Aínda que unha ampla porcentaxe (o 70,5%) sinalan o radon como un elemento canceríxeno, só catro de cada dez (o 39,2%) identifican no seu nivel de gravidade, como segunda causa de cancro de pulmón despois do tabaco
O radon é un elemento radiactivo natural que procede da codia terrestre, produto da descomposición do uranio. É un gas, que nese proceso de descomposición, emerxe cara á superficie. Nos últimos anos investigacións realizadas con pacientes de hospitais galegos acreditaron a relación causal entre a exposición ao gas radon e unha maior incidencia do cancro de pulmón. A exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco do cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron. Así mesmo, un equipo da USC atopou relación entre a exposición ao radon en Galicia e os tumores cerebrais.
A presenza de radon varía dunhas zonas a noutras en función da composición do terreo. Galicia é unha das zonas do Estado con maior concentración de radon, xunto co oeste de Asturias e Castela-León, norte de Estremadura e algunhas zonas de Andalucía. As medicións realizadas polo Laboratorio de Radon de Galicia da USC, centro de referencia, sinalan que o 18% das vivendas de Galicia superan os niveis máximos de radon recomendados pola OMS.
Galicia é o territorio do Estado no que a cidadanía amosa unha maior preocupación por este tema. Nunha escala de 1 a 7, o 52,4% das respostas galegas sitúan a súa preocupación polo radon en valores elevados (de 5 a 7) e o 14% maniféstase "extremadamente preocupado"
Malia a gravidade deste problema, semella existir un gran descoñecemento sobre as medidas que se poden adoptar para reducir a incidencia do radon nas vivendas. Así o acredita unha investigación financiada polo Consello de Seguridade Nuclear e realizada polo grupo de investigación Novos Medios da USC baixo a dirección da catedrática Berta García Orosa. Unha enquisa con 1.985 entrevistas realizadas en todo o Estado, con mostras reforzadas nalgúns dos territorios máis afectados -Galicia, Madrid e Estremadura- amosa que o 60% da poboación ignora estas medidas.
Ademais, aínda que unha ampla porcentaxe (o 70,5%) sinalan o radon como un elemento canceríxeno, só catro de cada dez (o 39,2%) identifican no seu nivel de gravidade, como segunda causa de cancro de pulmón despois do tabaco. A enquisa indica que os homes manifiestan un maior nivel de coñecemento sobre o radon, mentres que as mulleres teñen unha mellor percepción dos riscos asociados.
Son poucas as persoas potencialmente afectadas (apenas o 45,6%) que adoptan medidas para protexerse deste gas
O coñecemento nos territorios con alta incidencia do radon é maior e o 77% dos entrevistados nas comunidades autónomas máis afectadas recoñece o radon como canceríxeno. Neste senso, Galicia é o territorio do Estado no que a cidadanía amosa unha maior preocupación por este tema. Nunha escala de 1 a 7, o 52,4% das respostas galegas sitúan a súa preocupación polo radon en valores elevados (de 5 a 7) e o 14% maniféstase "extremadamente preocupado".
Novos Medios destaca que "os esforzos de comunicación de risco para mitigar os seus efectos non demostraron a eficacia esperada". Os cidadáns que afirman ter recibido información sobre o radon a través dos medios son apenas o 31,2%
Á vista dos datos, o grupo Novos Medios destaca que "os esforzos de comunicación de risco para mitigar os seus efectos non demostraron a eficacia esperada". Os cidadáns que afirman ter recibido información sobre o radon nalgún momento a través dos medios de comunicación son apenas o 31,2%.
O traballo indica que a poboación española ten un coñecemento "moderado" sobre o radon. Así, unha ampla porcentaxe sabe que é un gas (83,4%), que é invisible a simple vista (67,4%) e inodoro (42,9%); ademais, o 54,4% sabe que pode atoparse no solo (54,4%) e na auga (24,5%), pero non ao aire libre (33,8%).
Porén, destácase que son poucas as persoas potencialmente afectadas (apenas o 45,6%) que adoptan medidas para protexerse deste gas. A medida máis común é mellorar a ventilación do edificio (29,9%), seguida do aumento de ventilación do forxado (21,7%), de evitar que se filtre o gas dende o soto (15,6%), selar pisos e paredes (13,0%) e de instalar un sistema de evacuación mecánica do radon no soto ou baixo os pisos sólidos (10,5%).