Nueva Pescanova comercializará polbo de piscifactoría en 2023 entre dilemas científicos e ambientais

O polbo 'Lourditas', aos 95 días de cría en catividade © Nueva Pescanova

Os polbos Lourditas e Goliath van ter fillos por primeira vez. Nada extraordinario, se non fose porque se trata dos primeiros polbos criados en cativerio que deciden reproducirse. Polo menos así o anunciou Nueva Pescanova, xa que varias fontes apuntan a que o investigador José Iglesias xa conseguira pechar o círculo de reprodución e que a compañía xaponesa Nissui o logrou o ano pasado. Dentro de máis ou menos un mes os ovos eclosionarán e en apenas dous anos desenvolveranse uns polbos que nunca coñecerán o mar. O realmente novo é que case a metade dos recentemente nados sobrevivirán, deixando atrás a taxa de mortalidade do 99,9% que había até agora e posibilitando así unha comercialización que terá lugar no ano 2023.

Un fito desde o punto de vista da innovación, pero que leva fortes dilemas éticos e ambientais, segundo científicos e ecoloxistas. "Non nos fai ningunha graza, non cremos que sexa unha actividade sustentable", sostén Raúl García, coordinador de pescarías de WWF. "Os polbos están particularmente mal adaptados a unha vida en cativerio e produción en masa", explica un grupo de científicos da Universidade de Nova York e da Universidade de Sidney, que ante a forte demanda deste invertebrado decidiron xuntarse para alentar ás empresas e institucións a que non desenvolvan o polbo en cativerio.

Nueva Pescanova comprou a patente despois de que o Oceanográfico de Vigo lograse deixar atrás a taxa de mortalidade do 99,9% que ata agora acadaba a cría do polbo en catividade e estuda a comercialización para 2023

O Foro Económico Mundial e a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e Agricultura (FAO) tamén puxeron o foco sobre o polbo. Pon en cuestión o exceso de demanda vivida nos últimos anos e convidan a reflexionar sobre o seu consumo. A outra pata da mesa, a oferta de polbo, tamén se estreitou considerablemente debido a unha mala xestión do seu ecosistema. O resultado é un prezo disparado: o polbo da costa galega pasou nos últimos dous anos duns 7 euros o quilo a 14 euros. A FAO estima que o incremento se seguirá dando na medida en que a demanda vaia aumentando en todos os mercados principais -Xapón, Estados Unidos, China e Europa- e as capturas sigan sendo limitadas mesmo nos principais países produtores como, Mauritania, México e formalmente, Marrocos -aínda que boa parte do polbo legalmente marroquí chega das costas do Sáhara Occidental-.

Polbo de acuicultura con 150 días © Nueva Pescanova

O invertebrado intelixente que menos sobrevive

Capaces de resolver problemas, expertos en escapar de trampas e acuíferos, un sistema nervioso moi sensible á tensión ou resistencia para percorrer quilómetros en busca de comida alimentaron unha fascinación humana polo único invertebrado que a Declaración de Cambridge sobre a Conciencia considera dotado de sentidos xunto cos mamíferos e as aves. Con todo, a vida en alta mar é moi dura para este cefalópodo, a súa taxa de supervivencia é do 0,0001% mentres que, cos resultados que está a obter Nueva Pescanova até o momento, esta cifra estímase que se elevará ao 50% en acuicultura.

"Nas instalacións temos unhas condicións controladas, é dicir, libres de depredadores, de contaminación, as correntes están controladas, as treboadas ou elementos á deriva como pode ser un tronco (que ao tratarse de corpos xelatinosos, mataríaos). Ter todo iso controlado permite unha supervivencia moito maior que a que terían no medio salvaxe", explica Ricardo Tur, investigador principal de cefalópodos de Nueva Pescanova.

Condicións "monótonas"?

Os ambientes "estritamente controlados" provocan que os polbos tornen "máis agresivos" e teñan "unha alta taxa de mortalidade", explican os científicos

O sector polbeiro leva máis de 60 anos tentando conseguir producir polbos en catividade. Como chancean os investigadores do proxecto co nome de Lourditas (Lourdes), o milagre obrouse e o Grupo Nueva Pescanova, que desenvolve o proxecto tras adquirir a patente da investigación ao Instituto Español de Oceanografía (IEO), prevé estar preparado para comercializar polbo de cría a partir do 2023.

