A UDC coordina un proxecto internacional para detectar novos virus que poidan supor unha ameaza para a saúde global

CICA, Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC © UDC

FLUFET será o primeiro sensor automatizado capaz de detectar de forma continua un amplo espectro de obxectivos virais e cunha capacidade “sen precedentes de detectar virus descoñecidos”. Dende A Coruña Alejandro Criado coordinará os equipos de España, Italia, Portugal e Finlandia participantes no proxecto 

Nas primeiras semanas da pandemia de COVID escoitamos falar moito das zoonoses -o salto dunha enfermidade dende outra especie animal ao ser humano- e do risco de aparición de novos virus -ou da propagación e mutación de virus xa coñecidos- coa capacidade de supoñer un risco importante para a saúde humana.

Dende o ano 2020 aprendemos moitas cousas e tomáronse fortes determinacións para previr o xurdimento de novas pandemias e para estarmos máis preparados para limitar os seus efectos. Unha desas determinacións foi a de ter un maior control ante a evolución de virus coñecidos e descoñecidos. Con este obxectivo, está a prepararse o lanzamento de FLUFET, que será o primeiro sensor automatizado capaz de detectar de forma continua un amplo espectro de obxectivos virais e cunha capacidade “sen precedentes de detectar virus descoñecidos”.

Alejandro Criado, investigador do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) © UDC

Os futuros modelos sanitarios deben ter en conta a estreita relación entre a saúde humana e animal, e necesítanse urxentemente novas tecnoloxías capaces de vixiar continuamente os lugares onde o risco de transmisión de patóxenos é maior (os espazos compartidos por animais e humanos)

FLUFET é un proxecto internacional que será coordinado dende a Universidade da Coruña, en concreto dende o Grupo NanoSelf do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC (CICA), dirixido por Alejandro Criado, que foi seleccionado para coordinar un proxecto EIC Pathfinder de máis de 3.2 millóns de euros para desenvolver o sistema.

O proxecto require un consorcio interdisciplinar que inclúa socios de biofísica computacional, tecnoloxía do grafeno, nanotecnoloxía, detección, microfluídica, viroloxía, enxeñaría de superficies e deseño de sensores e electrónica. É por iso que desde A Coruña Alejandro Criado coordinará os equipos do resto de España, Italia, Portugal e Finlandia participantes no proxecto. 

"Necesítanse urxentemente novas tecnoloxías capaces de vixiar continuamente os lugares onde o risco de transmisión de patóxenos é maior (os espazos compartidos por animais e humanos) para evitar o custo humano, sociopolítico e económico de novas pandemias"

A UDC destaca que "as enfermidades zoonóticas infecciosas van en aumento e o risco dunha nova pandemia é agora maior que nunca" e advirte de que "os futuros modelos sanitarios deben ter en conta a estreita relación entre a saúde humana e animal, e necesítanse urxentemente novas tecnoloxías capaces de vixiar continuamente os lugares onde o risco de transmisión de patóxenos é maior (os espazos compartidos por animais e humanos) para evitar o custo humano, sociopolítico e económico de novas pandemias".

O Parlamento Europeo esixe unha vixilancia continua e unha recollida de datos harmonizada das explotacións animais. Con todo, dende a Universidade da Coruña explican que "os métodos actuais non son adecuados para unha detección in situ, continua e automática, polo que hoxe en día só se controla un número limitado de patóxenos específicos e coñecidos".

Iniciativa global 'One Health' CC-BY-SA Thddbfk

A iniciativa enmárcase dentro da estratexia global One Health, que avoga pola colaboración entre profesionais da saúde humana, animal e ambiental para abordar os desafíos de saúde que afectan a todos estes sectores dunha maneira interconectada

A iniciativa enmárcase dentro da estratexia global One Health, que avoga pola colaboración entre profesionais da saúde humana, animal e ambiental para abordar os desafíos de saúde que afectan a todos estes sectores dunha maneira interconectada. O seu obxectivo é comprender e previr enfermidades zoonóticas e promover un enfoque holístico cara á saúde global.

Traducidas, as siglas de FLUFET (FLow detection of virUses by graphene Field Effect Transistor microarrays) significan 'detección fluída de virus mediante micromatrices de transistores de efecto de campo baseados en grafeno'. E, en efecto, o sensor basearase en transistores de efecto de campo de grafeno (gFET) e detectará ameazas zoonóticas infecciosas antes de que se propaguen aos humanos e cren brotes potenciais, abrindo a porta á prevención continua de posibles pandemias.

O sensor basearase en transistores de efecto de campo de grafeno (gFET) e detectará ameazas zoonóticas infecciosas antes de que se propaguen aos humanos e cren brotes potenciais, abrindo a porta á prevención continua de posibles pandemias

Os transistores de efecto de campo baseados en grafeno son dispositivos que permiten detectar moléculas de interese (proteínas, acedos nucleicos, virus, etc) e están baseados en cambios na condutividade de láminas de grafeno por interacción con estas sustancias ou con outras especies químicas xeradas a partir delas. É dicir que cando o sensor de vangarda baseado en grafeno localiza un virus ou parte do mesmo, daranos un sinal específico que podemos estudar.

 

O CICA

O CICA é o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía creado na Universidade da Coruña en 2015. Conta con máis de 200 investigadoras e investigadores organizadas en tres áreas científicas que van desde a biomedicina ata a ciencia dos materiais. A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman o tres alicerces sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilización da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.