O cuarteto Ailá, formado por Xan Pampín, Ángela Carou, Manuele Pardo e Abel Gañete, presenta o seu segundo álbum, 'Sansolimón', este domingo cun concerto na sala Capitol ao que convidan a outras artistas representantes da música tradicional
"As agrupacións de música tradicional e as bandas e orquestras están obrigadas a colisionar, o caso de Ailá é unha pequena mostra", asegura o acordeonista Xan Pampín, que vén de Cantigas e Agarimos e de grupos como Radio Cos ou Banda das Crechas, e que leva o papel de investigador e arreglista do repertorio do grupo. Ailá tamén é Ángela Carou, que foi parte da AC Brincadeira, e se encarga das voces e a percusión xunto a Manuele Pardo, músico e gaiteiro con experiencia en grupos como Os da Porfía ou na AC A Mámoa de Luou. Á trompeta e fliscorno está Abel Gañete, que se formou como músico en bandas como a Banda de Música Cultural de Teo ou a Charanga TNT.
Os catro forman Ailá, un grupo que xorde das foliadas da Casa das Crechas de Santiago e co que presentan un segundo disco, Sansolimón, cun concerto este domingo na sala Capitol ás 19:30 horas. Unha primeira actuación da que será a súa xira polo resto do país e tamén de varias cidades do Estado, á parte de tocar na vindeira edición do Festival Intercéltico de Lorient.
"Este disco é unha posta en valor do que vimos facendo porque seguimos facendo cancións para bailar, cun repertorio de músicas de tradición oral, pero xa pensando máis profundamente en que significa esa música para nós. O sansolimón é como lle chamaba Fermín Bouza Brey a uns símbolos dun trazado feito dunha soa vez facendo unha estrela de cinco puntas, un símbolo universal que no caso galego parecía unha especie de protección. Entón, usámolo como unha alegoría que queremos trasladar ás nosas músicas. Fran Pérez, Narf, dicía que Compostela era unha especie de petroglifo enorme que se ía facendo coas pisadas da xente que ía chegando. Para nós as músicas de transmisión oral e os bailes son como unha especie de enorme sansolimón protector da nosa comunidade e dun patrimonio vivo", debulla Xan Pampín.
"Para nós as músicas de transmisión oral e os bailes son como unha especie de enorme sansolimón protector da nosa comunidade e dun patrimonio vivo", di Xan Pampín
Ailá está moi centrado na conserva da música de tradición oral de Galicia e Xan Pampín ten claro que só son "un elo máis dunha cadea" que agora mesmo ten máis visibilidade porque "ten referentes como Xabier Díaz ou as Tanxugueiras, que veñen traballando desde hai tempo", pero que tampouco estarían aí sen os que estiveron antes. "Todos nos debemos á xente que con moito pulo e paixón fixeron desinteresadamente as agrupacións folclóricas para recompilar, revivir e transmitir ese legado das aldeas que hoxe en día é música urbana", explica.
O álbum Sansolimón chegará ás plataformas dixitais no mes de xuño, pero xa se poderá mercar en formato físico no concerto desta semana. O grupo aposta por este sistema para pór o foco no disco como obxecto e todo o traballo que hai detrás del, tanto no deseño gráfico como nos aspectos musicais, pero ata o verán irán desvelando as cancións a contagotas na rede.
O concerto da Capitol contará con moitas artistas convidadas en escena. Lina e Lola, que pertencencen á agrupación de pandereteiras Peis d'Hos, participarán cantando nalgúns dos temas, como sucede no disco, no que tamén participan representantes da música tradicional bretoa. Antía Vázquez, voz emerxente do panorama tradi, que segundo Xan Pampín é obrigado escoitar, tamén subirá ao escenario; así como a italiana Giulia Campana, representante do folclore do sur de Italia, quen ademais de cantar tocará o tamburello.
Andrea Feros porá o baile cunha coreografía especificamente creada por Óscar Cobos para o videcolip da canción San Andrés, que se pode ver sobre estas liñas. "Será un concerto fermosísimo no que intentaremos que o público goce da música patrimonial como facemos nós", avanza Pampín.