Son dous entre 10.000. Entre os dez milleiros de transplantes de órganos realizados no sistema sanitario público de Galicia desde que iniciara o seu programa en 1981. Abelardo, de Ferrol, leva máis de dúas décadas vivindo co fígado dunha muller falecida; Ángela, de Santiago, apenas dous anos e medio cos pulmóns dunha persoa nova e deportista que marchou de maneira repentina.
Abelardo e Ángela foron sometidos a dous dos 10.000 transplantes realizados no sistema sanitario público de Galicia desde que se iniciou o programa en 1981
"A data do transplante é máis importante que a do nacemento. Un día naces e vives, pero o outro volves nacer", di a muller, transplantada no outono de 2022 con 38 anos. "Sempre digo que teño dúas vidas e dous aniversarios", asegura o home, de 70 anos, transplantado na primavera de 2003 cando tiña 49.
A tráxica morte daquelas persoas doantes virou en futuro e nunha nova vida para ambos. Tan duro como esperanzador nun país, Galicia, que pechou 2024 coa maior taxa de doantes de órganos por millón de habitantes (50,7), desde a creación da Organización Nacional de Transplantes en 1989. É unha cifra semellante á media (52,6) do Estado, cuxa cidadanía pode presumir de ser a que máis posibilidades ten de recibir un transplante de órganos en Europa.
En 2024, Galicia bateu récord de transplantes e doazóns, con 424 intervencións, un 28% máis que no ano anterior. No conxunto do Estado, foron 6.464 e cada día rexístrase unha media de oito doantes e 17 operacións destinadas a dar ou facilitar a vida a unha persoa grazas á xenerosidade doutra familia, como destacou con datos o Ministerio de Sanidade o pasado mércores, Día Nacional do Transplante.
Abelardo foi transplantado de fígado hai case 22 anos; Ángela, de pulmóns en 2022: "Teño dúas vidas e dous aniversarios", di o ferrolán
"Dábanme quince días de vida e xa estaba despedíndome da familia, ata que tiven esa sorte para min que irremediablemente vén acompañada dunha desgraza para outros", explica Abelardo, que sufriu unha hepatite B descuberta, curiosamente, logo de que fose doar sangue. Nun principio parecía inocua, pero fóiselle complicando. "Por estrés ou debilidade física, o impacto hepático foi incrementándose e recibín tratamento... Aos tres anos a cousa empeorou, o virus reactivouse e destruíu o fígado; a única solución era o transplante", conta.
Ángela Orgaz sofre unha enfermidade rara e autoinmune: esclerodermia. "Tardouse en ver que non era só lupus o que tiña, e cando deron co diagnóstico a doenza estaba moi avanzada a nivel pulmonar, atacárame moi agresivamente", explica esta muller santiaguesa que tiña "os pulmóns completamente secos" e levaba anos con problemas respiratorios sen que se chegase a saber a orixe. Ata daquela. "O meu pneumólogo traballara en transplantes no CHUAC e axiña chamou alí para advertir de que había que actuar xa", explica.
Ao Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) —un dos dez mellores de España en transplantes e que volveu bater récord en 2024 con 309— tamén fora trasladado Abelardo para preparar a súa intervención en 2003. Pero faltaba o doante. "Era tal a deterioración que só me quedaban días de vida, non tiña outra opción", lembra. Ata que apareceu unha posibilidade que era compatible.
Entrou no quirófano "feliz, contento e sen ningún medo". "E iso que era a primeira vez que me operaban e que nunca tivera unha baixa médica, pero sabía que morría, que era a miña oportunidade; non tiña alternativa ningunha", repasa agora Abelardo, que lembra que espertou "practicamente bailando".
Ángela non entrou tan contenta. En marzo de 2022, logo de numerosas probas, advertíronlle de que o transplante semellaba a única opción. Logo de moitas outras probas, ingresos varios e a necesidade dunha mochila de osíxeno, en agosto confirmáronlle que non había alternativa. "Aí a elección é túa, claro, pero se non me transplantaba, morría; só había unha vía e tíñao claro". En setembro entrou nas listas. Tocaba agardar.
O transplante de ril ou fígado é menos complexo que o dos pulmóns. Neste último caso, as condicións son moi específicas. "Teñen que ser dunha persoa que non morrese por traumatismo, accidente ou enfermidade, senón por morte cerebral", explica Ángela. "E ten que axustarse ás túas necesidades e características físicas para que os pulmóns sexan compatibles: dunha idade, estatura e caixa torácica semellante", engade nun relato que impacta. Máis cando sinala que durante esas últimas semanas de espera tivo que estar "24 horas co teléfono conectada" por se aparecía unha opción. "Chámante ao momento, ao pouco do falecemento, e tes que estar canto antes no hospital", aclara.
Ángela tivo que esperar por pulmóns que se adaptasen ás súas condicións: debía ser unha persoa nova, que falecese de morte cerebral e con idade e estatura semellante á súa
"O único que sei é que era unha persoa nova, que debeu sufrir un ictus e que estaba moi ben fisicamente", explica. "É duro, unha desgraza o que lle pasou, pero a xenerosidade da súa familia salvoume a vida", continúa esta muller de Santiago, que tardou algo máis dun mes en poder entrar no quirófano, desde que se confirmou que era candidata a un transplante e entrou na lista de espera ata que apareceron uns pulmóns axeitados para ela.
