SEO/BirdLife divulga os logros dun exemplar de 'Puffinus mauretanicus', con menos de 3.000 parellas reprodutoras, na súa viaxe anual entre o Mediterráneo e a Bretaña pasando por Galicia
O pasado 9 de xullo unha turista das Baleares, Maireta, pasou por Galicia en viaxe de "veraneo" cara a Bretaña francesa. A primeira hora da tarde daquel día Maireta saíu de Estaca de Bares e esa mesma noite xa estaba en Loirent, ao outro lado do golfo de Biscaia, tras facer máis de 530 quilómetros en oito horas e media, a unha media de 62 quilómetros por hora. Un logro que se coñece agora grazas á xeolocalización que SEO/BirdLife colocou a Maireta, un exemplar de furabuchos balear (Puffinus mauretanicus), ave en perigo crítico de extinción da que quedan menos de 3.000 parellas reprodutoras e que cada ano pasa por Galicia.
Maireta foi capturada por accidente por un pesqueiro el alta mar fronte a Barcelona o pasado maio. SEO/BirdLife incluíuna no seu programa de seguimento de aves mariñas -as "máis ameazadas do planeta, cuxa abundancia caeu nun 70% nos últimos 60 anos"- e agora vén de divulgar algúns dos logros rexistrados neste tempo.
A mortalidade accidental en artes de pesca e a contaminación mariña son as principais ameazas recoñecidas pola Xunta para un ave que pode somerxerse máis de 30 metros
O furabuchos balear cría exclusivamente nas Baleares, entre principios de marzo, cando poñen o seu único ovo, e finais de xuño, cando a cría está a piques de voar. Nese momento, coas crías ben alimentadas, os exemplares adultos inician o seu "veraneo" que os leva ata o Atlántico. Pasando habitualmente por Galicia, onde Medio Ambiente da Xunta sinala que se poden ver no verán e no outono, ben porque permanecen nas nosas costas ou ben de camiño ao golfo de Biscaia.
SEO/BirdLife explica que así como hai furabuchos que chegan ata Bretaña e nos últimos anos mesmo "é cada vez máis frecuente observalas no suroeste de Gran Bretaña", tamén hai exemplares que "non pasan do norte de Portugal e sur de Galicia".
Se en terra, nos seus lugares de cría, as principais ameazas para esta especie en perigo crítico de extinción son os gatos, as ratas e a presión turística, no mar, que é onde pasan o seu tempo en Galicia, os riscos son "a mortalidade accidental en artes de pesca (fundamentalmente palangres) e a contaminación mariña (en especial, os vertidos de hidrocarburos)".
No caso de Maireta, a súa xeolocalización permitiu non só coñecer o seu longo percorrido arredor de toda a Península Ibérica senón tamén a profundidade á que se somerxe para pescar. Nesa viaxe de "veraneo" o furabuchos balear fai inmersións de entre 10 e 20 metros, pero no caso de Maireta detectáronse varias por riba dos 30 metros e un récord de 37 metros e medio de profundidade.