Máis dun millón de mortes por cancro de pulmón evitadas en todo o planeta. Este sería o resultado de prohibir por completo o consumo de tabaco á mocidade nacida entre 2006 e 2010. É a principal conclusión dun estudo científico liderado dende a Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago xunto á Axencia Internacional para a Investigación en Cancro (IARC) e que vén de ser publicada na revista Lancet Public Health.
Un estudo internacional liderado dende a USC estima o impacto mundial de lograr unha "xeración libre de tabaco"
O artigo científico, encabezado por Julia Rey Brandariz como primeira autora, centrouse en realizar en avaliar as implicacións para a saúde das "xeracións libres de tabaco", isto é, das políticas xa aplicadas nalgúns países sobre vetar a venda de cigarros á poboación que nacese a partir dun determinado ano. "Nunca se realizara unha estimación global do impacto que pode chegar a ter unha actuación deste tipo no mundo", destaca o equipo, tamén formado por Mónica Pérez Ríos e Alberto Ruano Raviña.
Para analizalo, trazaron un escenario hipotético "no que se lle prohibise consumir tabaco á poboación nacida entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de decembro de 2010, asumindo que a acción se aplicase perfectamente" nun total de 185 países. E conclúen que "a cifra de vidas que se salvarían supera a barreira do millón". Ou, o que é o mesmo, non acontecerían "o 40,2% de todas as mortes por cancro de pulmón nas persoas nadas neses quinquenio, ata 2095".
No caso español, a investigación calcula suporía "evitar o 71,9% e 73,1% das mortes por cancro de pulmón esperadas en homes e mulleres, respectivamente"
O impacto da medida sería maior en homes ca en mulleres, cun 45,8% fronte ao 30,9% das mortes evitadas, calculan. E a rexión máis beneficiada do mundo sería Europa Occidental (73,6%). O impacto por xénero variaría noutros puntos e así, explica o equipo investigador, "nalgunhas rexións de América do Norte, Europa e Australia e Nova Zelandia esta porcentaxe é maior en mulleres".
No caso concreto do Estado español, a investigación chega á conclusión de que nese período se evitarían 21.900 mortes, unhas 11.600 de homes e as restantes, de mulleres. Ou, o que é o mesmo, "suporía evitar o 71,9% e 73,1% das mortes por cancro de pulmón esperadas en homes e mulleres, respectivamente".
As autoras e o autor desta investigación encadran as súas pescudas na necesidade de analizar as consecuencias da estratexia política e sanitaria que deu en chamarse "tobacco endgame" e que "busca acabar drasticamente coa epidemia tabáquica". Nova Zelandia, explican, foi pioneira en aplicalo, cun veto total á venda de tabaco para persoas nadas dende o 1 de xaneiro de 2009, se ben "un cambio de goberno retirou a medida". No Reino Unido, abondan, esa prohibición co mesmo inicio -poboación nada en 2009- "está a ser considerada para a súa aplicación en 2027".
"É imprescindible seguir reforzando e aplicando medidas de control do tabaquismo que contribúan a diminuír o impacto do consumo de tabaco na mortalidade por cancro de pulmón" e outras 20 doenzas, subliñan
Estes e outros datos, advirten, acreditan que é "imprescindible seguir reforzando e aplicando medidas de control do tabaquismo que contribúan a diminuír o impacto do consumo de tabaco na mortalidade por cancro de pulmón, así como en máis de 20 enfermidades relacionadas co seu consumo".
Non en van, advirten, o mesmo equipo acreditou recentemente que fumar "causa arredor de 54.000 mortes anuais en España". E "a exposición ao fume ambiental de tabaco causa 750 mortes anuais".