No ano 1992 a veciñanza da Fonsagrada saíu á rúa a protestar, nunha longa e intensa mobilización coñecida como As Movidas. O documental 360 curvas , dirixido por Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, recupera esa loita e consegue traela ata o presente
No ano 1992 a veciñanza da Fonsagrada saíu á rúa a protestar. O detonante foi o proceso de redacción da Lei de Desenvolvemento Comarcal elaborada pola Xunta -na primeira lexislatura de Manuel Fraga como Presidente- que, entre outras cousas, deixaba inicialmente A Fonsagrada sen capitalidade comarcal, ademais de perder servizos como a Oficina de Extensión Agraria e o Servizo de Extinción de incendios, que pasaban a Becerreá ou Meira. Foi a pinga que fixo rebordar o vaso. O concello máis extenso de Galicia levaba décadas perdendo poboación (dos 17 mil habitantes de 1900 pasara a 7 mil) e sufría moitas eivas de servizos e comunicacións comúns á maior parte da Galicia rural.
A estrada que a comunicaba con Lugo e outras zonas era estreita, revirada (360 curvas ata a capital provincial) e o asfalto atopábase en moi malas condicións. A xente dixo que xa abondaba e comezou a mobilizarse na propia vila e tamén en Compostela, onde milleiros de persoas se manifestaron na Praza do Obradoiro ou na sede da Xunta. Na Fonsagrada houbo folgas e un longo peche de dous meses na Casa do Concello que finalizou con cargas policiais e detencións. A mobilización, coñecida como As Movidas, que se estendeu durante meses e adoptou en moitos momentos un ton festivo e humorístico, obtivo parte das súas reivindicacións: a Xunta acabou por anunciar que A Fonsagrada sería capital de comarca e mantería o Servizo de Extensión Agraria. Malia esta vitoria, as mobilizacións non cesaron e continuarons nos anos seguintes, reivindicando melloras para a localidade.
A mobilización obtivo parte das súas reivindicacións: a Xunta acabou por anunciar que A Fonsagrada sería capital de comarca e mantería o Servizo de Extensión Agraria
O documental 360 curvas , dirixido por Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, recupera esa mobilización e consegue traela ata o presente. Parte dun impresionante arquivo composto polos vídeos gravados nese momento por Manuel Fernández (fotógrafo da Fonsagrada e membro da coordinadora veciñal das protestas), pero non se limita a ollar cara ao pasado, senón que busca enlazar coa actualidade a loita que hai 34 anos exerceu a veciñanza dunha comarca rural en reivindicación de mellores servizos.
O filme, despois do seu paso por festivais, foi estreado hai dúas semanas na Fonsagrada e puido verse xa na Coruña, Santiago, Lugo ou Monforte. Foi, ademais, seleccionado como finalista aos Premios Mestre Mateo na categoría de mellor documental.
O filme foi seleccionado como finalista aos Premios Mestre Mateo na categoría de mellor documental
O proxecto naceu en 2022 da man de Adrián Méndez e de Manuel Lucas. Nese momento, 30 aniversario das Movidas, comezaron a circular entre a veciñanza da Fonsagrada, a través do whatsapp, algúns dos vídeos gravados entón por Manuel Fernández. Adrián Méndez e Manuel Lucas pensaron que esa podía ser a base dun documental e puxéronse en contacto con Alejandro Gándara (que amosara o seu traballo con arquivos audiovisuais no documental Dorothé na Vila) e con Ariadna Silva, con varias curtas e proxectos fotográficos, centrados no territorio e na memoria.
"A estrada LU-530 simboliza a distancia co habitable. As súas curvas levan o nome das persoas que naceron ou morreron alí, de camiño ao hospital. É o símbolo da marxinación, da emigración, e marca a separación cos lugares nos que se toman as decisións. Un día, a xente da Fonsagrada colleu as pas para cambiar o seu trazado", destácase na promoción dun filme que fala dun lugar e dun tempo moi determinado, pero que de seguro pode concectar coa poboación de moitas zonas, especialmente rurais, que viviron ou viven problemas semellantes e mobilizacións sociais equiparables.
