A noite das melómanas: Os Premios Martín Códax reivindicarán o papel das mulleres na música

Presentación da gala, este xoves © Músicos ao Vivo

A gala de entrega dos IV Premios Martín Códax, que se celebrará o vindeiro mércores 3 de maio en Pontevedra, reivindicará o papel das mulleres na música. O espectáculo está deseñado "dende unha perspectiva de xénero" coa que pretenden subliñar a súa importancia no sector e na profesión e  traballar "por un mundo no que non perdamos a visión da metade das persoas que o habitamos", sinalou este xoves Areta Bolado, unha das integrantes da compañía de teatro A Panadaría, responsable da dirección artística da gala. O espectáculo contará cunha banda base composta integramente por mulleres que acompañarán as actuacións doutras compañeiras músicas, premiadas na anterior edición. Ademais, todos os gañadores e gañadoras da anterior edición van estar presentes na cerimonaia, actuando, entregando premios ou a través de versións paródicas das súas músicas ideadas e interpretadas pola Panadaría.

Así mesmo, Iria Pinheiro, presidenta de Músicos ao Vivo, apunta que a gala deste ano “ademais de ser a gran festa da música galega vai ser un acto onde se reivindiquen as demandas do sector”. Neste sentido mencionou a nova lei de espectáculos, as políticas municipais para regular a música ao vivo, a necesidade dunha maior presenza da muller na asociación e nos premios, a constitución dunha cooperativa de facturación galega e a importancia de promover unha educación musical de calidade.

Un total de 57 artistas, grupos e proxectos optan aos premios nas súas 19 categorías. Ademais, a asociación Músicos ao Vivo outorgará o seu Premio Honorífico 2017 a Dorothé Schubarth, autora do "Cancioneiro Popular Galego", a máis importante recompilación do noso folclore musical. A gala será retransmitida en directo a través da web www.premiosmartincodaxdamusica.com e en diferido na TVG o sábado 6 de maio a partir das doce das noite.

Presentación da gala, este xoves © Músicos ao Vivo
Xs 'Melómanxs' que recibirán os e as gañadoras © Músicos ao Vivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.