"É difícil reter talento na Universidade cos salarios que se poden ofertar"

Xosé Luis Armesto, na entrevista con Praza CC-BY-SA UDC

A redución de 20 millóns de euros que a Xunta impuxo no plano de financiamento ás universidades galegas, e que suporá unha rebaixa de arredor do 5% na masa salarial, unido a outros axustes e aos recortes brutais nos fondos dedicados á investigación deixan o ensino superior galego nunha difícil situación. Xosé Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña (UdC), analiza os cambios que afronta a institución e recoñece que pode haber "problemas de tesourería". Malia os temores a unha reforma a fondo aplicada desde o Goberno central, observa "un cambio de discurso" no Ministerio de Educación, pero advirte de que a suba das taxas xa está aumentando os índices de renuncia na universidade coruñesa, o que evidencia o risco de "privatización" de facto do ensino superior en todo o Estado.

Como vai o diálogo coa Xunta respecto dos axustes nas universidades?

O diálogo practicamente xa rematou. Se o Goberno galego toma a decisión de reducir, aí xa non hai marxe de manobra. O que tratamos é de suavizar os efectos deses axustes para que non acaben por obrigar á redución de persoal. O activo principal que ten a Universidade é a capacitación e o talento das persoas que traballan nela e pensamos que, por algo que pode ser conxuntural, non podemos desfacernos dese talento porque costa moito tempo preparalo.

"Costa reter o talento na Universidade tendo en conta os salarios que se poden ofertar"

Como dixo vostede nunha ocasión, agora o importante é "reter o talento" e non tanto incorporalo...

É inviable traer talento porque terías que ter capacidade de fichaxe. Podemos comparalo coa situación do Deportivo, se me apuras... Podes traer cedidos se veñen voluntariamente, por razóns familiares ou doutro tipo, pero... O noso obxectivo é reter o talento que temos, pero costa reter a xente que está destacando e que, á hora de, por exemplo, conformar  un equipo de investigadores, ten problemas para captar xente polos salarios que pode ofertar. Se non configura un equipo, non terá os resultados que se queren.

Hai perigo de privatización na Universidade pública?

Hai problemas no decreto que aprobou o Goberno sobre as taxas porque na exposición de motivos fálase de que cubran entre un 10 e un 15% do custo do servizo, pero que hai que aumentalo progresivamente até aproximarse ao custo real. Se as familias teñen que pagar o 50 ou o 75% do custo do servizo, a Universidade deixa de ser un servizo público. Iso é privatizar porque as familias pagarían dobremente o ensino superior: cos impostos, financiando os servizos públicos xerais, e logo os propios usuarios sufrgando o 100% do servizo.

"As renuncias na Universidade da Coruña aumentaron un 40% respecto do ano pasado por mor da suba das taxas"

Pero en Galicia conxeláronse as taxas...

En Galicia conseguíronse paliar eses efectos indo á parte baixa do abano que se marcou, conxelando  as primeiras matrículas, pero pode ser algo conxuntural. Haberá que ver o que sucede o curso que vén. Na UdC estamos vendo xa como hai xente que renuncia á matrícula cando chegan ao segundo ou terceiro prazo de pagamento porque non poden asumir o custo. Temos un índice de renuncias un 40% superior ao do ano anterior. Claro que se nota a crise porque as familias, aínda que as taxas non sexan moi altas, se teñen uns ingresos baixos nada poden facer. Quen acaban pagando as consecuencias son as clases baixas, pero tamén empezan a pagalas as clases medias.

Estase 'elitizando' a Universidade?

Corremos o risco de que a Universidade só sexa para aqueles que poidan pagar o acceso a ela, e iso é tremendamente inxusto. A liberdade está na igualdade porque se non temos igualdade de oportunidades, que liberdade de elección temos? Para min, como reitor, esta é unha das grandes preocupacións porque somos un servizo público do ensino superior.

Como afectan os axustes á investigación?

A investigación nútrese da convocatoria de fondos competitivos de tipo autonómico e estatal e os recortes, en ambos os dous lados, son brutais. Na práctica, os nosos grupos de investigación, que hai uns anos tiñan un éxito nas convocatorias dun 30%, agora cos recortes téñeno do 10%. Ao haber menos recursos, fináncianse menos proxectos e xa o estamos notando. Os grupos de investigación sen financiamento non funcionan.

Pero séguense pedindo resultados ás universidades españolas...