"É unha película que toca a moita xente; é un tema de interese xeral, coa particularidade das Movidas da Fonsagrada, pero que chega aos espectadores de moitas zonas. O tema do abandono do rural e da privación de servizos básicos afecta a moitos lugares", destaca Ariadna Silva
"É unha película que toca a moita xente; é un tema de interese xeral, coa particularidade das Movidas da Fonsagrada, pero que chega aos espectadores de moitas zonas. O tema do abandono do rural e da privación de servizos básicos afecta a moitos lugares", destaca en conversa con Praza Ariadna Silva, unha das directoras. "Era unha historia que tiña que ser coñecida e recoñecida", engade.
De igual xeito, o documental non falan só de pasado, senón que establece un diálogo entre dúas épocas non tan afastadas, un xogo de espellos no que as imaxes de arquivo se reflicten nun presente tamén marcado polo abandono e a eliminación de servizos públicos fundamentais. "Esta non é só unha historia do pasado. É un retrato do presente que se atreve a albiscar o porvir", destácase.
"A película tamén deixa a porta aberta ao futuro a través da mocidade, dunha mocidade que quere seguir vivindo e traballando na súa terra, no seu lugar de orixe", engade a directora
"A película tamén deixa a porta aberta ao futuro a través da mocidade, dunha mocidade que quere seguir vivindo e traballando na súa terra, no seu lugar de orixe. Por iso está funcionando, porque conecta coas dificultades actuais para manter o nivel de vida nas nosas vilas", sinala Ariadna Silva. Para a directora, "o espírito da protesta prolóngase ata o día de hoxe a través desta mocidade que quere manter viva A Fonsagrada", e que por exemplo está a organizar a Foliada ou está recuperando o entroido tradicional da localidade.
O documental fala do colectivo, pero conta tamén moitas historias persoais. Historias como a dunha familia que vai e vén desde Bilbao; a xente nova que intenta dinamizar a comarca ou un gandeiro que estivo preso durante as protestas, e que hoxe resiste a pesar de quedar cada vez máis só.
"A película chega á xente máis aló da súa mensaxe política. Porque é unha película que fala do amor, do amor a unha terra, personalizado sobre todo na figura de Adrián, cuxos pais tiveron que marchar da Fonsagrada", destaca
"A película chega á xente máis aló da súa mensaxe política. Porque é unha película que fala do amor, do amor a unha terra, personalizado sobre todo na figura de Adrián, cuxos pais tiveron que marchar da Fonsagrada", destaca Ariadna Silva, que salienta que as entrevistas incluídas na película permiten "pasar dunha visión máis colectiva a unha visión máis persoal, máis lírica". "Estas persoas abríronos as súas casas e conseguiron que no documental "o íntimo impregne o colectivo e viceversa".
De igual xeito, Alejandro Gándara destaca o valor dos vídeos gravados por Manuel Fernández, “unhas imaxes moi potentes: algunhas moi impactantes, como as das manifestacións masivas ou as cargas policiais e outras moi cercanas, moi tenras”.
Alejandro Gándara destaca o valor dos vídeos gravados por Manuel Fernández, “unhas imaxes moi potentes: algunhas moi impactantes, como as das manifestacións masivas ou as cargas policiais e outras moi cercanas, moi tenras”
E como se ven dende a actualidade as protestas levadas a cabo pola veciñanza hai tres décadas? Pénsase que pagou a pena? Tanto Ariadna Silva coma Alejandro Gándara destacan que as protestas "deron os seus froitos" e tamén "contribuíron a xerar comunidade", aínda que tamén "tiveron custos". Acadáronse parte das reivindicacións, A Fonsagrada mantivo a capitalidade comarcal e o Servizo de Extensión Agraria, e mesmo a estrada foi arranxada, cun novo firme e facendo máis ancho o seu trazado. De igual xeito, o museo comarcal recuperouse e impulsouse a homologación do Camiño Primitivo, hoxe de grande importancia na zona.