Un grupo de editoras alerta da "crise estrutural" do libro en galego

Exemplares á venda nunha edición anterior da Feira do Libro da Coruña © Concello da Coruña

A Plataforma de Editoras Galegas afectadas pola crise do Consorcio Editorial Galego advirte de que os impagos acumulados por esta compañía "poñen en risco a continuidade de empresas, empregos, catálogos e a propia diversidade da edición en galego" e reclaman que o libro en galego "sexa considerado un sector cultural estratéxico"

Un grupo de editoras galegas alertou este venres nun comunicado de que "a situación provocada polos impagos acumulados polo Consorcio Editorial Galego xa non pode ser considerado un problema exclusivamente empresarial". Sinalan que os "impagos acumulados" por esta compañía "poñen en risco a continuidade de empresas, empregos, catálogos e a propia diversidade da edición en galego" e reclaman que o libro en galego "sexa considerado un sector cultural estratéxico"

A Plataforma de Editoras afectadas, constituída este mes de xullo e integrada por editoras tanto socias como non socias da Asociación Galega de Editoras (AGE), considera que a situación "require unha resposta institucional á altura da súa dimensión cultural". Estamos -advirten- ante "unha crise estrutural do ecosistema do libro en galego, con consecuencias que poden afectar á súa capacidade de producir, distribuír e facer chegar novos libros á sociedade".

Feira do Libro de Vigo © Concelo de Vigo

Destacan que o Consorcio Editorial Galego leva anos desempeñando "un papel central" na distribución do libro editado en galego. Porén, indican, dende o ano 2024 o Consorcio "comezou a acumular débedas coas editoras"

Destacan que o Consorcio Editorial Galego leva anos desempeñando "un papel central" na distribución do libro editado en galego e chegou a traballar cos catálogos de arredor de 200 selos editoriais. Para unha parte importante das pequenas editoras, esta estrutura constituíu durante anos "unha das principais vías (e en moitos casos a única)" para facer chegar os seus libros ás librarías, sinalan.

Porén, indican, dende o ano 2024 o Consorcio "comezou a acumular débedas coas editoras". E durante o ano 2026 producíronse negociacións entre o IGAPE e o Consorcio, coa mediación da Asociación Galega de Editoras, "sen que estas permitisen acadar unha solución efectiva ao problema".

Os impagos "están xerando unha falta de liquidez que afecta directamente á capacidade das editoras para manteren a súa actividade", destacan

"Ante a prolongación da situación e a ausencia dunha solución que permita recuperar os importes pendentes", as editoras afectadas decidiron organizarse e poñer en común as súas situacións económicas. As empresas chegaron á conclusión de que os impagos "están xerando unha falta de liquidez que afecta directamente á capacidade das editoras para manteren a súa actividade".

Nun sector composto maioritariamente por pequenas empresas e proxectos independentes, a falta de liquidez pode significar a imposibilidade de financiar novas publicacións, asumir novos proxectos ou manter os niveis actuais de actividade. Neste senso, alertan de que "o problema transcende amplamente os impagos dunha empresa e afecta ao futuro dun sector cultural fundamental para Galicia". 

Ademais, engaden que "as consecuencias non quedan nas propias empresas editoriais. A crise está a ter un efecto dominó sobre toda a cadea do libro e afecta tamén a autoras, tradutores, ilustradoras, correctores, deseñadoras, imprentas, librarías e outros profesionais vinculados á creación e produción editorial".

Escaparate da libraría Couceiro, en Compostela © Libraría Couceiro

"Esta redución non é unha cuestión meramente comercial. Significa menos libros en galego, menos posibilidades para novos autores e autoras e menos espazo para propostas que xa teñen dificultades para acceder ao mercado", advirten

A Plataforma subliña finalmente que "unha das consecuencias máis preocupantes da situación é a súa repercusión sobre os catálogos editoriais" e que a actual crise "obrigará a reducir a publicación de novos títulos".

"Esta redución non é unha cuestión meramente comercial. Significa menos libros en galego, menos posibilidades para novos autores e autoras e menos espazo para propostas que xa teñen dificultades para acceder ao mercado", advirten, e destacan que o actual modelo editorial de pequenas empresas "é precisamente o que permite manter unha oferta cultural diversa, publicar poesía, ensaio, banda deseñada, literatura infantil e xuvenil, traducións e outras propostas que contribúen á riqueza cultural do país".

Por ese motivo reclaman unha "resposta insititucional" e que o libro en galego "sexa considerado un sector cultural estratéxico".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.