O 17 de agosto de 1976 naceu na Coruña a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB) cos obxectivos prioritarios da promoción e defensa da lingua e da cultura galegas e a divulgación da figura e pensamento de Bóveda
O 17 de agosto de 1976 -Día da Galiza Mártir e aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda- naceu na Coruña a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB) cos obxectivos prioritarios da promoción e defensa da lingua e da cultura galegas e a divulgación da figura e pensamento de Bóveda. A entidade está a celebrar este ano o seu 50 aniversario, unha conmemoración que terá o seu acto central este mércores 1 de xullo cunha gala no Teatro Rosalía de Castro ás 20 horas, con entrada libre.
O evento estará presentado por Chus Álvarez e dirixido por Clara Porta e inclúe a participación de artistas como Raúl Galego e Mercedes Peón na vertente musical; o humor de Mofa e Befa; a danza contemporánea de Antía Goyene e Dadaneras —cunha homenaxe audiovisual e escénica a Maruxa Mallo—; e a literatura na voz de Eva Veiga, nunha produción que conta coa colaboración de varias entidades culturais. Un espectáculo multidisciplinar que busca celebrar a activismo cultural de base.
A entidade está a celebrar este ano o seu 50 aniversario, unha conmemoración que terá o seu acto central este mércores 1 de xullo cunha gala no Teatro Rosalía de Castro ás 20 horas
A velada abrirá as súas portas coa benvida musical do gaiteiro Raúl Galego, que dará paso á proxección de 21 Almas en Movemento. Esta peza audiovisual de Antía Goyene propón unha homenaxe á obra de Maruxa Mallo, habitando o seu universo pictórico dende o corpo a través dunha curtametraxe híbrida que reinterpreta a súa serie La Religión del Trabajo. A ollada arredor de Mallo continuará no escenario coa danza contemporánea da Compañía Dadaneras e a obra Entre redes e espantapeixes. Esta peza, asinada por Inés Violeta Merino, Marta Baeza e a propia Antía Goyene, conta coa música orixinal de Marina García Rubio e o deseño de vestiario de Marta Galiacho e Gustavo Solís.
O contrapunto humorístico chegará da man de Mofa e Befa co entremés Os 33 ruiseñores da porqueira. O dúo presentará un deficitario e chistoso orfeón que transita entre o lutuoso e o esmendrellante. A literatura e a palabra poética terán un espazo central na voz de Eva Veiga. A través do seu recital, achegarémonos aos versos "de catro poetas fundamentais cun vencello indisociable coa cidade da Coruña": Rosalía de Castro, Filomena Dato, Luz Pozo e Luísa Villalta. O broche de ouro porao a música e a forza de Mercedes Peón, vangarda que conecta directamente as raíces da nosa tradición oral coas expresións sonoras contemporáneas, pechando o acto.
O evento inclúe a participación de artistas como Raúl Galego e Mercedes Peón na vertente musical; o humor de Mofa e Befa; a danza contemporánea de Antía Goyene e Dadaneras —cunha homenaxe audiovisual e escénica a Maruxa Mallo—; e a literatura na voz de Eva Veiga
Na presentación da gala, a pasada semana, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a relevancia dunha agrupación “nacida no verán de 1976 da man dunha mocidade comprometida coa defensa da lingua galega e coa necesidade de artellar espazos de resistencia cultural”. “Trátase dunha cultura construída con moitas mans xuntas, desde o traballo colectivo e as sinerxías co tecido asociativo”, destacou o edil, que convidou a toda a veciñanza a encher o Teatro Rosalía de Castro ·para celebrar o pasado, gozar do presente e seguir construíndo colectivamente o futuro da nosa cultura”.
50 anos de activismo cultural de base
A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que ten a súa sede no Edificio do Circo de Artesáns (San Andrés, 36), conta na actualidade con máis de 400 socias e socios e desenvolve arredor de 200 actividades anuais, quer en solitario quer en colaboración con outras entidades. A entidade destaca na súa web ter as portas abertas "a quen queira traballar connosco, porque somos xente de acción, en renovación permanente"
A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que ten a súa sede no Edificio do Circo de Artesáns (San Andrés, 36), conta na actualidade con máis de 400 socias e socios e desenvolve arredor de 200 actividades anuais, quer en solitario quer en colaboración con outras entidades
Entre as moitas actividades que organiza cada ano destacan numerosas presentacións e charlar puntuais e, igualmente, unha programación estable ligada a iniciativas como dous clubs de lectura; o Grupo de teatro amador ACAB; a celebración do celebración do Memorial de Teatro Amador Ibán Toxeiro; o magazine cultural Recendo, que se emite todas as semanas a través de CUAC FM; o grupo de Cantos na Taberna, que naceu para fomentar a música popular e o encontro entre socios e socias; as outras historias do cinema; ou o club de xadrez.
Ademais da lingua e cultura galegas, a preocupación pola memoria histórica é constante, acompañando por exemplo a campaña pola eliminación da simboloxía franquista da Coruña, a loita pola devolución do Pazo de Meirás e a Casa Cornide, ou o Xornal A Coruña das Mulleres, unha publicación que deita luz sobre a represión franquista e a rebeldía feminina na cidade, ou a presentación de investigación ao redor da historia da represión franquista na comarca.
"O que comezou en 1976 como un acto de afirmación e resistencia democrática, é hoxe un proxecto plenamente vixente que encara a súa madurez con enerxía renovada", destaca a entidade
A agrupación mantén en actividade, ademais, varias webs, como A Coruña das Mulleres, un fondo documental, gráfico e audiovisual que serve de ferramenta útil para a información, a consulta e a investigación sobre a memoria feminina da cidade. Tamén A Coruña literaria, espazo dedicado á historia do libro e a lectura na Coruña. Igualmente, Ollo de Vidro, sitio colectivo de fotografía mantén vivo o espírito da agrupación nacida en 1985. E, finalmente, o Almanaque das Irmandades, web de efemérides galegas desenvolvido en colaboración coa AS-PG.
"O que comezou en 1976 como un acto de afirmación e resistencia democrática, é hoxe un proxecto plenamente vixente que encara a súa madurez con enerxía renovada", destacaba o pasado ano a entidade, que estaba a deseñar a súa programación para o ano do seu 50 aniversario. Unha programación que poñía o foco na lingua e literatura galegas, na memoria histórica, nun "feminismo activo e transversal" e na "solidariedade internacionalista", ademais de na "cooperación co tecido asociativo, actuando como un nodo que conecta a entidades sociais e culturais de Galicia".
A entidade pon o foco na "cooperación co tecido asociativo, actuando como un nodo que conecta a entidades sociais e culturais de Galicia"
A entidade, que dende a súa creación en 1976 contou con dez presidentas e presidentes, como Margarida Vázquez Veras, Xosé Espona Blanco, Cesáreo Sánchez Iglesias, Pilar García Negro, Xosé Manuel Sánchez Rei ou María Xosé Bravo, adoptou en xuño de 2025 unha presidencia colexiada formada por cinco persoas: Carmela Galego Marante, Daniel Rodríguez Cao, Jorge Castro Ruso, Luz Rivas Troiteiro e Marisol García Juárez, "unha nova estrutura que reafirma a nosa aposta pola horizontalidade, garantindo que a dirección sexa un reflexo plural da nosa base social", destaca.
Conta, ademais, con catro socios e socias de honra: Ibán Toxeiro (1996), Jenaro Marinhas del Valle (1999), Manuel María (2004) e Luísa Villalta (2004).