É unha inxenuidade pensar que podemos facer o que se nos reclama e ter os mesmos resultados que as universidades doutros países que teñen o dobre ou triplo de financiamento. Se esas son as condicións políticas, que saiban que terán consecuencias: haberá menos investigación, menos coñecemento, menos transferencia e menos profesionais altamente cualificados.

"Se hai recortes na Universidade, impedimos que se saia da crise pola vía do coñecemento"

E pódese saír da crise sen contar coa Universidade?

O ex ministro Ángel Gabilondo, nunha xuntanza de reitores e outros persoeiros en Madrid, aseguraba que podía ser que a Universidade non axudase moito a saír da crise, pero que é imposible saír da crise sen contar coa Universidade. Eu comparto esta reflexión. Tamén comparto outra de Federico Mayor Zaragoza, que di que a educación superior é imprescindible porque forma persoas críticas, libres e responsables. Así que, se estamos recortando estamos impedindo saír desta crise pola vía do coñecemento. Esta é a crítica e a reflexión, pero quen ten que tomar as decisións é quen ten a responsabilidade.

Os axustes obedecen a causas económicas ou tamén hai ideoloxía?

A crise está resultando ser unha coartada perfecta para levar adiante recortes dos servizos públicos como a sanidade ou a educación,  universidades incluídas, e que responden a un plantexamento ideolóxico. Así o penso.

"O discurso do Ministerio de Educación está cambiando para ben; entendo que non tomarán decisións drásticas nas universidades"

Poden desaparecer universidades no Estado?

A día de hoxe non, pero hai un mes a cousa estaba máis complicada. Nestas xornadas que tivemos os reitores en Madrid esta mesma semana, o secretario xeral de Universidades cambiou un chisco o discurso. Asumiu parte das nosas argumentacións, como a que di que se a Universidade española ocupa o noveno ou décimo posto na produción científica mundial quizais non é necesaria unha reforma a fondo, senón axustes. Estas foron palabras súas. Entendo que o discurso do Ministerio está cambiando para ben.

Neste mes farase público o informe dos expertos encargado polo Ministerio, temen aínda así que insistan en importantes cambios ou axustes?

Entendo que o Ministerio está anunciando que non vai facer unha reforma a fondo da Universidade porque a súa valoración do sistema  universitario está mudando. O que deduzo das palabras do secretario xeral é que, diga o que diga o informe, o Goberno non vai tomar decisións drásticas. Tamén entendo, xa que logo, que non se van pechar universidades. O que si está sobre a mesa é que haberá que axustar o número de titulacións.

Tamén en Galicia?

No sistema universitario galego teremos que resolver este tema pola vía da colaboración e da coordinación a través de títulos interuniversitarios, ao igual que estamos facendo co ensino especializado de mestrado. Teriamos que facelo tamén cos graos, tanto cos de alta demanda como cos de baixa.

"Serás a cooperación e a colaboración as que nos permitan salvar a oferta universitaria en Galicia"

Hai demasiadas titulacións universitarias idénticas en Galicia?

Hai algúns casos onde se ofertan titulacións nas tres universidades e a demanda caeu de forma importante, pero entendo que esas titulacións deben seguir existindo. O que hai que facer é buscar formas de colaboración para optimizar os recursos sen que desapareza esa oferta. Por poñer un exemplo, a UE advertiu hai anos aos estados membros que había poucos estudantes de Matemáticas e que había que levar a cabo medidas de estímulo para aumentar a demanda. O risco era non ter técnicos nin profesionais investigadores para que avanzase o coñecemento de aquí a vinte anos. Hai que ter unha visión moito máis completa. Aínda que non haxa demanda de Matemáticas, precisamos matemáticos, e o mesmo cos filósofos, por poñer outro exemplo. Serán as formas de cooperación e colaboración as que nos permitan salvar a oferta universitaria.

Pois o ministro Wert dixo non hai moito que os estudantes tiñan que estudar aquilo no que se asegurasen un traballo no futuro...

Non comparto esa reflexión, como é obvio na reposta anterior. Pero ademais, se ti te estás formando nunha cousa da que estás convencido, que che gusta, coa que gozas... De aí é de onde saen os bos profesionais, os bos titulados, os científicos ou os investigadores. É moi importante ter traballo, pero debemos ser ambiciosos e pensar en xente apaixonada co seu labor, que é o que permite avanzar e mellorar. Ademais, o mercado de traballo é moi cambiante e o que hoxe fai falta igual dentro de anos, non. A educación superior é algo máis que formar profesionais.

Armesto, nun intre da entrevista CC-BY-SA UDC

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.