As acacias e outras especies invasoras reducen a riqueza dos ecosistemas nos que se estenden

Acacia © Universidade de Vigo

A tese de doutoramento do investigador da Universidade de Vigo Jonatan Rodríguez demostra o impacto negativo que especies invasoras coma as acacias ou a unlla de gato teñen sobre a abundancia e riqueza das especies de invertebrados naqueles lugares nos que se estenden. 

A investigación conclúe que as plantas exóticas invasoras estudadas “alteran de forma severa as interaccións bióticas, manifestando unha vez máis que son especies capaces de modificar as condicións dos ecosistemas”

O estudo No way back: changes in biotic interactions promoted by invasive alien plants, dirixido polos profesores Luis González e Adolfo Cordero, centrouse en tres especies leñosas do xénero Acacia (Acacia dealbata ou mimosa, Acacia longifolia e Acacia melanoxylon ou acacia negra–) e a planta Carpobrotus edulis, coñecida como unlla de gato. 

A investigación conclúe que as plantas exóticas invasoras estudadas “alteran de forma severa as interaccións bióticas, manifestando unha vez máis que son especies capaces de modificar as condicións dos ecosistemas”. Jonatan Rodríguez puntualiza que algúns autores sosteñen que a biodiversidade pode non verse afectada negativamente polas invasións de plantas, non obstante, “cos resultados presentados nesta tese, podería asegurar que non só se dá unha redución da diversidade taxonómica, senón que tamén se dan cambios na composición de especies de invertebrados, debido ao reemprazo de especies nativas por especies exóticas”.

O investigador Jonatan Rodríguez © Universidade de Vigo

O estudo tamén comprobou que os herbívoros exóticos se están expandindo “grazas á presenza destes novos hospedadores invasores”

Rodríguez realizou estudos de campo no noroeste da península ibérica, “zona na que se atopan algunhas das especies de plantas invasoras máis problemáticas” e en Sudáfrica, “para avaliar que especies de invertebrados conviven coa unlla de gato na súa orixe nativa e comparalo cos invertebrados que conviven con esta especie na península ibérica”.

O estudo tamén comprobou que os herbívoros exóticos se están expandindo “grazas á presenza destes novos hospedadores invasores”, dos que obteñen alimento e hábitat, “o que supón un risco debido ao seu aumento poboacional”. 

O investigador considera “vital” a información que se obtén dos estudos e proxectos de investigación para definir estratexias a longo prazo para reducir a propagación e a expansión destas plantas

As especies de acacias estudadas foron introducidas intencionalmente en Europa durante a primeira metade do século XIX, como explica o investigador, para ser usadas en silvicultura, estabilización de solos e ornamentación. Están consideradas como unhas máis problemáticas do mundo, xa que “poden transformar os hábitats de forma severa conducindo a unha gran perda de biodiversidade”. De feito, o investigador remarca que “son capaces de formar densas masas monoespecíficas que reducen o paso da luz no sotobosque, afectando á diversidade e cobertura de plantas nativas”

O investigador considera “vital” a información que se obtén dos estudos e proxectos de investigación para definir estratexias a longo prazo para reducir a propagación e a expansión destas plantas e rexenerar as zonas afectadas, xa que estas invasións provocan “a alteración dos procesos e servizos ecosistémicos fundamentais para os organismos nativos”. Os datos obtidos serán “cruciais” para definir estratexias de manexo efectivas e proxectos de xestión integrada que establezan vínculos entre investigadores, cidadanía e xestores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.