A Filmoteca de Galicia ten por fin director tras máis de cinco anos coa praza vacante

O novo director da Filmoteca de Galicia, Jaime Pena, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, nas instalacións da institución © Xunta

A Consellaría de Cultura anuncia o nomeamento de Jaime Pena como novo responsable da institución, na que traballa dende hai tres décadas como programador

Máis de cinco anos pasou a Filmoteca de Galicia sen director ou directora. Este martes a Consellaría de Cultura anunciou o nomeamento de Jaime Pena como novo responsable da institución, ocupando o lugar de Guillermo Escrigas, o seu último director, xubilado no verán de 2019. Neste tempo, a Filmoteca mudou oficialmente o seu nome (en 2021 deixou de ser o Centro Galego de Artes da Imaxe) e mesmo levou a cabo unha importante reforma na súa sede que obrigou ao seu peche durante un ano, reabrindo finalmente as súas portas en setembro de 2022. E todo sen unha persoa que oficialmente exercese a súa Dirección. Ata esta semana.

Nos últimos anos dende a Consellaría de Cultura anunciouse publicamente en varias ocasións que o nomeamento inminente dun novo responsable para a Filmoteca. Así o fixo, por exemplo, a comezos do ano 2021. Porén, a resolución desta situación foise adiando unha e outra vez.

Jaime Pena, director da Filmoteca de Galicia, e José López Campos, conselleiro de Cultura, nas instalacións da institución © Xunta

O centro levaba sen Dirección dende que Guillermo Escrigas se xubilou no verán de 2019, a pesar de que a Xunta prometera en varias ocasións o nomeamento dun novo director ou directora

Jaime Pena pasa a ser o director da Filmoteca "despois de ter desenvolvido a maior parte da súa actividade profesional como programador da cinemateca da Xunta durante máis de tres décadas", destaca a Consellaría de Cultura. Porén, non o fai a través dun concurso público, como é habitual neste tipo de prazas. 

O conselleiro José López Campos felicitou o novo director nunha visita ás instalacións da institución na Coruña, nun acto no que subliñou “o gran labor" desenvolvido polo seu equipo "para a salvagarda do noso patrimonio audiovisual e a achega ao público dunha programación de calidade”.

O CGAI (agora, Filmoteca) vén atravesando dende hai máis dunha década un período convulso e marcado polos recortes orzamentarios e de persoal e polas acusacións de "desmantelamento" do centro

O CGAI (agora, Filmoteca) vén atravesando dende hai máis dunha década un período convulso e marcado polos recortes orzamentarios e de persoal e polas acusacións de "desmantelamento" do centro, como denunciou parte do seu persoal no ano 2016. As críticas tamén facían referencia á situación do arquivo ou ao funcionamento da biblioteca e da mediateca do centro. A esta situación uniuse a xubilación en 2019 do seu director, cuxo posto ficou vacante ata agora. 

A Filmoteca mantivo a súa actividade expositiva e de preservación do patrimonio fílmico, pero as críticas reproducíronse nos últimos tempos. Por exemplo, en 2021 o crítico Martin Pawley e o cineasta Xurxo González denunciaron no seu blog Acto de primavera  a "hibernación" do centro e a falta de recursos humanos e orzamentarios. Neste texto, publicado coincidindo co 30 aniversario da institución, alertaban de que "o CGAI dispón hoxe da metade do persoal que chegou a ter nun pasado non tan remoto. No mesmo período, o seu orzamento dividiuse por tres".

Sala de proxeccións José Sellier da sede da Filmoteca © Xunta

Hai tres anos o crítico Martin Pawley e o cineasta Xurxo González denunciaron a "hibernación" do centro e a falta de recursos humanos e orzamentarios, unha situación que comezou en 2013

O responsable da Filmoteca de Galicia ten unhas funcións moi amplas, que van dende a dirección do deseño da programación audiovisual que se exhibe nas instalacións da Coruña e mais noutros espazos de Galicia, tamén a toma de decisións en torno á actividade pedagóxica que leva a cabo o centro -por exemplo nos programas didácticos Cinema en curso e Fotografía en curso- ou a realización de accións dirixidas á salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego. Tamén lle corresponde a relación con estruturas ou organismos homólogos nacionais e internacionais e a a xestión ordinaria da entidade dentro do organigrama da Axencia Galega das Industrias Culturais.

"O CGAI dispón hoxe da metade do persoal que chegou a ter nun pasado non tan remoto. No mesmo período, o seu orzamento dividiuse por tres", escribían Martin Pawley e Xurxo González

Jaime Pena (Miño, 1965), doutor en Historia da Arte pola USC, viña ocupando ata a actualidade o posto de programador da Filmoteca de Galicia. É tamén profesor do Máster en Produción e Xornalismo Audiovisual da Universidade da Coruña e do Máster de Crítica Cinematográfica. É tamén membro do Comité de Redacción e colaborador regular da revista Caimán Cuadernos de Cine (anteriormente Cahiers du Cinema). Ten publicado cinco libros sobre a historia do cine, ademais de coordinar outros dez volumes e de colaborar en medio cento de obras colectivas.

Arquivos da Filmoteca de Galicia © Filmoteca de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.