Galicia, territorio con máis poboación sen acceso a banda larga

Porcentaxe de fogares en cada concello con acceso a conexións de máis de 100 Mbps sobre unha imaxe dun router © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Charles Rondeau

O 7,8% dos fogares galegos non teñen acceso a unha conexión de cando menos 30 Mbps, unha porcentaxe que se amplía para as conexións de 100 Mbps (10,9%) e 1 Gbps (16,5%)

Galicia é o territorio do Estado cunha maior proporción de fogares -e polo tanto de poboación- que non teñen cobertura de internet de banda larga, segundo os últimos datos achegados pola Secretaría de Estado de Dixitalización, correspondentes a xuño de 2024. En concreto, o 7,8% dos fogares galegos non teñen acceso a unha conexión de cando menos 30 Mbps, unha porcentaxe que se amplía para as conexións de 100 Mbps (10,9%) e 1 Gbps (16,5%). 

Nas tres categorías Galicia encabeza a lista das comunidades autónomas con máis fogares con conexión deficiente, por diante de Asturias e Castela e León, que antes ocupaba a primeira posición. A media española sitúase a 5, 7 e 10 puntos nos tres niveis de velociade de conexión. A maior porcentaxe de fogares sen conexión de alta velocidade relaciónase en boa medida pola distribución da poboación do territorio no noso país, de carácter máis disperso que no resto do Estado. 

Nos últimos tres anos a proporción de fogares que en Galicia non poden acceder a unha conexión de Internet de alta velocidade reduciuse, iso si, de maneira importante. Porén, a mellora foi maior en Castela-A Mancha, Aragón ou Asturias

Nos últimos tres anos a proporción de fogares que en Galicia non poden acceder a unha conexión de Internet de alta velocidade reduciuse, iso si, de maneira importante: 15 puntos menos no caso das conexións de máis de 30 Mbps e 12 no das conexións de 100 Mbps. A redución superou a que se produciu no conxunto do Estado, aínda que hai varias comunidades que xa hai tempo acadaron cifras próximas ao 100% que fan difícil unha mellora significativa.

Comparada Galicia cos territorios que contan cunha peor cobertura de Internet, os datos amosan en todo caso que outras comunidades autónomas, como Castela-A Mancha, Aragón ou Asturias, experimentaron melloras máis importantes que a que tivo lugar en Galicia.

As zonas urbanas contan cunha cobertura moito mellor que as rurais. En 65 concellos nos que viven dous terzos da poboación, a porcentaxe de fogares con baixa conexión non chega ao 10%

Como é esperable, as zonas urbanas contan cunha cobertura moito mellor que as rurais. En Galicia, a porcentaxe de fogares que non teñen acceso a unha conexión de cando menos 100 Mbps é inferior ao 3% nas sete cidades e na maior parte das súas áreas metropolitanas. Hai, en total, 65 concellos nos que esta proporción de fogares con conexións de máis de 100 Mbps non chega ao 10%. Poden non parecer moitas localidades, pero nelas viven máis de 1,75 millón de persoas, o 65% da poboación galega.

Pola contra, en 74 concellos que suman 122 mil habtiantes, máis da metade dos fogares non teñen unha cobertura mínima de 100 Mbps

Porén, hai unha parte significativa do territorio de Galicia no que as conexións de alta velocidade non nos maioritarias e mesmo se pode dicir que nin sequera son habituais. En 74 concellos máis da metade dos fogares non teñen unha cobertura mínima de 100 Mbps. Suman 122 mil habitantes e só Ortigueira, Oza-Cesuras e Guitiriz superan os 5 mil habitantes.

A relación está encabezada por Ribeira de Piquín (tan só o 8% dos fogares ten acceso a esa velocidade de conexión) e A Veiga (8,5%). Cervantes, Verea, Muras, Folgoso do Courel, Negueira de Muñiz, Parada de Sil, As Somozas e Chandrexa de Queixa sitúanse entre o 10% e o 15%.

A relación está encabezada por Ribeira de Piquín (tan só o 8% dos fogares ten acceso a esa velocidade de conexión) e A Veiga (8,5%). Cervantes, Verea, Muras, Folgoso do Courel, Negueira de Muñiz, Parada de Sil, As Somozas e Chandrexa de Queixa sitúanse entre o 10% e o 15%

O mapa amosa con claridade as zonas do país cunha maior proporción de poboación sen acceso a conexión de alta velocidade, concentradas nas comarcas montañosas do leste de Lugo e no sur, centro e leste da provincia de Ourense. As cifras medran tamén nalgúns concellos de poboación moi dispersa de áreas de morfoloxía abrupta do norte de Lugo e a Coruña (Muras, As Somozas, Moeche, Ourol...) e en zonas rurais do interior da Coruña e Pontevedra, como Agolada ou Dozón.

No outro extremo, hai cada vez máis localidades cunha conexión de moi alta velocidade (máis de 1 Gbps) que chega á gran maioría dos fogares do concello. En 69 concellos, que suman 1,8 millóns de habitantes, dous terzos do total, máis do 80% dos fogares xa acadaron ese nivel de cobertura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.