Residencias Paraíso: "O tempo para perderse e atoparse é moi necesario para sacar un proxecto artístico adiante"

Encontro das Residencias Paraíso na Illa de San Simón © Rubén Vilanova

"O proceso de creación está cheo de oportunidades de relación con outros artistas e mesmo co público, e todo iso tamén é algo a investigar e a telo como potencia, e non agochado como se fixo historicamente", destaca Catarina Varela, directora das Residencias Paraíso do colectivo RPM

As Residencias Paraíso, promovidas polo colectivo RPM, son un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro en Galicia que ten en marcha a súa oitava edición. Máis de douscentos proxectos presentáronse este ano, no que foron escollidas as propostas de Sergio Marey, Fran Rodríguez Casal e Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco e Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán-viveiro de creación e Furia Sotelo.

“Precisamos saír un pouco da roda da produción, que é unha relación demasiado produtivista coa creación artística. Dar espazo, tempo e recursos á parte de investigación e de creación permite que non haxa que estar producindo constantemente. En artes do movemento isto é especialmente importante porque o habitual non é coller un repertorio e ver como o representas, para nós o texto –que é o movemento– é unha creación completa; tes que ter o teu tempo para crear e non ser escrava da máquina de produción que quere que teñas un produto por ano” salienta a bailarina e coreógrafa Nuria Sotelo, coñecida como Furia Sotelo nas súas creacións artísticas, que codirixe o proxecto A Casa Vella desde o rural.

© Colectivo RPM

Catarina Varela, directora das residencias, asegura que escollen os proxectos a partir de moitos equilibrios, en relación á traxectoria das e dos artistas, do que queren falar e, sobre todo, tras balancear entre a xente que vén do campo da danza propiamente e quen vén do campo do audiovisual ou da performance, pois tamén teñen en conta a artistas que se están abrindo camiño e a quen xa ten unha carreira ás súas costas.

Desde o mes de abril e ata outubro as artistas empregarán espazos como o Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, o Pazo da Cultura de Pontevedra ou a Igrexa da Madalena de Ribadavia para desenvolver as súas propostas, que poderán poñer en común nun encontro e convivencia os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.

"Contemplamos a fase de investigación dun proxecto, que é importante porque na política cultural semella que ou creas un espectáculo como tal ou non tes oco", sinala Catarina Varela

Desde o colectivo RPM reivindican a mirada máis curatorial tras as residencias artísticas e insisten en que non se confundan cunha mera cesión de espazos e materiais. “O que me gustaría das compañeiras que fan residencias artísticas tamén é entender que calquera cousa que facemos –aínda que sexa dende o independente– participa da política cultural xeral. Non podemos estar alleos ao que pode significar para a deriva da comunidade artística nun futuro. Eu quero que a miña comunidade artística sexa cada vez menos precaria e que se lle recoñeza o seu valor na sociedade, que estea moitísimo mellor pagada e considerada en xeral, e iso pasa porque calquera proxecto que lancemos teña en conta isto e non sei deixe levar polas circunstancias”, razoa Catarina Varela.

Ter tempo, espazo e recursos para facer o teu traballo é primario, como lembra Nuria Sotelo. Porén, a precariedade instalada entre as profesionais das artes converteu a estas residencias en oportunidades case únicas de traballar cunhas mínimas condicións. “Non inventamos nada novo, ofrecemos ese espazo que é súper importante para cada unha das artistas. Contemplamos a fase de investigación dun proxecto, que é importante porque na política cultural semella que ou creas un espectáculo como tal ou non tes oco. É moi interesante que se abra o debate sobre que contemplar a investigación e o tempo para perderse e atoparse é moi necesario para sacar un proxecto adiante ou para poñer unha pregunta sobre a mesa que sexa compartible coa cidadanía, precisamente para seguir reflexionando”, debulla Varela.

'Sobre o extravío ou a arte de perderse', da creadora Furia Sotelo © cedida

Para Catarina Varela o futuro das artes vivas, desde as políticas culturais das Administracións, ten que medir canto está dedicando á investigación de proxectos e canto á creación de produtos. “Quero pensar que é para ben que cada vez haxa máis residencias”, defende, para salientar que no encontro que celebran na Illa de San Simón con todos os participantes nas residencias e outras profesionais da Península acaba sendo un festival de proxectos incompletos, con toda a potencia que alberga iso.

“Penso que é un festival que fala dos festivais do futuro, cada vez máis considero esencial a potencia que ten compartir o que queda fóra do formato final. O proceso de creación está cheo de oportunidades de relación con outros artistas e mesmo co público, e todo iso tamén é algo a investigar e a telo como potencia, e non agochado como se fixo historicamente”, apunta.

Varela observa que "case non hai risco" nas programacións culturais e apela ás Administracións públicas: "Estámonos perdendo grandes artistas"

Se tivese que escoller unha palabra para definir o estado das artes vivas dentro das programacións culturais do país diría “volátil”, pois a consolidación non dá chegado, a pesar de que moitos dos espazos que colaboran coas Residencias Paraíso levan xa varios anos e son sensibles a estas propostas. “Aínda non temos moito gañado”, lamenta Catarina Varela, quen sinala que hai concellos que non programan danza en todo o ano, xa non digamos creacións contemporáneas desde o corpo.

Varela observa que “case non hai risco” nas programacións culturais e apela ás Administracións públicas para mediar e apostar polas artes vivas porque –asevera– “nos estamos perdendo grandes artistas”. “A programación cultural é unha responsabilidade grande porque podes chegar a influír no coñecemento de toda unha xeración”, engade a directora das Residencias Paraíso.

Nuria Sotelo cre que "cada persoa, en función do seu momento vital, atopará preguntas ou respostas distintas" no espectáculo Sobre o extravío ou a arte de perderse

Por estas residencias teñen pasado artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, as Hermanas Gestring, Diego Anido, a Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras. E o ciclo deste ano péchao Nuria Sotelo no Pazo da Cultura de Narón, desde onde preparará unha versión para teatros da peza Sobre o extravío ou a arte de perderse, na que a volve dirixir a dramaturga Ana Vallés nun novo proxecto en formato solo, no que estarán acompañadas pola música Camille Hedouin (Mounqup) e a deseñadora de luz Laura Iturralde.

O espectáculo sobre o van traballar fala sobre a construción do lugar e a decisión de non seguir o camiño, sobre aquilo que está e non se ve... “Suxire cousas dentro dun marco, que para min entra en diálogo co meu momento vital, pero tampouco se pode considerar un espectáculo narrativo, non vos vou contar como extraviaros. É unha viaxe moi visual e suxerente na que se lle dá importancia ao lugar, aos obxectos e aos tempos. A partir de aí, abre posibilidades sobre a construción que cada un de nós fai de todo iso”, debulla Sotelo, para engadir que cada persoa, en función do seu momento vital, atopará preguntas ou respostas distintas coa representación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.