucede nas cidades coa 'radio natural' porque é imposible escoitala entre tantas distorsións e interferencias, todas elas creadas polo ser humano en nome do progreso. 

Grazas a diferentes bolsas, Mena puido viaxar ata Groenlandia e Chile para gravar en puntos opostos e lonxe de interferencias distintos fenómenos naturais. Ademais, explica, estes sons escóitanse mellor en latitudes altas. “Pretendía ver se desde lugares tan diferentes do mundo se podían trazar pontes a través desa ‘radio natural’. En concreto, neste caso foi a través de escoitar os sons das auroras boreais e das auroras austrais na zona sur. Atender a como nos podemos relacionar con esta meteoroloxía, con estes fenómenos atmosféricos a través tanto do oído como do corpo, por este motivo procurei traballar tamén con coreógrafas e bailarinas desas rexións”, debulla. 

Fotografías de antes e durante a eclipse de Mateo Mena na aldea de Pol (Monterroso), onde foi gravar co seu equipo © Mateo Mena

"Pretendía ver se desde lugares tan diferentes do mundo se podían trazar pontes a través desa 'radio natural'", conta sobre a experiencia en Chile e Groenlancia. En concreto, a través de escoitar os sons das auroras boreais e das auroras austrais

A este músico e luthier de instrumentos electrónicos tamén lle interesa a forma na que estes sons se poden presentar ao público, porque á parte de mostralos tal cal para unha experiencia máis ligada ao eido científico, Mena tamén traballa con estes sons que grava para lograr toda unha experiencia sonora. “Os instrumentos musicais que fago traballan con estes sons que se poden manipular a través de circuítos electrónicos. Recibes en directo o son da atmosfera da ‘radio natural’ e podes escoitalo tal cal, modificalo ou ir facendo un discurso sonoro en función do que queiras”, salienta.

A que soa unha eclipse?

Mateo Mena viviu a eclipse total de Sol deste 12 de agosto desde a aldea de Pol, en Monterroso (Lugo). Alí montou a súa antena e estivo gravando durante unhas tres horas, pois é necesario gravar un tempo antes, durante e un pouco despois para ver como é a diferenza. Ademais, como a eclipse foi tan próxima ao solpor, a ionosfera tamén cambia. Polo que pode haber moitas cousas mesturadas na gravación e agora lle toca analizala ben para poder tirar conclusións.

"Foi como un segundo amencer do día, tiña varios paxaros preto e tamén comezaron a cantar nese intre no cal volvía asomar o sol", describe sobre a ecplise total de Sol, que gravou para analizar

“Foi moi interesante tamén o fenómeno acústico ao meu redor, os grilos comezaron a cantar máis ou menos ás oito e vinte e cinco minutos; e tamén as ras. Foi como un segundo amencer do día, tiña varios paxaros preto e tamén comezaron a cantar nese intre no cal volvía asomar o sol”, detalla.

De Alaska a Galicia

Este mesmo sábado, 15 de agosto, Mena sae cara a Alaska para aprender novas técnicas. Vai afondar na ‘radio natural’ e quere empregar as árbores como antenas –sen cavarlles nada, obviamente– para ver as posibilidades que lle dan diversas contornas naturais. “Todo isto coa idea de que despois, cando regrese, poida traballar con materiais de aquí á intemperie, como o granito”, avanza.

“Pasei unha temporada estudando na Escola de canteiros de Poio e foi algo que me gustou moito. O granito é parte do legado xeolóxico galego, así que tratar de facer antenas ou instrumentos con esta pedra tan nosa. Penso na idea de facer unha especie de santuario de escoita, a dificultade é que o noso territorio está totalmente atravesado polo extractivismo; tanto o monte coma o vento son obxectos de especulación enerxética. Precisaríamos dun espazo lonxe de parques eólicos e onde non haxa eucaliptos”

"A dependencia tecnolóxica e da rede eléctrica pode condicionarnos a perdernos todos estes sons que están aí, por estar intentando escribir un novo capítulo na historia da sociedade o estamos escribindo por enriba deles"

Como estes sons da ‘radio natural’ non se poden escoitar na cidade, a idea desta sorte de santuario permitiría ter un lugar no que durmir e escoitar aquilo que está sempre emitindo sempre, a pesar de que no noso día a día non nos decatemos. 

“A dependencia tecnolóxica e da rede eléctrica pode condicionarnos a perdernos todos estes sons que están aí, por estar intentando escribir un novo capítulo na historia da sociedade o estamos escribindo por enriba deles. É probable que chegue un momento no que esteamos tan rodeados de aparellos eléctricos e electrónicos que xa non poidamos nin escoitar estes sons”, asevera.

Mateo Mena reivindica a escoita como forma válida para o coñecemento científico. “Igual que dicimos 'ver para crer', pois podemos dicir 'escoitar para crer'. O oído pode proporcionarnos información cientificamente válida”, incide. 

O son das tormentas electromagnéticas 

Unha das partes da ‘radio natural’ son os sons da radioastronomía. “A través de antenas de radio moito máis grandes do habitual podes escoitar sons do noso propio planeta, como serían as auroras boreais, mais tamén sons de máis aló do noso planeta. Iso está moi ben para entender as distancias e gañar esa humildade que hai que ter cando te decatas do grande que é todo; pois todos estes procesos van máis alá das escalas humanas de movementos e tempos”, conta Mena.

Co seu instrumento Jupiter Fulgur é quen de captar o son das tormentas electromagnéticas que teñen lugar a milleiros de quilómetros e de intervilos coas ferramentas da música electrónica

“O proxecto baseábase na interacción que hai entre Xúpiter e unha das súas lúas, Ío, que ten moita actividade volcánica, precisamente porque a gravidade de Xúpiter é tan grande que deforma o propio satélite, e se deforma tanto que eses volcáns están continuamente emitindo partículas de dióxido de xofre. Entón, esas partículas caen ao espazo, pois Ío non ten atmosfera, así que van caendo polo espazo ata que o campo magnético de Xúpiter as atrapa. Esas partículas son ións, como pequenos imáns. As partículas caen neste campo magnético e son aceleradas, e cando se aceleran emiten ondas de radio. Se se dan unha serie de circunstancias como que Xúpiter está por enriba do noso horizonte, e orientado cara á Terra, esas ondas poden chegar ata nós”, describe.

O instrumento creado por Mateo Mena para captar o son destas tormentas que teñen lugar a milleiros de quilómetros chámase Jupiter Fulgur e permite facer un concerto en directo ou gravar esas tormentas para despois intervir ese material coas ferramentas da música electrónica. Aínda está a traballar neste instrumento coa intención de poder ofrecer unha experiencia multisensorial ao público, buscando achegarnos ao máximo á experiencia de como sería se nos deixaran na contorna de Xúpiter (algo imposible hoxe, porque non sobreviviriamos) á intemperie.

Mateo Mena participou na última edición do festival Sinsal dende o Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico en Vigo © Aigi Boga
Fotografía de Mateo Mena durante a gravación das auroras boreais en Groenlandia © Mateo Mena

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.