Un estudo sinala o botulismo como causa da síndrome paralizante que está a matar as gaivotas

Gaivota vítima do síndrome paralizante © Álvaro Barros

A poboación de gaivotas descendeu un 80% nas últimas dúas décadas en Galicia. As causas ata agoras non quedaban claras, pero un estudo internacional vén de sinalar o botulismo como causante da síndrome parética que sofren estas aves

Algo pasa coas gaivotas. Nas últimas dúas décadas a súa poboación descendeu o 80% en Galicia, con datos recollidos nas colonias de gaivota patiamarela no Parque Nacional das Illas Atlánticas. A diminución no número de exemplares é visible tamén en cidades e vilas do litoral, onde a súa presenza é moito menor que no pasado. Organizacións ecoloxistas e investigadores levan anos buscando a causa deste fenómeno, que leva a estes animais a sufrir unha síndrome paralizante e unha elevada mortandade. 

Algunhas voces, como a entidade Amigas da Terra, chamaron a atención sobre a posible incidencia da gripe aviaria, unha explicación desbotada por completo por investigadores como Ignacio Munilla, biólogo especialista na ecoloxía das aves mariñas.

Agora, un novo estudo realizado por un equipo científico internacional con participación del Instituto Español de Oceanografía (IEO), dependente do CSIC, vén de sinalar o botulismo como causante da síndrome parética que dende hai anos está a matar as gaivotas, cando menos en Portugal

Gaivota afectada pola síndrome parética © María Victoria Mena Casero (RIAS)

A investigación analizou 571 mostras procedentes de 377 aves, tanto sas como con síntomas de parálises, obtidas na costa sur de Portugal. O 100% das 22 aves enfermas analizadas deron positivo en neurotoxina botulínica, mentres que ningunha das aves asintomáticas presentaba esta toxina

A investigación analizou 571 mostras procedentes de 377 aves, tanto sas como con síntomas de parálises, obtidas na costa sur de Portugal. Os resultados amosan que o 100% das 22 aves enfermas analizadas deron positivo en neurotoxina botulínica, mentres que ningunha das aves asintomáticas presentaba esta toxina.

O equipo investigador explica que a síndrome parética que sofren as gaivotas maniféstase con síntomas como parálises e flaccidez das extremidades, dificultade respiratoria (disnea) e diarrea, impedindo que as aves poidan alimentarse, nadar ou fuxir de depredadores. O centro RIAS atende cada ano un gran número de aves con este cadro clínico, conseguindo a recuperación de máis da metade das tratadas, pero ata agora non se atoparan pistas sobre a orixe do problema.

María Vitoria Mena, directora clínica e investigadora do centro de recuperación de fauna RIAS, apunta que "a detección temperá de gromos de botulismo e a adopción de medidas rápidas, como a retirada de cadáveres ou o control da calidade da auga, son fundamentais para previr episodios de mortalidade masiva e protexer a biodiversidade"

O botulismo aviario é unha intoxicación provocada pola toxina producida pola bacteria Clostridium botulinum, que prolifera en ambientes acuáticos con altas temperaturas e exceso de materia orgánica. Os investigadores detallan que as aves adoitan intoxicarse ao consumir larvas de mosca que se desenvolven en cadáveres en descomposición contaminados pola toxina que produce a bacteria, aínda que no caso concreto das gaivotas non está claro cal é a vía de exposición á toxina. 

Neste senso, María Vitoria Mena, directora clínica e investigadora do centro de recuperación de fauna RIAS, apunta que "a detección temperá de gromos de botulismo e a adopción de medidas rápidas, como a retirada de cadáveres ou o control da calidade da auga, son fundamentais para previr episodios de mortalidade masiva e protexer a biodiversidade". 

Gaivotas en Ons © Amigas da Terra

Tamén se identificaron dous casos positivos de gripe aviaria entre aves aparentemente sas, o que resalta "a necesidade de ter en conta múltiples causas posibles nos casos de mortalidade de avifauna silvestre"

Ademais, o estudo detectou en varias mostras a presenza doutras toxinas ambientais, como toxinas paralizantes de marisco e microcistinas (producidas por microalgas). E explican que aínda que os niveis detectados non serían suficientes por si sós para causar parálise severa, os investigadores apuntan a que poderían contribuír ao enfraquecemento xeral das aves e agravar os efectos do botulismo. 

Tamén se identificaron dous casos positivos de gripe aviaria entre aves aparentemente sas, o que resalta a necesidade de ter en conta múltiples causas posibles nos casos de mortalidade de avifauna silvestre, sinala o equipo investigador.

"Este estudo é un exemplo do valor da investigación multidisciplinar e da colaboración entre institucións científicas e centros de recuperación, que permite identificar e abordar problemas ambientais complexos usando as aves como especies sentinela", di Lucía Soliño, do Centro Oceanográfico de Vigo

Lucía Soliño, primeira autora dunha das publicacións e investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO, destaca que "este estudo é un claro exemplo do valor da investigación multidisciplinar e da colaboración entre institucións científicas e centros de recuperación, que permite identificar e abordar problemas ambientais complexos usando as aves como especies sentinela".

A Sociedade Galega de Ornitoloxía explicaba hai un tempo que o feito de que a diminución da poboación de gaivotas en Galicia se deba, cando menos en parte, a un proceso de mortaldade por causa dunha enfermidade descoñecida "debería disparar todas as alarmas" pois "as gaivotas comparten con nós moitos espazos, e o que lles suceda pode ser sintomático do estado no que se atopan aqueles lugares nos que vivimos".

Gaivotas voando na Coruña CC-BY-SA Jose Luis Cernadas Iglesias

"As gaivotas comparten con nós moitos espazos, e o que lles suceda pode ser sintomático do estado no que se atopan aqueles lugares nos que vivimos", alertaba hai uns anos a Sociedade Galega de Ornitoloxía

O traballo foi publicado en dous artigos na revista Toxins: Identifying Causative Agents of a Paretic Syndrome in Waterbirds in Southern Portugal e Investigation into Paralytic Shellfish Toxins and Microcystins in Seabirds from Portugal.

A investigación foi realizada en colaboración co centro de recuperación de fauna RIAS (Wildlife Rehabilitation and Research Center of Ria Formosa), o Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos (IREC), o Centre for Environment Fisheries and Aquaculture Science (Cefas), o Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da auga (IDAEA-CSIC), o Scientific and Production Center of Microbiology and Virology de Kazakhstan e o Institut Pasteur da Universidade de París.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.