A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) presentou este luns no Teatro Rosalía Castro os detalles da 30ª edición dos Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas en Galicia, que renderá homenaxe a Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego, Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997, finado o pasado verán.
A 30º edición dos Premios María Casares renderá homenaxe a Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego, falecido o pasado verán
Así, a gala terá como fío condutor a figura de Lourenzo nun espectáculo baixo a dirección de Gloria Rico que propón "non a melancolía nin o eloxio fúnebre, senón a celebración". Así, a directora, quen foi alumna e compañeira de traballo do homenaxeado, advirte da marcada simboloxía dunha xornada que quere "reivindicar tanto as loitas como as facetas laboral e artística de Manuel".
"Farémolo desde a celebración. O espectáculo será coma unha festa popular ao vivo: será un espazo no que cantaremos, bailaremos e reflexionaremos a vida e obra de Lourenzo, mais sen caer na melancolía. Celebraremos o traballo dunha persoa e compañeiro excepcional, de todo un referente da nosa cultura", dixo no acto de presentación da galega, que contou coa presenza de representantes da Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Deputación da Coruña e do Concello da Coruña.
Os XXX Premios María Casares reunirán este ano 17 espectáculos que optan a 16 galardóns
Os XXX Premios María Casares reunirán este ano 17 espectáculos que optan a 16 galardóns en categorías que abranguen desde a interpretación ata os apartados técnicos e os espectáculos infantís e de monicreques. Entre as montaxes con máis candidaturas destacan Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con 11 finalistas —incluíndo Espectáculo, Dirección e Texto—; A serie clopen, do Centro Dramático Galego, con 10 —incluíndo Espectáculo, Dirección e Actriz Protagonista—; e TROMSØ, de Morraoconto, con 7, incluíndo Espectáculo e Dirección.
"Epicentro do teatro galego"
Ademais, nesta edición da gala dos premios —cuxa imaxe foi creada pola ilustradora luguesa Rebeca Losada— a AAAG entrega o seu recoñecemento especial á actriz e activista Luma Gómez, figura fundamental do teatro galego e do movemento asociativo profesional. Eva Fórneas, presidenta da AAAG, subliñou o seu perfil único como "referente en moitos aspectos".
No acto de presentación da gala deste luns, ademais, presentouse o equipo artístico completo que subirá ao escenario este mércores de abril e dará vida ao espectáculo dirixido por Gloria Rico: os actores e actrices Arantza Villar, Carlos Mosquera Mos, María Barcala e Roberto Leal— xunto a un cuarteto musical: Josito Porto (voz, guitarra e gaita), Carlos Arévalo (batería), Rafa Otero (guitarra e baixo) e Sabela Dacal (acordeón e voz).
Na presentación, o concelleiro de Cultura do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, destacou que o Teatro Rosalía volva converterse "no epicentro do teatro galego e rendendo homenaxe a unha das grandes figuras da actuación da historia do noso país". Pola súa banda, Avia Veira, en representación da Deputación, destacou o "compromiso real, con recursos reais" da entidade provincial "para que proxectos como este non dependan só da vontade, senón tamén do apoio institucional".