Máis que unha illa, Sinsal é unha travesía: a viaxe na que a música ten lugar

María Rodés actuará no Peirao do Areal, entre bloques xigantes de granito © Sinsal

A edición 2026 do festival, que comeza este venres vai moito máis aló dos concertos secretos na Illa de San Simón. O evento, a piques de celebrar o seu 25 aniversario, inclúe unha ampla programación por espazos singulares, dende o Museo do Mar ao Mosteiro de Oia, pasando polo Planetario de Vigo

Antes de ser unha illa, o festival Sinsal naceu como unha travesía. O evento celebrou no ano 2003 a súa primeira edición, concibida como un festival itinerante entre Vigo e Porto e co nome de Delicatessen de Músicas Sanas, en colaboración co Festival do Porto e con nomes tan destacados como os de Luna, Hood ou Explosions in the Sky. 

24 anos despois, cando o Sinsal está a piques de celebrar o seu primeiro cuarto de século, a cita reafirma a súa condición de camiño de músicas e a súa inevitable conexión con Portugal cunha programación que levará concertos a espazos singulares, coma o Museo do Mar, o Mosteiro de Oia, o Planetario de Vigo ou o peirao da cidade, celebrando neste caso o patrimonio industrial vigués. A conexión portuguesa levará tamén o Sinsal ata Braga, en colaboración co Festival Semibreve.

E, por suposto, manterá a súa cita na Illa de San Simón, con tres xornadas de música -dende o venres 24 ao domingo 26- e o seu cartel secreto, con nomes coidadosamente escollidos polos programadores de Sinsal que o público só coñece unha vez que baixa do barco na illa. Serán dúas intensas fins de semana, seis días, con 30 proxectos musicais procedentes de 12 países distintos. 

Un dos concertos da pasada edición do Sinsal San Simón CC-BY-SA Sinsal / Cris Padín

A música, no seu espazo

Ademais, percorre unha vez máis a conexión Vigo-Portugal cunha xornada moi especial en Braga

Calquera definición de música ("estímulo sonoro que afecta o campo perceptivo da persoa", "arte de organizar sons e silencios ao longo do tempo"...) omite calquera referencia ao espazo físico no que esta se produce ou escoita. Pero a música, un concerto, é moito máis que música, senón que sempre se revela como unha experiencia completa na que o contexto engade novos significados, na que o continente modifica o propio contido.

Para Sinsal sempre foi fundamental o espazo no que se celebraban os seus concertos. Así o demostra cada ano nas localizacións da Illa de San Simón pero tamén nas súas actividades paralelas e noutra programación. Así o destaca Julio Gómez, director de Sinsal, que subliña que "a acústica do lugar e a perspectiva visual son dúas cousas que para nós van conectadas". "Nestes 24 anos Sinsal sempre tivo a sensibilidade de buscar lugares para perfís de artistas moi determinados. Reforzamos a súa proposta abrigando a súa música en lugares que ofrezan algo ou que teñan un especial interese, tanto dende un punto de vista patrimonial ou mesmo dende un punto de vista técnico", di.

"A acústica do lugar e a perspectiva visual son dúas cousas que para nós van conectadas", destaca Julio Gómez, director de Sinsal

No último cuarto de século Sinsal foi abrindo lugares para a música, mesmo dende as súas primeiras edicións: o Teatro Salesianos, o MARCO, o Auditorio Afundacion, o Museo do Mar..., pero tamén xardíns, garaxes ou bibliotecas. "Fomos abrindo lugares sempre coa mesma filosofía de buscar crear unha experiencia única entre o artista e o público", salienta Julio Gómez.

Nesta edición destacan escenarios coma o Museo do Mar -onde haberá tres concertos con cartel secreto- ou o Mosteiro de Oia, que acollerá o concerto de clausura de Alondra Bentley. Pero, sobre todo, apostarase por explorar o patrimonio industrial vigués, con concertos na nave Reder@s no peirao de reparacións de Bouzas, que acollerá a estrea en Galicia do grupo madrileño Las nietas del Charli. Outra das sitas será no Peirao do Arenal. Alí, entre bloques xigantes de granito -como xa aconteceu no escenario Sinsal Océano de 2024-, actuará a barcelonesa María Rodés, un concerto que celebrará o 50º aniversario de Kaleido Logistics. 

Ademais, na mañá deste venres 24, antes de que os primeiros barcos partan en dirección á Illa de San Simón, haberá dous concertos moi especiais, que explorarán as posibilidades da acústica en dous espazos arquitectónicos singulares: a cámara semianecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Uvigo, unha sala illada de ruídos e radiacións externas onde a mellor experiencia é a insuficiencia acústica. E, ademais, a cúpula semiesférica do Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico no que a reflexión do son intensifica a percepción sensorial.

A cámara semianecoica da Uvigo acollerá un concerto moi especial © Sinsal

Conexión portuguesa

"Cando ves os lugares nos que acontecen cousas, dáste conta de que Portugal está a outro nivel. Braga que é unha cidade pequena, moito máis pequena que Vigo ou A Coruña, ten un dinamismo cultural que non ten ningunha destas cidades e moi poucas en toda España"

A conexión con Portugal estivo xa nos inicios do Sinsal, pero existe de forma natural para todos os amantes da música en Galicia. Dende sempre existiu unha constante peregrinación ao norte de Portugal para descubrir novidades musicais ou ver concertos de bandas internacionais que recalaban no Porto e noutras localidades. "O Camiño Portugués foi para nós a saída de emerxencia. Na transición dixital, buscabamos este salvavidas explorando a música que escintilaba desde os expositores coidadosamente seleccionados por ese pequeno gran milagre chamado Matéria Prima", destacan dende Sinsal. Tamén estaba o "mítico" Aniki Bóbó entre outros locais e, máis adiante, a Casa da Música.

