Urxen medidas para frear "o colapso do sistema tradicional de bestas" en Galicia nun estudo presentado na Comisión Europea

Cabalos salvaxes na Serra da Groba (Pontevedra). © Laura Lagos/Life GrazeLIFE

Científicos da UDC participan no proxecto europeo Life GrazeLIFE cun estudo para coñecer as aportacións dos cabalos salvaxes fronte a outras alternativas de xestión do monte e advirten do perigo de desaparición deste "legado cultural único" 

"Ou as Administracións públicas toman medidas urxentes ou a curto prazo chegará o colapso do ecosistema de cabalos en liberdade en Galicia, que aporta biodiversidade, altas taxas de almacenamento de carbono e baixo risco de incendios fronte a modelos baseados na repoboación forestal ou no abandono de terras". 

Esta é a conclusión que presentou ante a Comisión Europea un equipo de científicos da Universidade da Coruña (UDC) integrado por Jaime Fagúndez, Laura Lagos, José Antonio Cortés Vázquez e Flávia Canastra a partir dun estudo que levaron a cabo ao amparo da iniciativa europea Life GrazeLIFE, que se desenvolveu desde o ano 2019 e contribuíu a coñecer as achegas dos cabalos salvaxes de Galicia fronte a outras alternativas de xestión do monte.

Bestas na Serra do Xistral (Lugo) © Laura Lagos/Life GrazeLIFE

O proxecto Life GrazeLIFE, financiado pola Unión Europea para promover a xestión sustentable do territorio mediante o pastoreo e o uso de grandes herbívoros, advirte que "deben tomarse accións para previr o colapso do sistema tradicional de bestas en Galicia". "Debemos dar o paso xa, antes de que sexa demasiado tarde", alertan os científicos da UDC no seu estudo Os cabalos salvaxes de Galicia. Contexto socio-económico e beneficios ambientais. O caso de estudo de Galicia no proxecto Grazelife.

 

Os expertos centraron a súa investigación na Serra da Groba, no sur da provincia de Pontevedra, e no sur da Serra do Xistral, no norte da de Lugo, porque "representan as dúas situacións das bestas en Galicia". O equipo liderado por Jaime Fagúndez explica que o norte, no entorno dos concellos de Abadín e Vilalba, un espazo da Rede Natural 2000, está dominado por queirogais húmidos e turbeiras nos que as bestas son de gandeiros profesionais de vacún e hai presenza de lobos. No sur, na contorna de Oia, unha zona con clima máis cálido e seco, con repoboacións forestais e frecuentes incendios, os cabalos son propiedade de besteiros non profesionais e os curros son acontecementos sociais de calado. 

"Temos a responsabilidade de salvagardar este tesouro para as xeracións futuras", asegura o investigador Jaime Fagúndez 

O informe presentado este xoves ante a Comisión Europea certifica que os beneficios que xeran os cabalos salvaxes de Galicia "poden contribuír a resolver algúns dos problemas derivados da emerxencia climática, da despoboación e o baleirado do rural e da crise de biodiversidade". Pero isto só pode suceder "se a Unión Europea e os seus Estados Membros se comprometen a aplicar as políticas e normativas dun xeito máis eficaz", salientan os investigadores. 

Cabalo salvaxe en Galicia © Jaime Fagúndez/Life GrazeLIFE

Jaime Fagúndez alertou ante a Comisión Europea de que este sistema tradicional de cabalos en liberdade "pode desaparecer" a curto prazo, o que suporía a perda dun "legado cultural único de gran conexión coa historia de Galicia, a súa paisaxe rural e os valores naturais". "A poboación galega e os seus dirixentes políticos a todos os niveis temos e teñen a responsabilidade de salvagardar este tesouro para as xeracións futuras", aseveran nas conclusións do traballo.

As bestas "aumentan a calidade dos pastos e reducen así os custos de roza mecánica para a prevención de incendios"

Regulación específica para Galicia

Segundo este traballo para o proxecto Life GrazeLIFE "as áreas de pasto das bestas inclúen diferentes tipos de queirogal que achegan valores ecosistémicos como unha gran biodiversidade, altas taxas de almacenamento de carbono e baixo risco de incendios". Ademais, os cabalos salvaxes, ao consumir especies arbustivas –principalmente toxo– "aumentan a calidade dos pastos e reducen así os custos de roza mecánica para a prevención de incendios".

Os científicos da UDC propoñen "unha regulación específica para os territorios galegos con este sistema tradicional" cun impulso do turismo de natureza asociado aos cabalos e dun sistema no que os animais poidan estar no monte sen microchips.

Tamén contemplan o establecemento de medidas como peches perimetrais para evitar accidentes nas zonas próximas a estradas e a mellora da sinalización de tráfico para advertir da súa presenza. Por outra banda, reclaman axudas da Política Agraria Común (PAC) baixo o criterio de conservación do hábitat natural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.