A bióloga barbanzá Alba Fernández-Sanlés embárcase o vindeiro xaneiro na expedición organizada pola entidade australiana Homeward Bound tras máis dun ano de formación
Alba Fernández-Sanlés é bióloga pola Universidade de Santiago, á que chegou tras formarse no ensino público en Porto do Son e Ribeira. É tamén doutora en Biomedicina pola Universitat Pompeu Fabra e actualmente centra o seu labor na investigación en Epidemioloxía no University College London, no Reino Unido.
A investigadora barbanzá está tamén a piques de ser a primeira científica galega en chegar á Antártida, territorio vetado ás mulleres ata os anos 60 do século pasado. Será a través dunha expedición de Homeward Bound, unha organización internacional sen ánimo de lucro fundada en Australia en 2015 á que Fernández-Sanlés chegou combinando o seu traballo científico coa defensa "da protección da natureza, o feminismo e a promoción da equidade social", relata.
Dentro do obxectivo de "crear unha rede global de mulleres comprometidas e capacitadas para afrontar e resolver grandes desafíos globais" encádrase a expedición á Antártida que comezará en xaneiro do vindeiro 2025 dende Ushuaia, na Arxentina. Alí, explica a investigadora na páxina que ten aberta para recadar fondos, dedicaranse a "observar, documentar e divulgar o que vexamos e vivamos" co obxectivo de "crear conciencia sobre o impacto do cambio climático na Antártida e sobre os retos globais".
A viaxe procura "crear conciencia sobre o impacto do cambio climático" nun dos lugares máis sensibles do planeta, mais tamén crear rede entre as mulleres participantes. Fernández-Sanlés persegue tamén "representar Galicia de maneira explícita na ciencia internacional"
Pero non só iso. O proxecto tamén persegue "visibilizar e dar altavoz social ás mulleres científicas no mundo, e xuntarnos para unir as nosas voces". E xuntar fisicamente no mesmo lugar un cento de científicas e activistas de diversos lugares do mundo "para traballar en proxectos colaborativos e multidisciplinares con impacto positivo".
Neste sentido, a implicación de Fernández-Sanlés en Homeward Bound principiou moito antes do inicio da viaxe. Completou un amplo programa de formación durante un ano, ata a pasada primavera, cara a unha expedición na que, subliña, "quero involucrar o pobo galego". "Galicia ten que representarse de maneira explícita e intencional na ciencia internacional e na innovación para responder aos grandes retos globais" porque "non abonda con ser investigadora galega".
A participación da investigadora galega nesta expedición é especialmente relevante porque Homeward Bound prevé que sexa a derradeira viaxe á Antártida que organiza. Alí, detalla, "un grupo de mulleres non só altamente cualificadas cientificamente e capacitadas para liderar", senón tamén "movidas polo mundo que nos rodea, empáticas e colaborativas, imos empregar esta experiencia como combustible no noso camiño para mitigar a crise climática, a contaminación, a perda de biodiversidade, as inequidades sociais e en saúde, representar a diversidade humana e outros grandes retos globais".