A Xunta ábrese a axudar na crise do Consorcio Editorial Galego que afecta ao sector do libro

O presidente Rueda nunha libraría nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

"Se está en mans da Xunta reverter a situación unha vez analizada, que non caiba dúbida de que o faremos", di Rueda

O pasado venres un grupo de empresas editoras galegas denunciou publicamente "a situación provocada polos impagos acumulados polo Consorcio Editorial Galego", que desempeña "un papel central" na distribución do libro editado en galego. As editoras sinalaron que "xa non pode ser considerado un problema exclusivamente empresarial" senón que os "impagos acumulados" por esta compañía "poñen en risco a continuidade de empresas, empregos, catálogos e a propia diversidade da edición en galego".

As empresas editoras reclamaron unha "resposta insititucional" e que o libro en galego "sexa considerado un sector cultural estratéxico". E este luns chegou a resposta da Xunta desde o seu máis alto nivel. O presidente, Alfonso Rueda, preguntado por esta situación na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, deu por feita unha reunión do sector co conselleiro e amosou a disposición do seu Goberno a axudar.

Reunión do Consello da Xunta este luns CC-BY-SA Mónica Arcay Carro - Xunta de Galicia

"Se pediron unha reunión co conselleiro de cultura, estou seguro de que esa reunión a terán", comezou respondendo Rueda. "Creo que non hai dúbidas da nosa intención de manter o fomento da lectura, e da lectura en galego en particular", engadiu o presidente, que asegurou que "se está en mans da Xunta reverter a situación unha vez analizada, que non caiba dúbida de que o faremos". 

Segundo as editoras afectadas, constituídas en xullo nunha plataforma con entidades tanto socias como non socias da Asociación Galega de Editoras (AGE), a situación "require unha resposta institucional á altura da súa dimensión cultural". Estamos -advirten- ante "unha crise estrutural do ecosistema do libro en galego, con consecuencias que poden afectar á súa capacidade de producir, distribuír e facer chegar novos libros á sociedade".

Unha feira do libro en Vigo © Concelo de Vigo

As editoras afectadas destacan que o Consorcio Editorial Galego leva anos desempeñando "un papel central" na distribución do libro editado en galego pero que dende 2024 "comezou a acumular débedas coas editoras"

Para unha parte importante das pequenas editoras, o Consorcio constituíu durante anos "unha das principais vías (e en moitos casos a única)" para facer chegar os seus libros ás librarías, sinalan as afectadas. Porén, indican, dende o ano 2024 o Consorcio "comezou a acumular débedas coas editoras". E durante o ano 2026 producíronse negociacións entre o IGAPE e o Consorcio, coa mediación da Asociación Galega de Editoras, "sen que estas permitisen acadar unha solución efectiva ao problema". Agora é o propio Rueda o que ofrece a colaboración da Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.