O 'Día das rapazas nas TIC', unha xornada para rachar a fenda de xénero na tecnoloxía

O 23 de abril celébrase o 'Día das rapazas nas TIC' © ictgogirls

Este 23 de abril celébrase o Día Internacional das rapazas nas TIC, un evento impulsado polas Nacións Unidas que se realiza todos os anos a finais deste mes. Coincidindo con el lévanse a cabo un gran número de actividades que buscan rematar coa actual fenda de xénero nas carreiras e nas profesións tecnolóxicas, unhas actividades que este ano se ven obviamente afectadas pola pandemia de coronavirus e polo obrigado confinamento.

Este xoves o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, a Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL organizan un coloquio virtual de 11 a 12 horas para todos os escolares de Galicia. Nel participarán catro profesionais galegas das TIC, existosas nos seus ámbitos, ás que as rapazas e os rapaces poderán preguntar as súas dúbidas. 

O obxectivo é promover vocacións tecnolóxicas femininas a través de referentes femininos próximos e de éxito, como recomendaba nesta entrevista Sabela Ramos, profesora da Facultade de Informática da Coruña.

Actividades celebradas o pasado ano no 'Día das rapazas nas TIC' © ictgogirls

Trátase de Amparo Alonso Betanzos (catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial), María Fernández Hermida (unha artista dixital galega da industria dos videoxogos. Traballou no Estudio Gato Salvaje na creación de contornos 3D e guións para xogos), Isabel Expósito Pérez (enxeñeira en Telecomunicacións da Universidade de Vigo, na especialidade de comunicacións de radio) e Patricia Mañana Borrazás (arqueóloga, coordinadora do proxecto DIMENSO e profesora no Consejo Superior de Investigaciones Científicas).

Pódese seguir e difundir toda a información do evento, no que xa se inscribiron máis de 100 alumnos e alumnas, e das actividades na web ICT-Go-Girls e no seu Twitter @ICTGoGirls.

A iniciativa ICT-Go-Girls é un proxecto europeo dirixido polo CESGA en colaboración coa USC e institucións doutros cinco países, que busca fomentar as vocacións científicas nas mulleres (e sobre todo nas nenas), promovendo a súa incorporación ás áreas científico-técnicas. Nesta entrevista falabamos con María José Rodríguez Malmierca (do CESGA, coordinadora do proxecto), que destacaba que "Que haxa mulleres que deseñen o futuro das novas tecnoloxías é crucial".  Con todo, a preocupante realidade é que a porcentaxe de mulleres nas carreiras de ciencias en Galicia caeu 10 puntos na última década.

Na páxina de ICT-Gi Girls pódense atopar, ademais, un gran número de recursos, como un obradoiro de robótica, un obradoiro de Scratch (unha sinxela linguaxe de programación), un obradoiro de booktrailers, un obradoiro de pixelart ou unha visita virtual ao supercomputador Finis Terrae II, do CESGA.

Actividades celebradas o pasado ano no 'Día das rapazas nas TIC' © ictgogirls

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.