"Entrei atemorizada, cun medo horrible porque sabes o que supón unha operación así e que hai moita xente que non sae", di Ángela, que lembra "unha sala dúas veces" o seu salón "e oito cirurxáns". Logo de seis horas de intervención, volveu nacer, como di ela, aínda que faltaban semanas de recuperación ata deixar o hospital o penúltimo día do ano. Foi un dos 38 transplantes de pulmón que se levaron a cabo ese 2022 en Galicia.
"Teño dúas nais: a que me deu a vida e a que me doou o fígado para que seguise vivindo"
"Non hai acto máis xeneroso que se poida facer que o que fixeron os familiares desa persoa; grazas é todo o que lles podo dicir", continúa Ángela. "Só sei que a miña doante era muller e desde aquela sempre digo que teño dúas nais: a que me deu a vida e a que me doou o fígado para que seguise vivindo... Que en paz descansen as dúas", relata, pola súa banda, Abelardo. "Desde aquela eu considero que levo dentro de min aquela persoa; non podes saber quen é porque está garantido o anonimato, pero eu pido por ela todos os días", insiste.
"Levo 22 anos cun órgano transplantado e levo unha vida normal, pracenteira... Puiden coñecer as miñas dúas netas e coidalas. A aquela muller só podo darlle as grazas e non só por min", continúa Abelardo, que lembra que os órganos dunha única persoa poden salvar "sete vidas". No caso do doante de Ángela, foron varias tamén.
"Dese doante novo que morreu transplantámonos seis. Aproveitouse todo porque estaba en perfectas condicións, era moi san... Salvou a vida de seis persoas!", di a compostelá. "Cando eu entrei no quirófano, no do lado estaban transplantando o pulmón da mesma muller a outra; pouco despois atopeime con ela para dicirlle que, en realidade, ela e mais eu eramos familia porque levamos parte de quen nos salvou", explica o ferrolán.
Abelardo e Ángela exercen agora, por razóns obvias, de defensores e promotores acérrimos da doazón de órganos. "Sei que aínda hai moita xente, normalmente maior, que mantén aquilo de que lle 'dean enteiro' o cadáver dun familiar falecido, pero temos que concienciarnos de que nada che fai a ti iso, pero en cambio, hai moitas persoas que se van beneficiar de que permitas doar", conta a compostelá.
Abelardo empezou a colaborar coa Asociación Galega de Transplantes Airiños, da que agora é presidente: "Quería devolverlle á sociedade algo do que me dera"
Abelardo, de sempre inquedo socialmente, decidiu implicarse nada máis recuperarse da súa intervención. "Aquilo púxome as pilas, empecei a ver a vida doutra maneira; falei co coordinador de transplantes do CHUAC e díxenlle que quería colaborar, devolverlle á sociedade algo do que me dera a min, que foi nada máis e nada menos que a vida", asegura. Meteuse na Asociación Galega de Transplantes Airiños, entidade que preside desde hai anos.
"Temos tres misións fundamentais: axudar os enfermos en lista de espera e os familiares, colaborar coas administracións e cos profesionais sanitarios para favorecer o sistema de transplantes e fomentar por toda Galicia a doazón", explica. É o que fai Abelardo, con participacións en charlas e actos, sobre todo entre a mocidade. "A xente nova non se implicaba porque non tiña información, pero así que llo explicas, a resposta é sempre positiva", aclara.
"Se hai que defender a sanidade pública, que me chamen a min; é o mellor que temos"
"Temos os mellores profesionais, equipos e hospitais para os transplantes, pero nada diso serve se non hai doantes", explica quen lembra que ata hai arredor dunha década, aínda había sobre o 30% de negativas familiares. Actualmente, segundo a Xunta, oito de cada dez familias din si á doazón e España está na elite mundial en canto a xenerosidade, achegando case un cuarto do total de doazóns da UE e o 5% das mundiais malia representar un 0,6% da poboación do planeta. Con todo, Abelardo lembra que das persoas que falecen, só o 3% poden ser doantes, así que, "cantos menos rexeitamentos, mellor".
Ángela coincide no chamado de Abelardo e engade con vehemencia a súa defensa da sanidade pública. "Se hai que defendela, que me chamen a min; é o mellor que temos e o seu persoal é de dez. O trato que eu recibín foi marabilloso", asegura quen insiste en dar valor a un sistema sanitario público forte e "exemplar" que anima a reivindicar. "A miña cuñada é mexicana; ela é a súa familia sempre nos repetían que se o que a min me pasou ocorrese no seu país, xa estaría morta... Quen podería ter acceso ao que custou a miña intervención e todo o tratamento que recibo?", pregúntase.
3.500 doantes en Galicia
Todo unido, coinciden os dous, aos incribles avances científicos e sanitarios. "Hai transplantes que serían impensables hai uns poucos anos, as técnicas melloran e fanse cousas que parecerían ciencia ficción; hai intervencións que pensamos imposibles hai tempo e agora son case como ir ao taller a cambiar o motor", conta Abelardo.
O seu funciona como un reloxo e Ángela mantén a vitalidade malia as dificultades da súa doenza. Os dous, como lembran, recibiron unha nova vida, outra oportunidade grazas a dúas das preto de 3.500 persoas que en Galicia foron doantes de órganos desde que se iniciara o programa de transplantes hai case 45 anos. "Celebro cada 26 de outubro, a data na que me transplantaron, como se fose a do meu aniversario", di a compostelá. "Teño dúas vidas", repite o de Ferrol.