Esta tecnoloxía pode mudar o paradigma da rehabilitación das patoloxías neuromusculares na infancia
Darío e Tiago, de sete e nove anos, probaron este mércores o primeiro exoesqueleto pediátrico deseñado pola compañía Marsi Bionics, en cuxo accionariado participa o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Darío sofre unha patoloxía afín á parálise cerebral e Tiago padece atrofia muscular espinal (AME), ambos puideron poñerse en pé e probar este enxeño electromecánico e intelixente no centro de Sinapse Neurología na Coruña, no marco da xornada Atlas 2030: o primeiro dispositivo pediátrico para a marcha, na que participaron profesionais e expertos en robótica e neurorrehabilitación.
Este exoesqueleto pediátrico foi creado para nenos e nenas de entre tres e 14 anos con atrofia muscular espinal, unha enfermidade dexenerativa que afecta a un de cada 10.000 bebés no Estado, e tamén está deseñado para que sexa compatible con determinadas patoloxías relacionadas coa parálise cerebral.
Este dispositivo electromecánico e intelixente axuda ao paciente para camiñar, nalgúns casos por primeira vez. Pesa 12 quilos e está fabricado con aluminio e titanio. O exoesqueleto adáptase ao corpo do neno para poñelo en situación de bipedestación e marcha.
Ten oito articulacións que imitan o funcionamento do músculo natural e dous modos de funcionamento: o pasivo onde as pernas móvense automaticamente en función dunha configuración a medida do neno, e o modo de intención de movemento, que precisa que o neno faga unha determinada forza –seleccionada e supervisada por un terapeuta– para que o exoesqueleto avance.
Este dispositivo electromecánico e intelixente axuda ao paciente para camiñar, nalgúns casos por primeira vez
Na demostración deste mércores na Coruña participaron o fisioterapeuta e analista clínico de Marsi Bionics Carlos Cumplido; o xefe da área de Rehabilitación do Complexo Hospitalario de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras Xoán Miguéns; o doutor en fisioterapia e director de Sinapse Carlos Rodríguez e a fisioterapeuta especializada en neurorrehabilitación pediátrica en Espacio Atemtia María Martí.
Esta tecnoloxía pode mudar o paradigma da rehabilitación das patoloxías neuromusculares na infancia. Segundo o CSIC, a principal dificultade para desenvolver este tipo de exoesqueletos consiste en que os síntomas das enfermidades neuromusculares varían co tempo, por iso é necesario un exoesqueleto capaz de adaptarse a estas variacións de forma autónoma. O modelo presentado na Coruña inclúe articulacións intelixentes que modifican a rixidez de forma automática e logran adaptarse á sintomatoloxía de cada paciente.