A Feira do Libro de Santiago convértese no primeiro grande evento cultural que regresa despois do impacto da pandemia

Cartel das Feiras do Libro no ano 2020: "Non contaxian, pero enganchan" © feirasdolibrodegalicia

A Feira terá lugar do 13 ao 21 de xuño na Alameda

A normalidade, vella ou nova, vai regresando aos poucos, tamén na cultura. Aínda que con dificultades engadidas e moitos espazos e actividades que aínda terán que agardar ou quedaron polo camiño. Con todo, este sábado 13 de xuño botará a andar a Feira do Libro de Compostela, que se converte nun dos primeiros grande eventos culturais que regresa despois do impacto da pandemia de coronavirus e cando aínda nos atopamos en estado de alarma e no proceso de desconfinamento.

Faino no seu lugar, a Alameda, e de forma física e presencial, aínda que gardando importantes medidas de seguridade para garantir a prevención contra posibles contaxios da Covid-19. A XXXIX Feira do Libro de Santiago terá lugar do 13 ao 21 de xuño, organizada pola Federación de Librarías de Galicia e coa colaboración do Concello de Santiago. A inauguración terá lugar este sábado a partir das 10.20 horas, nun acto que rematará co pregón a cargo da escritora María Solar. A de Santiago é a primeira das nove feiras do libro que a Federación ten previsto celebrar este ano en Galicia.

O evento, co lema "Non contaxian, pero enganchan", conta coa participación de cinco librarías e unha editora

Será unha feira máis modesta que noutras ocasións, pero que se constitúe nun fito importante para traballar na recuperación do sector cultural e no relanzamento da súa actividade. A Feira, que este ano leva por lema "Non contaxian, pero enganchan", en alusión á situación sanitaria actual, conta nesta edición coa participación de cinco librarías e unha editora: Libraría Pedreira, Libraría Cortizas, Libraría Numax, A Gata Tola, Ler Librarías e Alvarellos Editora.

Mercedes Rosón, Pilar Rodríguez e Xurxo Couto, na presentación da Feira do Libro © Concello de Santiago

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón destacou que esta é "a primeira feira do libro que se celebra en España neste contexto especial da COVID-19"

Durante estes nove días, os/as que pasen polas casetas do paseo central da Alameda poderán adquirir libros cun 10% de desconto. Pero ademais poderán lograr que os seus escritores e escritoras favoritos lles asinen as súas obras. Pola Feira pasarán María Solar, Elba Pedrosa, Xosé A. Neira, Alfredo Conde, Pere Tobaruela, Carlos Labraña, David Plana, Vicente Vázquez Vidal, Xabier Ron, Irene Tomé, Néstor Blanco, Aurora Marco, Iolanda Aldrei, Charo Baleirón, María Xosé Queizán, Marilar Aleixandre, Rober López, Jorge García, Gaspar Domínguez, Aser Álvarez, Manuel Rivas, Henrique Alvarellos, Rosa Aneiros, Imma López Silva, Manuel Portas, Casto Rivadulla, Claudia Castro, Paula Carballeira, Marcos Viso, Manuel Monge, Berta Dávila, Héctor Cajaraville, Juan Bello Sánchez, Rosa Enríquez e Carlos Meixide.

Na presentación da feira a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón destacou que esta é "a primeira feira do libro que se celebra en España neste contexto especial da COVID-19". Ademais de subliñar que o da Alameda será "un espazo seguro", lembrou o papel que os libros xogaron nestes meses de confinamento nos que "moitas persoas descubriron a importancia da lectura".

Medidas de seguridade

Das medidas de seguridade postas en marcha deu conta Pilar Rodríguez (presidenta da Federación de Libreiros de Galicia), que asegurou que a Feira se desenvolverá nun "entorno seguro para a actividade comercial e cultural". Entre os procedementos de seguridade, destacou a desinfección das estruturas físicas da Feira, reforzada pola noite cunha aplicación de luz ultravioleta unha vez pechadas as casetas. Dende esa limpeza, o acceso á caseta non se volverá a facer ata pasadas 13 ou 14 horas.

Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, destacou as importantes medidas de seguridade postas en marcha

"Ao público solicitarémoslle o uso de máscara e que esperen a súa quenda gardando a distancia de seguridade, que estará marcada con balizas. Ademais, antes de achegarse a cada caseta, os/as visitantes deberán desinfectar as mans con xel", indicou a presidenta da Federación. O pago será preferentemente con tarxeta e pedirase aos/ás libreiros/as que o libro vendido entregado sexa o procedente dunha caixa e non o exposto. Para a sinatura de libros, o espazo de firma estará separado do público cun biombo de metacrilato, que contará cun espazo para que poida pasar o libro. 

Programa da Feira do Libro de Santiago ©
Programa da Feira do Libro de Santiago © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.