Segundo Tur, "o polbo require unhas condicións mariñas moi específicas para o seu desenvolvemento, como a dispoñibilidade de alimento e factores oceanográficos óptimos relacionados coa temperatura, a salinidade, as correntes oceánicas e o benestar do animal". Para os científicos estes ambientes "estritamente controlados e monótonos", supoñen unha maldición para "un polbo curioso e activo que é máis probable que contraia infeccións, se volva máis agresivo e teña unha alta taxa de mortalidade cando se cría nestas condicións".

Colectivos ecoloxistas lembran o "terrible" historial da vella Pescanova en proxectos acuícolas como o de Touriñán, pero agregan a súa vontade de dar un voto de confianza aos novos xestores da compañía

A compañía afirma que aposta firmemente pola acuicultura como método para reducir a presión sobre os caladoiros e garantir os recursos sustentables, seguros, saudables e controlados, complementando á pesca. Con todo, desde WWF advirten de que o historial da antiga Pescanova coa acuicultura é "terrible". "Negativo desde o punto de vista ambiental e trato animal", afirman. Pon de exemplo o uso político que se deu á instalación dunha piscifactoria de rodaballos nun espazo protexido de cabo Touriñán, que acabou trasladándose a Portugal para ser posteriormente pechada. Aínda que recoñecen a súa vontade de dar un voto de confianza aos novos dirixentes tras o concurso de acredores que supuxo unha reestruturación da empresa e deu lugar á nova compañía.

Primeiro polbo de acuicultura en reproducirse © Nueva Pescanova

Peixe para alimentar un comellón

O polbo ten unha taxa de conversión 3:1, é dicir, necesita alimentarse por tres veces o seu peso de forma diaria. "Queremos o peixe para alimentar á xente ou para alimentar a un polbo que despois comerá a xente?", pregúntanse en WWF. No mesmo sentido pronúnciase o grupo de expertos da Universidade de Nova York: "A cría de polbos aumentaría, non aliviaría, a presión sobre os animais acuáticos silvestres". O autor desta información para eldiario.es contactou co Instituto de Oceanografía de Vigo -institución que desenvolveu a patente que posteriormente comprou Pescanova- para pescudar como están a ser alimentados os polbos pero explican que "teñen orde de non falar". A empresa tamén alegou que é parte da investigación e non poden dar este tipo de datos "polo momento".

O polbo necesita alimentarse por tres veces o seu peso a diario; o Oceanográfico de Vigo explica que tras a compra da patente por parte de Nueva Pescanova non pode informar ao respecto e a compañía alega que "polo momento" non ofrece estes datos

"Deben demostrar se é sustentable e se non o publican é porque non deben de ser datos moi bos", afirma García. Pola súa banda, David Chavarrías, director do Pescanova Biomarine Center cre que se restará presión aos stocks naturais de polbo. "A demanda xa vai chegar cuberta da acuicultura e logo doutra banda desde un punto de vista experimental podemos empezar a pensar en plans de repoboación dos medios naturais pola escaseza, como fixemos hai pouco da man das administracións públicas co rodaballo".

Varios biólogos sinalan que a escaseza de polbo se debe a un fracaso da xestión pesqueira. Cren que se deberían acometer medidas que fomentasen o coidado das zonas onde vive o polbo. "Se recuperásemos todas as pescarías sobreexplotadas de Europa -preto do 60%- aumentariamos en varios millóns de toneladas os peixes capturados", sinala García, quen remarca que en Galicia levan dez anos sen avanzar por falta de vontade política. "Hai nova ciencia e novas ferramentas que se poderían aplicar para estas pescarías", afirma.

"O polbo foi a primeira, pero temos outras especies no radar que tentaremos abordar dende o punto de vista da xenética, nutrición, manexo e saúde", explican dende Pescanova 

O cultivo de polbos será unha das principais liñas de estudo que realizará o Pescanova Biomarine Center, un dos centros de I+D+i  que abrirá no Grove en 2020, e cuxo equipo xa comezou o seu labor investigador desde as instalacións de Nueva Pescanova en Chapela.

"Imos tentar potenciar a industria 4.0. O polbo foi a primeira, pero temos outras especies metidas no radar que tentaremos abordar desde o punto de vista de xenética, nutrición, manexo e saúde", explica Chavarrías, quen lembra os datos da FAO, "actualmente o 50% do peixe que se consome no mundo provén da acuicultura, e prevese que a cifra ascenda ao 66% en 2030".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.