A xente nova ten máis disposición a agasallar con produtos culturais en galego á rapazada

Feira do libro 2021 na Coruña © Concello da Coruña

A enquisa do Observatorio da Cultura Galega sobre o interese da cidadanía en facer agasallos relacionados coa cultura á rapazada indica que entre a xente nova a intención de obsequiar con produtos culturais en galego é superior á de regalar produtos culturais en xeral

A poboación galega ten, en termos xerais, una boa disposición a regalar contidos culturais para a rapazada menor de 16 anos e esa vontade é case igual cando falamos de produtos culturais en lingua galega. A maiores, esa vontade aumenta segundo o grao de ingresos e o nivel de estudos, mais tamén conforme diminúe a franxa de idade: a xente máis nova aposta máis polos agasallos en galego.

O Observatorio da Cultura Galega, organismo dependente do Consello da Cultura Galega, avanza así as primeiras conclusións sobre a disposición ou interese da cidadanía en obsequiar os nenos e nenas dos fogares galegos con algún tipo de contido cultural, despois da realizar unha enquisa da que dará conta o ano que vén. 

Nunha escala de 0 ata 10, de nada a moi interesada, a disposición xeral a facer agasallos relacionados coa cultura a menores de 16 anos está en 7,9 puntos nos fogares galegos, mentres que se estes son en galego a disposición é de 7,6 puntos; pois o informe constata que hai un 6,2% da poboación que non ten ningún interese en facer este tipo de regalos se son especificamente en galego.

Público na Culturgal 2021, no Pazo da Cultura de Pontevedra © Culturgal

"Os datos constatan que a cidadanía galega presenta una disposición relativamente alta cara a agasallar con produtos culturais á rapazada, tanto en lingua galega como en xeral. Así mesmo, resulta evidente, a partir dos datos deste estudo, que a porcentaxe de persoas adultas que non teñen ningún interese en regalar contidos en galego é moi reducida, se ben é certo que algunhas variables como o nivel de estudos, ingresos, hábitat, sexo, idade ou lingua habitual de expresión inflúen de xeito significativo nesa actitude", explican no informe.

Os fogares con máis equipamento cultural, ingresos e nivel de estudos apostan máis por regalar contidos culturais

Estes resultados forman parte dun estudo máis amplo que o Observatorio da Cultura Galega fará público a principios de 2022 e no que amosará os hábitos culturais da infancia en Galicia e a percepción que ten a poboación da oferta actual de produtos culturais para menores de 16 anos. De momento, xa apuntan datos como que as persoas que non están subscritas a ningunha plataforma dixital de contido cultural teñen menos disposición a agasallar con produtos e servizos culturais que as que si o están.

A actitude positiva para regalar contidos culturais a menores de 16 anos, independentemente da lingua en que se atope o soporte, increméntase a medida que aumenta o grao de equipamento cultural que teñen os fogares, os ingresos e o nivel de estudos das persoas enquisadas. Tamén é maior entre as mulleres e entre as persoas que viven con menores de 16 anos.

Libros para público infantil e xuvenil CC-BY-SA Biblioteca de Galicia

Porén, "a diferenza entre a disposición a regalar produtos culturais en xeral e a regalalos en lingua galega é maior entre as mulleres (pese á tendencia xeral), entre as persoas sen estudos, desempregadas e aquelas que se dedican a labores do fogar". Esa distancia tamén se incrementa cando o castelán é a lingua habitual de comunicación e na que se lle fala aos fillos e fillas.

O estudo analiza tamén a predisposición a agasallar produtos culturais en función do lugar de residencia dentro de Galicia

Con todo, a vontade para facer este tipo de agasallos en galego "é maior no caso da xente máis nova, de estudantes e daquelas persoas que lles falan galego aos seus descendentes". Atendendo á idade, o estudo sinala "que o grupo que abrangue a maiores de 65 anos correspóndese co das persoas que están menos dispostas a adquirir contidos culturais para menores de 16 anos e o grupo de 30 a 44 anos de idade é o que mostra máis interese". Ademais, entre a xente nova (16 a 29 anos) a intención de obsequiar con produtos culturais en galego é superior á de regalar produtos culturais en xeral.

Entre as variables analizadas está a provincia de residencia. Desde o Observatorio da Cultura conclúen que "se verifica que as persoas que residen na provincia de Pontevedra son as que menos interese teñen en regalar contidos culturais en xeral, mentres que as de Lugo son as que menos interese mostran en agasallar con contidos culturais especificamente en galego". Neste punto, a provincia de Ourense é a que máis vontade mostra para regalar este tipo de produtos e facelo en galego. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.