A USC, en risco de perder o seu mestrado en Matemáticas, un "piar esencial do ecosistema científico galego"

Asemblea celebrada este luns na Facultade de Matemáticas da USC ©

A USC imparte dende hai máis dunha década un Mestrado Universitario en Matemáticas que o vindeiro curso 2025-26 vai deixar de ofertarse. A Xunta defende a decisión ante o seu reducido número de matrículas

A USC imparte dende hai máis dunha década un Mestrado Universitario en Matemáticas que o vindeiro curso 2025-26 vai deixar de ofertarse. Alumnado, profesorado e persoal investigador vén de iniciar unha mobilización para salvar estes estudos, acusando a Consellaría de Educación de "pretender obrigar á USC a non ofertar o Mestrado", unha decisión que "non se sustenta en ningunha avaliación técnica transparente" -denuncian- e que "afecta a un mestrado que é referente en excelencia científica e único no seu ámbito en Galicia"

Nunha asemblea celebrada na Facultade de Matemáticas da USC, un cento de persoas defenderon a importancia dos estudos en risco de desaparición por constituír "un programa académico que representa un piar esencial do ecosistema científico galego que, malia a súa discreta visibilidade pública, cumpre un papel insubstituíble na formación avanzada, na xeración de coñecemento e no progreso tecnolóxico da nosa sociedade". 

Facultade de Matemática das USC © USC

Nunha asemblea celebrada na Facultade de Matemáticas da USC, un cento de persoas defenderon a importancia dos estudos en risco de desaparición por constituír "un programa académico que representa un piar esencial do ecosistema científico galego"

Salientan que o máster "serve como trampolín para a investigación científica de alto nivel" e que "moitos dos seus egresados seguen carreiras académicas ou profesionais, lembrando que sen este mestrado, a USC "perdería unha das súas canles principais para nutrir os seus programas de doutoramento e proxectos de investigación matemática, debilitando a súa proxección científica internacional". Este mestrado é como un piar mestro que apuntala a formación en Matemáticas e que tamén fortalece a calidade investigadora noutras áreas: un valor para o conxunto do coñecemento en Galicia.

"O impacto real deste mestrado é medible: decenas de teses de doutoramento, captación masiva de axudas predoutorais estatais de formación do profesorado, egresados con traxectorias brillantes en centros como Oxford ou Berkeley, e galardonados con axudas Marie Curie e premios Vicent Caselles outorgados pola Real Sociedade Matemática Española e a Fundación BBVA", salientan dende a asemblea, que iniciou unha petición pública de apoio, que suma xa preto de tres mil asinantes.

"Se este máster desaparece, unha parte importante do alumnado vai ter que marchar fóra. E se marchan, vai ser difícil que volvan", alerta Victoria Otero, que engade: "a matemática galega é unha potencia no Estado, pero esta situación corre o risco de desaparecer"

Victoria Otero Espinar, presidenta da Real Sociedad Matemática Española, ex Decana da Facultade de Matemáticas da USC e Catedrática de Análise Matemática, destaca igualmente que se trata "dun máster con pouco alumnado, pero dun gran nivel, que despois consegue premios nacionais e unha parte moi importante dos contratos FPU".

"As matemáticas galegas viven un gran momento, están crecendo e están obtendo moi bos resultados, que son debidos á existencia deste mestrado. Se este máster desaparece, hai unha parte importante do alumnado da Facultade de Matemáticas que vai ter que marchar fóra a continuar a súa formación. E se marchan, vai ser difícil que volvan", alerta e engade: "a matemática galega é unha potencia no Estado, pero sen este máster esta situación corre o risco de desaparecer".

Victoria Otero Espinar, presidenta da Real Sociedad Matemática Española, ex Decana da Facultade de Matemáticas da USC e Catedrática de Análise Matemática CC-BY-SA USC

"As matemáticas están en todas as áreas e a súa presenza é cada vez maior, pero para iso é necesario que a formación sexa a mellor posible. Se non hai investigación básica en Matemáticas, non vai haber avances noutros campos", sinala Victoria Otero

Victoria Otero explica que os dous mestrados que conservaría a USC son un de matemática industrial e outro de Estatística, polo cal a formación en matemáticas fundamentais quedaría sin cubrir en Galicia coa supresión do mestrado". "As matemáticas están en todas as áreas e a súa presenza é cada vez maior, pero para iso é necesario que a formación sexa a mellor posible. Se non hai investigación básica en Matemáticas, non vai haber avances noutros campos", sinala.

Educación explica que a supresión do mestrado responde ao reducido número de matrículas, unha media de 12 nos últimos tres anos, por debaixo do mínimo de 16 "consensuado coas universidades galegas"

Pola súa banda, a Consellaría de Educación explica en conversa con Praza.gal que a supresión do mestrado responde ao reducido número de matrículas, unha media de 12 alumnos e alumnas nos últimos tres anos, por debaixo do mínimo de 16, inicialmente fixado en 20, e "consensuado coas tres universidades públicas galegas", lembra o Goberno Galego. 

O departamento aclara que "o alumnado que actualmente o está a cursar, poderá rematalo sen problema algún" e que "unicamente non se ofertarán novas prazas de cara ao curso que vén". Ademais, defende que a Facultade de Matemáticas da USC conta actualmente co Mestrado Universitario en Matemática Industrial e co Mestrado Universitario en Técnicas Estatísticas, que "refliten unha evolución positiva de matrícula a alza nos últimos anos".

Asemblea celebrada este luns na Facultade de Matemáticas da USC ©

"Cando se comete un erro de país, a responsabilidade é rectificar a tempo. Galicia necesita matemáticas, investigación e futuro. A Consellería de Educación aínda pode mudalo", sinala o colectivo mobilizado

As explicacións achegadas pola Consellaría non convencen á comunidade universitaria mobilizada. "A comunidade matemática galega rexeita de maneira firme esta decisión arbitraria, que pon en risco o relevo investigador, a formación de profesorado e a proxección científica internacional de Galicia", alértase nunha nota de prensa, na que se insta á Xunta a mudar a súa decisión: "cando se comete un erro de país, a responsabilidade é rectificar a tempo. Galicia necesita matemáticas, investigación e futuro. A Consellería de Educación aínda pode mudalo".

Tamén Victoria Otero salienta que "eu aínda teño a esperanza de que isto aínda se poida arranxar de algunha forma e de que na Consellaría haxa sensibilidade". O colectivo mobilizado vai seguir a buscar apoios para tentar reverter a decisión adoptada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.