O pleno da Real Academia Galega decidiu este 23 de outubro que o escritor e tradutor Gonzalo Navaza sexa o novo académico de número da institución. Navaza, recoñecido experto en toponimia, será quen ocupe a vacante do historiador Xosé Ramón Barreiro, presidente da Academia durante unha década e falecido o pasado marzo.
O novo académico, profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, ten unha dilatada e premiada traxectoria literaria con obras de poesía como Fábrica íntima (1991) ou Libra (2000) e narrativa, caso de Erros e Tánatos (1998). A súa recoñecida traxectorai como investigador en onomástica remóntase aos anos 80 do século pasado, como encargado dos traballos de campo e corrección toponímica para os mapas do Instituto Xeográfico Nacional nas provincias da Coruña e Pontevedra.
A recolleita de máis de 8.000 nomes de lugar correspondentes con 150 especies botánicas, compendiada en Fitotoponimia galega (2006), Toponimia de Catoira (2008) ou Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (2021) son outras mostras do traballo de Navaza, tamén destacado no eido da tradución, traendo ao galego obras como A chamada da selva de Jack London (1982), Sherlock Holmes, detective de Arthur Conan Doyle (1986) e Robinson Crusoe de Daniel Defoe, entre outras moitas.
Destaca a RAG que Gonzalo Navaza "desenvolveu ademais un importante labor como director da área de dicionarios de Edicións Xerais" entre 1989 e 1997. É, asemade, autor de "numerosas obras didáticas sobre a lingua e a literatura galegas.
O mesmo plenario nomeou tamén dous novos membros correspondentes da institución: Celia Pereira e Ramón Nicolás. Pereira, doutora en Dereito e avogada laboralista, "desenvolve un labor destacado en distintos campos sempre dende o compromiso coa lingua e a cultura galegas", salienta a RAG. É a autora da primeira tese sobre o pensamento de Concepción Arenal, docente e investigadora en áreas de igualdade de xénero e tamén tradutora de obras como O meu pecado mortal. O voto feminino e mais eu, de Clara Campoamor. Colabora, ademais, en diversas entidades asociativas e fundacionais, entre elas a Fundación Vicente Risco, da que é actual presidenta, ou a Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal.
O filólogo Ramón Nicolás, tradutor e crítico literario, é profesor de Lingua e Literatura Galegas dende 1989 e actualmente exerce a docencia no IES Castelao de Vigo. Traballa a crítica literaria dende o suplemento Fugas do xornal La Voz de Galicia e mais no seu blog Caderno da Crítica. Como ensaísta, Nicolás ten editados máis dunha ducia de títulos, entre eles varios sobre a figura de Celso Emilio Ferreiro. No eido da tradución, destaca polo seu traballo con obras como Sete casas en Francia, de Bernardo Atxaga (2009), 30 gramos, de Leonel Moura (2011) ou Bisa Bea, Bisa Bel, de Ana Maria Machado.