A I Mostra de Teatro no Mosteiro que se está a celebrar esta fin de semana é un "proxecto piloto" da Asociación Cultural Catro Gatos coa intención de medrar e que as compañías galegas de teatro amador e profesional teñan un novo espazo ao que traer as súas representacións
Os intérpretes Tone Martínez e Alba Bermúdez, responsables da compañía carballesa Galeatro, imparten aulas de teatro dende hai uns doce anos en distintos concellos do norte, entre eles o de Bergondo. Comezou como unha actividade para as nenas e nenos do Centro Público Integrado Cruz do Sar, pero axiña viron que as familias estaban interesadas en que houbese tamén obradoiros para adultos. Así naceu a Asociación Cultural Catro Gatos.
“É unha asociación de carácter cultural, fomos creando espectáculos co obxectivo de dinamizar as artes escénicas no propio Bergondo e na contorna, contando co apoio do Concello. Creamos un maratón teatral que xa vai pola oitava edición e un intercambio cultural entre varios concellos que chamamos ‘Maruxía escénica’ con agrupacións de teatro amador, e este ano propuxémonos dar un paso máis e crear un festival de teatro”, conta Tone Martínez.
Co entusiasmo da veciñanza comprometida coa asociación, e coa axuda da casualidade, este ano comezaron ensaiar no Mosteiro de San Salvador, un dos exemplos máis salientables da evolución do románico tanto na comarca das Mariñas coma no conxunto do territorio galego. “Chegamos alí un día de inverno que chovía un montón, vimos o patio do claustro e ao momento pensamos en que había que intervilo artisticamente. É incrible que estea aí e case ninguén o coñeza”, explica Martínez.
O ano da fundación do mosteiro é incerto, aínda que se sitúa como moi tarde no século XI ao constar referencias documentais de 1138. Pertenceu á orde beneditina e tivo unha época de esplendor entre os séculos XII e XIV, acadando grande influencia na contorna betanceira. Padeceu diferentes vicisitudes até chegar aos nosos días, así como distintas intervencións. En 1338 sufriu un incendio, tralo que se practicou unha reforma con achegas góticas. A partir do século XVII entrou en decadencia rozando case o total abandono no século XIX, e un raio destruíu en 1959 a súa fachada occidental. Foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1973, antecedente do seu actual status de Ben de Interese Cultural, que principiou a súa recuperación neste século.
"Do que máis orgulloso me sinto é de que a través de Catro Gatos esta xente comezou a ter interese pola cultura e polo teatro", confesa Tone Martínez
“Do que máis orgulloso me sinto é de que a través de Catro Gatos esta xente comezou a ter interese pola cultura e polo teatro. Son espectadores activos de teatro, non quedan só na súa actividade de teatro amador e as súas representacións de final de curso”, confesa Tone Martínez, que conta que esta I Mostra de Teatro no Mosteiro que se está a celebrar esta fin de semana é un “proxecto piloto” coa intención de medrar e que as compañías de teatro galegas poidan ter un espazo novo ao que traer as súas representacións e a veciñanza desta zona teña a oportunidade de gozar das artes escénicas nun espazo único como é o Mosteiro de San Salvador.
Na Mostra de Teatro no Mosteiro van mesturar o teatro amador co profesional, este venres actuou o propio grupo de teatro da Asociación Catro Gatos, que representou a obra de Chévere Río bravo, e este sábado 28, ás 20.30 horas, é a queda da compañía Galeatro coa súa obra Arte sen guión, unha coprodución xunto ao Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura ao abeiro do ciclo Clásicas Desfeitas, unha peza escrita e dirixida por Miguel Canalejo que se imaxina como foi o teatro medieval en Galicia.