Sinsal expándese a Portugal sen deixar a Illa de San Simón coa curiosidade e ilusión intactas

Unha das actuacións da pasada edición do festival Sinsal na Illa de San Simón © Cris Padín / Sinsal

Ás portas de celebrar o seu 25 aniversario, o festival Sinsal amplíase para realizar unha "travesía" que o levará das ondas do mar de Vigo ata Portugal. Dúas fins de semana para descubrir sonoridades de proxectos que proceden de 12 países de catro continentes

Sinsal regresa á Illa de San Simón, declarada como Lugar de Memoria polo Goberno de España, na fin de semana do 24 ao 26 de xullo co mesmo formato de cartel secreto que o converteu nun dos dez mellores festivais de música do Estado a opinión dos expertos. Mais este ano, ás portas de celebrar o seu 25 aniversario, o festival amplíase para realizar unha "travesía" que o levará das ondas do mar de Vigo ata Portugal. 

A primeira fin de semana desta particular "travesía" volve conectar Vigo coa redondelá Illa de San Simón. Sinsal manterá o seu formato habitual: horario diúrno, acceso en barco desde os portos de Vigo e Meirande (Rande) e actuacións que o público non descobre ata que desembarca. Pero tamén hai novidades, a programación incorpora dous concertos de inauguración na mañá do venres 24 en dous espazos da cidade olívica significativos pola súa acústica: o Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico e a cámara semianecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo.

Presentación do festival Sinsal este luns en Vigo © Lino Escurís / Sinsal

A programación secreta de concertos na Illa de San Simón acompañarase de oito actividades paralelas divulgativas co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio cultural, natural e histórico de San Simón, ademais de obradoiros de experimentación sonora e ata un showcooking coa recoñecida chef de Riós Begoña Vázquez.

O Sinsal segue o Camiño Portugués á súa maneira, pois foi esa peregrinaxe ata a cidade do Porto dos fundadores do festival, Julio Gómez e Luis Campos, para facerse con discos de artistas que descoñecían e asistir a concertos que aínda non tiñan espazo en Galicia, a que os leva de volta ata o país veciño máis de vinte anos despois e cunha aposta cultural consolidada a partir da marca Sinsal. Fano, ademais, coa curiosidade e a ilusión intactas.

O Sinsal en Braga chegará ata o Museu Nogueira da Silva e á Livraria Centésima Página no marco do paseo musical Braga: pasos e espazos do Festival Semibreve

Desta maneira, a segunda fin de semana, do 31 de xullo ao 2 de agosto, transcorrerá por espazos do patrimonio industrial do porto de Vigo, o Real Mosteiro de Oia e, por primeira vez, estenderase ata Braga en colaboración co recoñecido Festival Semibreve. Con este percorrido polo Camiño Portugués, recuperan o eixo cultural entre Vigo, Porto e Lisboa que inspirou a posta en marcha de Sinsal a principios dos anos dous mil, cando os promotores viaxaban mensualmente a clubs lusos e tendas de discos como Matéria Prima.

O Sinsal en Braga chegará ata o Museu Nogueira da Silva e á Livraria Centésima Página no marco do paseo musical Braga: pasos e espazos do Festival Semibreve, que incluirá as actuacións dos artistas portugueses Tomás Alvarenga e Alcrud3. De volta en Vigo, a Nave de Redeir@s de Bouzas acollerá o concerto de Las Nietas del Charli, e o espazo da empresa viguesa Kaleido Logistics –que celebra o seu 50º aniversario– no peirao do Areal contará coa actuación da artista catalá María Rodés rodeada de bloques de granito procedentes de diferentes partes do mundo. 

O Museo do Mar de Galicia acolleu a presentación do Sinsal na que o presidente da Deputación de Pontevedra, o Comisario do Xacobeo 2027 e representantes de Estrella Galicia e do propio museo acompañaron aos organizadores do certame © Lino Escurís / Sinsal

Para non perder a tradición das sorpresas, o Museo do Mar de Galicia acollerá, como na Illa de San Simón, unha programación secreta que destacará pola estrea no Estado de tres bandas, ademais dun recoñecido grupo galego nos escenarios Xacobeo 2027 e Serea. O festival rematará no Real Mosteiro de Oia, o único edificio cisterciense do mundo situado á beira do Atlántico, cun concerto da cantautora Alondra Bentley.

30 bandas, solistas e DJs

A programación musical completa deste Sinsal 2026 repartirase a través de seis xornadas de concertos que reunirán a 30 bandas, solistas e DJs en total, con sonoridades que transistan entre as músicas de raíz, rock, cheer punk, hip hop, afrobeat, pop contemporáneo ou electrónica, entre outras. 

O Museo do Mar de Galicia acollerá, como na Illa de San Simón, unha programación secreta que destacará pola estrea no Estado de tres bandas, ademais dun recoñecido grupo galego

A organización traerá ata Galicia proxectos que proceden de 12 países de catro continentes, con bandas de África (Nixeria, Tanzania, Mali, Exipto e Serra Leona), Europa (Alemaña, Inglaterra, Portugal), Asia (Xapón) e América (Estados Unidos e Colombia). Do ámbito estatal, ademais das artistas galegas, haberá unha nutrida representación de Andalucía, Baleares, Cataluña, Euskadi, Madrid, Murcia e a Comunidade Valenciana.

En total, o festival acollerá 10 estreas no ámbito estatal e cinco en Galicia, das cales só desvelou por agora a participación do dúo Las Nietas del Charli (que actuará o venres 31 na Nave de Redeir@s, no peirao vigués de Bouzas).

Un concerto no marco do Festival Sinsal San Simón en 2024 © Pedro Galbán / Sinsal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.