Amigas da Terra volve alertar sobre o impacto da gripe aviaria no descenso da poboación de gaivotas e pide á Xunta que investigue

Gaivota vítima do síndrome paralizante © Álvaro Barros

A asociación critica que ata agora non se realizou "un estudo epidemiolóxico completo" nin se aplicou o programa de vixilancia oficial da influenza aviaria, que "permitirían confirmar ou descartar a influenza aviaria ou outros axentes infecciosos como causa do proceso"

A asociación ecoloxista Amigas da Terra leva tempo alertando de que unha das causas do importante e preocupante descenso da poboación de gaivotas en Galicia (un 70% menos nos últimos 20 anos) pode ser a gripe aviaria. Así o afirmaba nun informe remitido á Xunta e ao Parque Nacional das Illas Atlánticas no que criticaba que se descartase oficialmente esta posibilidade cando "no resto do mundo, con exactamente os mesmos síntomas falan de gripe aviaria, cunha cepa moi contaxiosa, mentres a Xunta segue a falar dunha misteriosa enfermidade”.

Na reportaxe publicada por Praza.gal o pasado 7 de xullo Antón Lois, responsable de Educación Ambiental da entidade ecoloxista, sinalaba que "a única explicación para o descenso tan brutal da poboación da gaivota é a gripe aviaria” e detallaba que nos últimos anos se observaron “eventos de mortalidade masiva” en colonias de cría de aves mariñas en Europa, cun grande impacto do virus H5N1 da Influenza Aviaria. En Galicia, ante a petición de información realizada por Amigas da Terra, a Xunta comunicou que no ano 2022 se analizaran 459 aves ou os seus cadáveres e que destas, resultaron positivas por gripe aviaria 11 aves de municipios do Parque Nacional das Illas Atlánticas e 93 doutros concellos galegos.

Gaivotas no litoral galego © CEIDA

A entidade responde ás declaracións realizadas a Praza.gal polo biólogo especialista na ecoloxía das aves mariñas Ignacio Munilla, que descartaba que a gripe aviaria fose a causa da elevada mortalidade da poboación de gaivotas

Porén, nesa mesma reportaxe Ignacio Munilla, biólogo especialista na ecoloxía das aves mariñas e que leva anos estudando as causas das mortes das gaivotas nas costas galegas, descartaba que a gripe aviaria fose a causa da elevada mortalidade da poboación de gaivotas. “Afirmar que a causa do enorme declive da poboación de gaivotas é a gripe aviaria é algo difícil de soster. Como hipótese non encaixa coa realidade, é un pouco fantástica”, dicía Munilla. “A gripe aviaria é outra dimensión. Se fose o caso, chegarías a Sálvora e atoparías 2.000 cadáveres de gaivotas. Fan mal en verter este tipo de especulacións”, engadía o ecólogo.

Agora Amigas da Terra vén de responder ás declaracións de Munilla, sinalando que esta asociación "non considera que avaliar os resultados das analíticas en aves silvestres proporcionados pola Consellería do Medio Rural e contrastalos co que está a ocorrer a nivel mundial sexa 'verter especulacións ou falar de fantasías'". E lembra que "estamos ante unha enfermidade con elevada mortaldade dunha especie en declive e ante unha autoridade competente na súa conservación que non actúa nin realiza os estudos epidemiolóxicos necesarios para o seu diagnóstico". 

"Estamos ante unha enfermidade con elevada mortaldade dunha especie en declive e ante unha autoridade competente na súa conservación que non actúa nin realiza os estudos epidemiolóxicos necesarios para o seu diagnóstico", di Amigas da Terra

A entidade critica que ata agora non se realizou "un estudo epidemiolóxico completo" nin se aplicou o Programa de vixilancia oficial da influenza aviaria, que obriga á toma de mostras de aves silvestres enfermas ou mortas para a análise desta enfermidade nun laboratorio oficial. Estes procedementos "permitirían confirmar ou descartar a influenza aviaria ou outros axentes infecciosos como causa do proceso". 

Amigas da Terra subliña que a normativa vixente "obriga á intervención das autoridades veterinarias locais, neste caso os servizos veterinarios oficiais da Xunta de Galicia, cando se detecten grupos de aves silvestres mortas ou enfermas". E alerta de que na actualidade "están a manipularse e transportando aves que poderían estar a sufrir unha enfermidade de declaración e sacrificio obrigatorio segundo a OMSA", como é a gripe aviaria, "que é ademais altamente contaxiosa para a avicultura de produción e implica importantes consecuencias económicas (leva a morte e eutanasia de gran número de animais)". 

Gaivotas en Ons © Amigas da Terra

A entidade di que a Consellería de Medio Ambiente "non debería montar un hospital de campaña para rehabilitar estes animais, como estivo facendo nos últimos anos, sen coñecer a patoloxía que están a sufrir nin o risco de expandila a outra fauna nin ao seu persoal"

A entidade lembra que, ademais, é unha enfermidade zoonósica, é dicir, que pode chegar a transmitirse ás persoas, a pesar de que o risco actual valorado polas autoridades competentes sexa baixo. Con todo, Amigas da Terra di que "non debemos perder de vista os casos de traballadores de explotacións avícolas ou de vacún de leite contaxiados en USA, así como o risco doutra pandemia en caso de continuar as mutacións e adaptacións do virus a novas especies". 

Amigas da Terra considera que a Consellería de Medio Ambiente "non debería montar un hospital de campaña para rehabilitar estes animais, como estivo facendo nos últimos anos, sen coñecer a patoloxía que están a sufrir nin o risco de expandila a outra fauna nin ao seu persoal". E sinala que "estes colectivos deberían de operar con equipos de protección individual e protocolos adecuados ao risco que manexan". 

Para Amigas da Terra, o declive das poboacións de gaivota patiamarela en Galicia nos últimos anos "ten a súa orixe en causas diversas" pero a gripe aviaria "podería estar a ser un factor determinante para o seu descenso, xa que existen numerosos indicadores compatibles con esta"

Así mesmo, di que a Consellería "debería contar cun sistema de trazabilidade de aves silvestres (vivas e mortas) no que quede constancia das persoas que manexaron cada exemplar" para que en caso dun resultado positivo a IAAP estes traballadores poidan actuar segundo as instrucións do Sergas para as persoas en contacto con animais sospeitosos ou diagnosticados de gripe aviaria. 

A entidade conclúe que o declive das poboacións de gaivota patiamarela en Galicia nos últimos anos "ten a súa orixe en causas diversas (peche de vertedoiros, prohibición de eliminar descartes pesqueiros etc.)". Porén, considera que a gripe aviaria "podería estar a ser un factor determinante para o seu descenso, xa que existen numerosos indicadores compatibles con esta (síntomas e patrón de presentación, resultados positivos a análises, especie de elevado risco de transmisión segundo a EFSA...) e moi poucos ou ningún que permita o seu descarte"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.