O TSXG abre expediente a un avogado polo uso da IA nun recurso que citaba 24 sentenzas inventadas

Un fragmento da resolución do TSXG sobre unha imaxe da planta de Resonac, na Coruña ©

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de abrir unha peza separada para investigar por posible "mala fe procesual” a un letrado que presentou un recurso con reiteradas “incoherencias ou invencións”, presuntamente elaborado con Intelixencia Artificial

Cando a Intelixencia Artificial non sabe algo, invéntao. Dificilmente unha destas ferramentas xenerativas ofrecerá un "non sei" como resposta a unha pregunta ou instrución. Isto é así, principalmente, porque a IA en realidade non sabe nada, senón que -como modelo de texto que é- simplemente predí as palabras que con maior probabilidade aparecerán a continuación, en base ao inxente corpus co que foi adestrada. Non está deseñada para expor a realidade, senón para crear contidos verosímiles. 

Ademais, seguramente, non ofrece un "non sei" como resposta debido a unha programación predefinida na que se considerou que esta saída non resultaba moi atractiva para unha ferramenta que quixese triunfar no mercado. Isto, que en moitos ámbitos non supón máis que un pequeno incomodo ou unha frustración pasaxeira por ter recibido un dato erróneo por parte dunha aplicación tecnolóxica, nalgúns sectores pode supor un problema importante.

Por exemplo na xustiza. Dende hai tempo é cada vez máis frecuente o uso de ferrramentas de IA xenerativa no ámbito legal para a redacción de todo tipo de textos -recursos, apelacións, sentenzas...-. Un uso que vai dende un apoio puntual para a corrección ou redacción dun fragmento ata unha utilización máis ampla e, aparentemente, sen supervisión humana. 

Un fragmento da resolución do TSXG sobre unha imaxe da planta de Resonac, na Coruña © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Resonac

No recurso de suplicación aparecían “múltiples citas espurias, resolucións inexistentes, outras que non teñen que ver co discutido, ou directamente inventadas”, detectando referencias a un total de 24 sentenzas inexistentes

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de abrir un expediente “por mala fe procesal” a un avogado que presentou un recurso con reiteradas “incoherencias ou invencións”, presuntamente elaborado con Intelixencia Artificial. O TSXG advirte de que no recurso de suplicación aparecen “múltiples citas espurias, resolucións inexistentes, outras que non teñen que ver co discutido, ou directamente inventadas”, detectando referencias a un total de 24 sentenzas inexistentes, (de toda procedencia: do Tribunal Supremo, do Tribunal Constitucional, do Tribunal de Xustiza da Unión Europea...) que cita e para as que inclúe fragmentos de texto entre aspas.

Ao examinar o recurso, os xuíces encargados do caso comezaron a verificar a xurisprudencia citada. Porén, ningunha desas 24 sentenzas que apoiaban a argumentación do avogado aparecían no CENDOJ (Centro de Documentación Xudicial). "Todos os textos entre comiñas e as propias Sentenzas, atribuídos ao Tribunal Supremo e a outros Tribunais ao longo do escrito interposto ganduxan un discurso coherente e ponderado, pero áchanse extramuros ao que esta Sala conseguiu verificar no CENDOJ: son falsas", apunta o texto.

O tribunal sinala que todo isto implica "unha falta de dilixencia notoria na actuación profesional", pois o avogado "fiou o seu traballo, sen maior revisión, ao que o algoritmo lle propuxo, omitindo a dilixencia de verificar a existencia do que citaba, confiando seica en que a abundancia de referencias non só pasaría inadvertida a este Tribunal, senón que infundiría autoridade aos seus asertos"

A resolución alerta igualmente dunha "curiosa estrutura na maneira de redactarse e que se corresponde, como non é aventurado supoñer, co uso de Intelixencia Artificial na súa elaboración, do tipo xenerativa e de carácter gratuíto, sen unha verificación posterior para controlar as constantes ‘alucinacións’ ofrecidas”.

O tribunal sinala que todo isto implica "unha falta de dilixencia notoria na actuación profesional" e engade que "evidencia unha conduta reveladora dunha palmaria neglixencia de quen, tido por experto en normas procesuais e respectuoso cos principios deontolóxicos da súa profesión, fiou o seu traballo, sen maior revisión, ao que o algoritmo lle propuxo, omitindo a dilixencia de verificar a existencia do que citaba, confiando seica en que a abundancia de referencias non só pasaría inadvertida a este Tribunal, senón que infundiría autoridade aos seus asertos".

A resolución conclúe que "lonxe de consistir en mero descoido ou erro venial, como podería ocorrer no caso de existir un par de incoherencias ou invencións, pola súa reiteración merece ser depurada coa apertura dunha peza separada por mala fe procesual".

A Intelixencia Artificial e a escrita © https://www.alfredlondon.com/

Recurso desestimado

A resolución conclúe que "lonxe de consistir en mero descoido ou erro venial, como podería ocorrer no caso de existir un par de incoherencias ou invencións, pola súa reiteración merece ser depurada coa apertura dunha peza separada por mala fe procesual"

O recurso presentado polo avogado foi desestimado polo tribunal. Non polo uso incorrecto da Intelixencia Artificial -que, dende logo, non axudou- senón por outro tipo de arrgumentos legais. No caso, unha mutua impugnou unha sentenza que lle recoñecía a un traballador da planta coruñesa de Resonac a incapacidade permanente absoluta por enfermidade profesional: un carcinoma epidermoide de pulmón en estadio IV.

Porén, o recurso da mutua argumentou con éxito que o empregado non traballaba nas zonas de risco da fábrica, senón no almacén -onde non existían factores que puidesen provocar a doenza- e que, ademais, era fumador, o que podía facer sospeitar que o cancro de pulmón procedía deste hábito. Posteriormente, o traballador recorreu esta sentenza a través do texto realizado polo seu avogado con IA xenerativa e que foi de moi pouca axuda para o seu cliente, sendo finalmente desestimado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.