Péchase un ciclo de éxito na MIT e agora comezará outro, con outra persoa na Dirección da Mostra
A edición número 40 da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia pechouse esta fin de semana cun récord histórico de asistencia de público que superou as anteriores marcas acadadas nos anos 2018 e 2019, xusto antes da pandemia de COVID. A recadación neste 2024 superou os 40 mil euros.
Foi, ademais, a despedida de Roberto Pascual como director da MIT, despois de 16 anos na Dirección Artística, un tempo no que a Mostra creceu de maneira cuantitativa e cualitativa e se consolidou como unha cita imprescindible no panorama escénico non só de Galicia, senón do conxunto da Península. Péchase polo tanto un ciclo de éxito na MIT e agora comezará outro, con outra persoa na Dirección da Mostra.
"Non convén eternizarse nun mesmo posto de responsabilidade pública, débese ter sentido institucional tanto nos momentos de defensa das debilidades coma nos momentos máis florecentes", di Pascual
Entre os momentos máis destacados da presente edición estivo a representación de Iribarne de Esther Carrodeuguas; a estrea de Nada se sabe, primeira obra inclusiva do Centro Dramático Galego en coprodución con Culturactiva; ou o coloquio sobre os teatros públicos que reuniu a Ignacio García, exdirector do Festival de Almagro e as exdirectoras do CDG Cristina Domínguez e Ánxeles Cuña.
No mellor momento do festival nas últimas décadas, Pascual anunciou a súa decisión de deixar o cargo tras "unha moi meditada fase de valoración da situación e do que significa para Ribadavia e para Galicia un motor sociocultural destas características". Por un lado, Roberto Pascual valora que despois de 15 anos e 16 edicións na Dirección Artística do festival "é necesario deixar paso a un novo proxecto nun cargo de responsabilidade pública dunha institución cultural coma a MIT".
No mellor momento do festival nas últimas décadas, Pascual anunciou a súa decisión de deixar o cargo tras "unha moi meditada fase de valoración da situación e do que significa para Ribadavia e para Galicia un motor sociocultural destas características"
"Non convén eternizarse nun mesmo posto de responsabilidade pública, débese ter sentido institucional tanto nos momentos de defensa das debilidades coma nos momentos máis florecentes. A honestidade e o sentido de servizo público para os dereitos da cidadanía deben estar por enriba dos sentimentos egoístas que poidan darse en situacións de estabilidade e recoñecemento amplo coma esta. Marchar nun momento tan bo, con premios e apoios, tamén é xenerosidade co proxecto, oportunidade para que a Mostra poida seguir no bo camiño e darlle normalidade ás transicións, que na maioría dos casos se dan por motivos non positivos. Debería ser máis normal o legado en positivo para o ben común e as transicións acompañadas", afirma Roberto Pascual.
"A Mostra de Ribadavia está quizais no seu mellor momento da historia e isto non é nin por unha teima illada, nin por un acaso nin por unha responsabilidade individual. Nas institucións culturais sempre se debería traballar tamén coa perspectiva do que pode xermolar, máis alá, no futuro, na comunidade e no común", subliñou Pascual hai unhas semanas na presentación da edición da MIT que vén de rematar.
"Nas institucións culturais sempre se debería traballar tamén coa perspectiva do que pode xermolar, máis alá, no futuro, na comunidade e no común", destaca Pascual
Dentro dunhas semanas, Roberto Pascual fará un balance demorado da súa etapa, que foi dende a 25 edición ata a número 40. Será no pleno municipal do mes de setembro, onde dará "cumprida información e detalles da evolución da Mostra estes anos en termos de transparencia, sustentabilidade e progreso profesional e internacional".
Ata o mes de setembro non se detallarán as bases e procedementos para a escolla da nova Dirección, na cal "participará e colaborará de maneira xenerosa" o Director saínte, que tamén desexa emprender novos proxectos persoais e profesionais despois dunha intensa etapa de adicación e inxente implicación no progreso da Mostra e da vila de Ribadavia.
"A MIT foi e será sempre festa revolucionaria, escenario irredento, acción artística con compromiso social, cultura de coidados e acompañamento, planificación sustentable, esixencia e ambición dunha nova visión da cultura para os nosos tempos. A MIT, símbolo e guieiro da cultura escénica con raíz e aberta ó mundo"
A organización da Mostra destaca que "o respaldo popular, a valoración da calidade polos medios especializados e a evolución do seu perfil internacional son os selos de calidade da histórica Mostra nestes últimos anos". Salienta, así mesmo, que a MIT "ten consolidado un equipo organizativo moi implicado e coñecedor do contexto", o que lle garante "un futuro prometedor".
"A MIT foi e será sempre festa revolucionaria, escenario irredento, acción artística con compromiso social, cultura de coidados e acompañamento, planificación sustentable, esixencia e ambición dunha nova visión da cultura para os nosos tempos. A MIT, símbolo e guieiro da cultura escénica con raíz e aberta ó mundo. A cultura como dereito e motor de igualdade", conclúe Roberto Pascual.