De Santiago á Estación Espacial Internacional: científicos galegos experimentan á procura da "revolución no deseño de fármacos″

Sonia Veiga e Nuria López Lorenzo, investigadoras do grupo Molecular Pathology of Rare Diseases do CiMUS da USC © Jesús R. Requena/CiMUS

Un grupo de investigación do CiMUS da USC colabora cun equipo italiano nun proxecto para probar se son quen de dirixir fármacos a proteínas nunha fase previa a que poidan xerar enfermidades

Na ciencia, cando se establece unha teoría hai que demostrala. Ás veces iso leva máis tempo e esforzo do esperado, outras, como neste caso, ademais lévache ao espazo exterior. O grupo de investigadores que traballa no laboratorio de prións dirixido por Jesús R. Requena, que pertence ao equipo de Patoloxía molecular das enfermidades raras (Molecular Pathology of Rare Diseases) do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela, traballa a contrarreloxo estas semanas para ter listas as proteínas que sairán nun foguete cara á Estación Espacial Internacional.

Trátase dun experimento en colaboración con outro grupo de investigación da Università di Trento, formado por expertos en Física e Bioquímica, co que colaboran desde Santiago. Este equipo deseñou un algoritmo para poder predicir de forma sinxela todo o camiño que segue unha proteína para pregarse. ″Se a predición é correcta temos unha vantaxe moi grande á hora de deseñar fármacos porque actualmente todos os medicamentos que se deseñan para tratar enfermidades relacionadas con proteínas, fanse pensando na proteína tal e como é cando xa está funcionando″, explica Jesús R. Requena.

Parche (como o habitual das misións espaciais) do experimento que se vai probar con microgravidade © Jesús R. Requena / CiMUS

"Todos nós somos en gran parte proteínas, pero non unha soa, estamos formados por moitos tipos de proteínas, cada unha coa súa función", di Jesús R. Requena

″Todos estamos feitos principalmente de proteína, a carne é proteína esencialmente, os músculos tamén, como a hemoglobina que transporta o noso osíxeno. De tal maneira que todos nós somos en gran parte proteínas, pero non unha soa, estamos formados por moitos tipos de proteínas, cada unha coa súa función. Podemos imaxinar que son como unha especie de rosarios, como unhas pequenas doas que están unhas detrás de outras, que posteriormente se pregan para adquirir unha forma final, que determina a súa función″, profunda o científico. 

Requena pon como exemplo a proteína que xoga un papel moi importante agora co coronavirus: o receptor ECA1, que é o lugar polo que entra o virus ás células. ″Funciona como unha especie de diana á que se adhire o virus e, a partir de aí, desencadéase todo o proceso. Pódense buscar fármacos para que se unan a esa proteína tal e como xa está formada, sen embargo, se somos quen de predicir o proceso de pregamento desa proteína, poderíamos buscar fármacos que actuasen incluso antes de que a proteína chegue á súa forma final″.

O experimento forma parte dunha misión da compañía de Elon Musk, SpaceX, que sairá dos Estados Unidos a principios do ano que vén cara á Estación Espacial Internacional

Contan xa cuns resultados experimentais que confirman esa hipótese, pero lles falta a proba definitiva, o que sería o ″resultado inapelable″: conseguir demostrar que se pode predicir como vai ser ese mecanismo de pregado, a continuación é posible encontrar unha forma intermedia ao longo dese camiño, deseñar un fármaco que se una a esa forma intermedia e, despois, ser capaz de demostralo experimentalmente. ″Para iso, necesitamos crear un cristal mixto no que esa forma intermedia da proteína predita e ese fármaco que se deseñou queden xuntos, conxelados formando un cristal″, apunta o investigador.

Isto intentouse en colaboración entre Santiago e Trento mais non se logrou, pois por unha serie de avatares experimentais prodúcese un pegote en lugar dun cristal. Por iso agora van tratar de formar ese cristal nas condicións de microgravidade do espazo. O seu experimento foi admitido na misión Rakia, que despegará no primeiro trimestre de 2022 nun foguete desde o cabo Cañaveral (nos Estados Unidos) cara á Estación Espacial Internacional. Trátase dunha misión privada da compañía SpaceX, fundada por Elon Musk, polo quetodos os astronautas que participan nela pertencen a institucións privadas. Quen se encargará de controlar este experimento é un astronauta israelí patrocinado por unha fundación do seu país.

Jesús R. Requena, director do laboratorio de prións do grupo Molecular Pathology of Rare Diseases do CiMUS da USC © CiMUS

"Vai ser un experimento moi difícil. Non temos expectativas moi certas de que o vaiamos conseguir pero, desde logo, teremos máis opcións que aquí″, di Requena

Se semella moi de película é porque estivo a piques de ser así. Nun inicio, estaba previsto que un dos catro astronautas da misión fose o actor Tom Cruise e outro un profesional do audiovisual, que xuntos gravarían un documental desde o espazo exterior. Finalmente, como conta Requena, esta idea quedou adiada. Porén, a misión segue adiante e o experimento se levará a cabo no laboratorio da propia Estación Espacial Internacional e será controlado desde Trento.

″Aínda non estamos seguros, pero contamos con ter unha conexión en tempo real para ver o que pasa alá″, di o galego, quen explica que van mandar unha especie de maletín cheo de tubos, depósitos, filtros, chips... que irá refrixerado e se suxeitará na parede do laboratorio para vencer a ingravidez. Unha vez asentado o material se iniciará un programa que irán controlando por ordenador desde os laboratorios na Terra. ″Vai ser un experimento moi difícil. Non temos expectativas moi certas de que o vaiamos conseguir pero, desde logo, teremos máis opcións que aquí″, asegura Requena.

"É algo que podería ter implicacións para moitísimas outras enfermidades, desde Alzheimer a Parkinson, a moitísimas outras", explica o galego

No experimento van empregar como modelo a proteína priónica porque non existe ningún fármaco para ela neste momento. ″Sería moi interesante ter un fármaco especial, algo que non vaia dirixido á proteína na súa forma final. É algo que podería ter implicacións para moitísimas outras enfermidades, desde Alzheimer a Parkinson, a moitísimas outras. Abriría as portas a unha revolución na farmacoloxía, no deseño de fármacos en xeral″, afirma o científico galego.

A proteína priónica é a proteína precursora dos prións. Os que causaron a famosa enfermidade das vacas tolas, xa erradicada. Requena explica que seguen a existir enfermidades priónicas moi raras [en canto ao número de enfermos] e que o seu proceso é semellante ao que sucede en outras patoloxías como a enfermidade de Alzheimer. ″Nas enfermidades priónicas o que acontece é que se mal prega unha proteína que se denomina PRP, e no Alzheimer se prega mal outra diferente que se chama Abeta. É moito máis fácil que se mal pregue a Abeta, que non a PRP″, apunta.

″O marabilloso agora sería que cando remate o experimento no espazo nos atopemos cun cristal. Pero aínda que non o teñamos, algún tipo de información conseguiremos extraer. Os experimentos sempre aportan información valiosa″, salienta Jesús R. Requena.

Grupo de investigación Molecular Pathology of Rare Diseases do CiMUS da USC © CiMUS

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.