O 'santo dos croques' a toda cor: a restauración dixital 'revive' o Mestre Mateo

Restauración dixital da figura do Mestre Mateo e fotografía do 'santo dos croques' en 1950 © Kosmotech

O santo dos croques como nunca o viramos antes grazas á reconstrución dixital. A recoñecida figura do Mestre Mateo situada no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago recupera de xeito virtual as súas cores orixinais, a súa intensidade e calidade artística e toda a súa beleza grazas ao traballo do proxecto KosmoTech_1200 da Universidade de Santiago (USC) e do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais). 

Kosmotech presenta a restauración dixital do 'santo dos croques', o retrato do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria, que recupera así toda a súa "plenitude estética"

Esta restauración dixital devolve a "plenitude estética" á peza e chega con motivo do aniversario da colocación dos linteis do Pórtico da Gloria, que, segundo consta na inscrición, tivo lugar o 1 de abril de 1188. Así o explica a USC, que celebra esta nova vida para "unha das figuras máis célebres e enigmáticas da Historia da Arte: o retrato do Mestre Mateo, coñecido popularmente como o santo dos croques polo ritual de golpear a súa cabeza para absorber simbolicamente a súa sabedoría". 

O Mestre Mateo restaurado dixitalmente e detalles do estado actual da figura na Catedral de Santiago © Kosmotech

O traballo, como explica a Universidade, consistiu na restitución das partes perdidas da figura e na reconstrución da súa policromía. “O resultado permite apreciar a calidade excepcional da obra, tanto na sofisticación do seu deseño escultórico como na precisión da súa execución material, restituíndo a intensa presenza que a figura debeu de posuír dentro do programa orixinal do Pórtico”, explica o director científico do proxecto, o investigador Francisco Prado-Vilar. 

O resultado "permite apreciar a calidade excepcional da obra" e restitúe "a intensa presenza" da figura no programa orixinal do Pórtico

Ademais, o proceso de investigación permitiu revelar aspectos "ata agora descoñecidos da historia material da figura e do seu significado iconográfico". A restauración acompáñase dun estudo que permitiu "descodificar as claves do seu deseño xestual e da súa disposición escenográfica, poñéndoa en relación tanto coa famosa inscrición dos linteis, onde figura o nome do Mestre Mateo, como co coro pétreo cara ao que dirixe a súa mirada". 

"Esta análise deita luz sobre cuestións longamente debatidas en torno á misteriosa figura do Mestre Mateo como a súa orixe e identidade, a natureza e alcance da súa formación, e os contextos intelectuais e artísticos que fixeron posible a concepción da obra", explica a USC sobre un traballo que permite tamén "redefinir os seus vínculos con Santiago, non só en termos profesionais, senón tamén en relación coa súa posible inserción no tecido cultural, litúrxico e pedagóxico da catedral, ofrecendo así unha comprensión máis profunda e matizada da súa figura e do seu papel nun dos momentos máis innovadores da arte medieval europea". 

Moitos danos sufridos

“Mateo deixounos a súa autobiografía delineada no seu retrato, á espera de ser descifrada. Está inscrita, literalmente, no seu corazón, que é o núcleo semántico en torno ao que pivota a coreografía xestual da figura. Atopámonos ante un fito na representación do artista como creador intelectual e, en particular, ante unha formulación excepcional do concepto bíblico do sapiens architectus, o arquitecto sabio inspirado por Deus”, explica Prado-Vilar.

Reconstrución dixital do retrato do Mestre Mateo no Pórtico da Gloria, nunha peza audiovisual elaborada por Kosmotech-1200 © Kosmotech-1200

Os traballos sobre arquivos fotográficos e de análise da figura descubriron tamén os extensos danos sufridos pola peza, tanto na cabeza, "acentuados polo ritual dos croques", como, especialmente, na súa parte inferior, onde se encontraba unha das zonas máis elaboradas do seu deseño escultórico e que experimentou roturas y unha constante disgregación do granito. 

Os traballos realizados permitiron comprobar que a figura orixinal de Mateo "axeonllábase directamente no chan, compartindo o mesmo plano espacial que os fieis"

As pescudas permitiron comprobar tamén como, na súa concepción orixinal, a figura de Mateo "axeonllábase directamente no chan, compartindo o mesmo plano espacial que os fieis", unha disposición que formaba parte da escenografía envolvente do Pórtico, "concibida para diluír os límites entre representación e experiencia, de modo que as figuras – e, en particular, a do Mestre – habitasen o ámbito do espectador, ata o punto de permitir que o visitante puidese axeonllarse literalmente ao seu carón".

As intervencións sobre o pavimento orixinal e a súa substitución por unha placa de formigón provocou que se rebaixase o nivel do chan, o que explica que a figura apareza agora elevada sobre un pedestal.

A restauración dixital, realizada por Alexandre González Rivas mediante o uso combinado de máis de dez softwares especializados. permitiu reverter virtualmente os danos e recuperar o efecto orixinal da escultura segundo as investigacións de Francisco Prado-Vilar.

"Precisión na execución material"

Ademais, levouse a cabo unha restitución hipotética da policromía, baseada nos pigmentos e motivos decorativos documentados na primeira policromía do Pórtico, así como en paralelos procedentes da iluminación de manuscritos contemporáneos. 

“O resultado permite apreciar a calidade excepcional da obra, tanto na complexidade do deseño das vestimentas como na precisión da súa execución material, ao tempo que recupera a dimensión emotiva do retrato, restituíndo a intensidade de presenza que a figura debeu de posuír orixinalmente dentro do dispositivo escenográfico envolvente do Pórtico”, conclúe Prado-Vilar.

Detalles da restauración dixital da figura do Mestre Mateo e estado actual da escultura © Kosmotech

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.