A conexión Vigo-Porto segue aí grazas ao bo gusto musical do público portugués e a unha oferta permanentemente renovada e moi activa. "Cando ves os lugares nos que acontecen cousas, dáste conta de que Portugal está a outro nivel. Braga que é unha cidade pequena, moito máis pequena que Vigo ou A Coruña, ten un dinamismo cultural que non ten ningunha destas cidades e moi poucas en toda España, quitando Madrid ou Barcelona", destaca Julio Gómez. 

"E que dicir de Porto, que é un dos epicentros culturais da Península? Con grandes trasatlánticos da programación, coma a Casa da Música ou Serralves, pero ademais cunha dinamización constante, cada fin de semana, de pequenos locais ou colectivos", engade. 

"Somos números que funcionan ao redor de industrias que investiron centos de millóns de euros en condicionar os nosos gustos. Ese proceso limita o que escoitamos a unha parte moi pequena das propostas que se producen"

O director do Sinsal recoñece neste senso a inevitable "envexa" que dende Galicia se ten cara á calidade da súa programación musical. "Teñen ademais unha gran capacidade para conectar a creación local coa internacional. Témolo neste senso como un paradigma do mellor que se pode facer a nivel cultural ou de programación. E aquí inflúe a iniciativa privada, pero tamén o impulso público, a un nivel que en Galicia se bota de menos", di.

Este ano Sinsal volverá realizar ese Camiño Portugués, cunha parada moi destacada en Braga, da man do recoñecido Festival Semibreve, que se celebra en outubro, un evento de música electrónica, arte sonora e arte dixital en activo desde o ano 2011. Un roteiro pola cidade percorrerá algúns puntos clave para a música, como gnration ou o Theatro Circo. Ademais, haberá dous concertos durante a visita: Tomás Alvarenga no Museu Nogueira da Silva e Alcrud3 na Livraria Centésima Página.

Fachada do Theatro Circo de Braga CC-BY-SA Sara silva

Unha "militancia política" pola cultura

"Hoxe en día hai moitísima información, pero por iso mesmo a información e o coñecemento experto é aínda máis valioso, porque hai que saber onde buscar. E ese é o traballo de comisariado, das persoas que realizan este traballo de buscar e de ofrecer cousas novas", di

Un dos elementos que sempre chaman a atención do Sinsal é o cartel secreto dos concertos que acolle a Illa de San Simón. Todos os anos centos de persoas acoden ao festival coa plena confianza no coñecemento musical dos programadores e na súa capacidade para escoller bandas e artistas que lles gustarán ou, cando menos, interesarán. Na era do algoritmo, de gustos definidos por máquinas, isto ten unha virtude case que revolucionaria.

"Eu sempre digo que isto ten unha dimensión ideolóxica e supón unha certa militancia política, unha militancia política que por suposto non ten que ver con carnés nin con bandeiras, é unha militancia diferente. Agora sabemos que os nosos gustos están completamente controlados e dirixidos polo algoritmo. Hai dez anos non o percibiamos tanto, pero estabamos igualmente controlados. Somos números que funcionan ao redor de industrias que investiron centos de millóns de euros en condicionar os nosos gustos. Ese proceso limita o que escoitamos a unha parte moi pequena das propostas que se producen, mentres que hai propostas interesantísimas en todas as artes que quedan fóra, que non chegan a nós. Por iso é unha militancia", destaca Julio Gómez, que subliña neste caso o valor de programadores, expertos e xestores culturais.

"A diversidade non só ten que ser teórica, senón que temos que levala á práctica. Temos que ofrecer canles para dar a coñecer e visibilizar a diversidade que hai no noso territorio pero tamén toda a diversidade que hai ao longo do planeta", destaca

"Hoxe en día hai moitísima información, pero por iso mesmo a información e o coñecemento experto é aínda máis valioso, porque hai que saber onde buscar. E ese é o traballo de comisariado, das persoas que realizan este traballo de buscar e de ofrecer cousas novas", di.

Cousas novas "e diversas", engade, sinalan que "vivimos nun mundo plural e diverso, unha palabra moi manoseada nos nosos días, pero moi pouco practicada". "A diversidade non só ten que ser teórica, senón que temos que levala á práctica. Temos que ofrecer canles para dar a coñecer e visibilizar a diversidade que hai no noso territorio pero tamén toda a diversidade que hai ao longo do planeta", di. "Haberá cousas que che gusten moito, outras que che gusten menos, pero tentamos que todo o que ofrecemos xere unha experiencia positiva", remata.

Un dos concertos da pasada edición do Sinsal San Simón © Sinsal

Para non perderse: programación

  • Mateo Mena: Detrás do azul. Work in progress. Venres 24 de xullo. 10.30 e 12.30 horas. Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro
  • Carme López: Quintela. Venres 24 de xullo. 10.30 e 12.30 horas. Cámara semianecoica da Universidade de Vigo
  • Festival Sinsal San Simón. Do venres 24 ao domingo 26 de xullo. Saídas en barco dende Vigo e Meirande (Centro de Interpretación de Rande)
  • Braga: Pasos e espazos do Festival Semibreve. Venres 31 de xullo dende as 14.30 horas
  • Las nietas del Charli. Venres 31 de xullo. 20.30 horas. Nave de Reder@s (Vigo)
  • María Rodés. Venres 31 de xullo. 22.30 horas. Kaleido Logistics (Vigo)
  • Tres concertos secretos no Museo do Mar (Vigo). Sábado 1 de agosto. 20.30 horas
  • Concerto de Clausura. Alondra Bentley. Domingo 2 de agosto. 20.00 horas. Real Mosteiro de Oia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.