A defensa e promoción das panxoliñas galegas conseguiu a unanimidade parlamentaria polo Nadal

Panxoliñas para as crianzas dunha escola de Narón © Apego

O acordo insta á Xunta a que se "tomen as medidas necesarias para dispoñer dun fondo de gravacións tradicionais galegas de música de Nadal, e mediante campañas de sensibilización se continúe a divulgar a dar a coñecer o rico patrimonio galego de tradición oral e cultural do Nadal en galego"

Non son tan numerosas as ocasións en que os tres grupos políticos representados no Parlamento galego aproban acordos e mocións por unanimidade. Porén, de cando en cando si hai asuntos que acadan o consenso de PP, BNG e PSdeG, como sucedeu hai uns días na Comisión 4ª, de Educación e Cultura, onde o Bloque presentou unha proposición non de lei instando á Xunta a habilitar un "fondo de gravacións de música tradicional galega de Nadal" e a poñelo "a disposición pública para o seu uso e divulgación". 

A proposta, presentada polos deputados Xosé Luís Rivas Cruz e Mercedes Queixas Zas, recibiu o apoio dos 12 deputados e deputadas presentes, integrantes dos tres grupos parlamentarios.

Panxoliñas, nunha actividade de Apego © Apego

A proposta fai especial fincapé en que estas campañas e medidas de difusión e sensibilización se centren nos centros educativos de Galicia das etapas de infantil e primaria

O texto do acordo, aprobado con pequenas modificacións respecto do orixinal, insta ao Goberno galego a que dende a Consellería de Educación e Cultura se "tomen as medidas necesarias para dispoñer dun fondo de gravacións tradicionais galegas de música de Nadal, e mediante campañas de sensibilización se continúe a divulgar a dar a coñecer o rico patrimonio galego de tradición oral e cultural do Nadal en galego", e tamén a "fomentar o seu uso nos medios de comunicación públicos e todo tipo de entidades culturais para uso e desfrute da poboación galega en xeral". 

O acordo fai especial fincapé en que estas campañas e medidas de difusión e sensibilización se centren nos centros educativos de Galicia das etapas de infantil e primaria, "acompañando estas campañas con material didáctico para que a comunidade educativa poida traballar sobre el".

Na derradeira sesión parlamentaria do 2020, Mini solicitou a licenza do presidente da Cámara para finalizar a súa intervención dende a tribuna cun "anaco de panxoliña". A interpretación foi aplaudida polos membros de todos os grupos parlamentarios 

Sen dúbida, poucos deputados e deputadas (seguramente ningún) saben tanto de panxoliñas, cantos de reis e demais pezas musicais tradicionais como o propio Xosé Luís Rivas Cruz, 'Mini', integrante de formacións como Fuxan os Ventos ou A Quenlla. No 2020, na derradeira sesión parlamentaria do ano, o deputado do BNG solicitou a licenza do presidente da Cámara, Miguel Santalices, para finalizar a súa intervención dende a tribuna cun "anaco de panxoliña".

Nese momento Mini explicou que se trataba da primeira panxoliña que aprendeu da súa nai e que a peza era orixinaria da contorna de Mondoñedo. A interpretación foi aplaudida polos membros de todos os grupos parlamentarios presentes no hemiciclo nese momento.

Xosé Luís Rivas, 'Mini', (BNG), despedindo o ano parlamentario en 2020 cunha panxoliña dende a tribuna da Cámara

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.