O premio, dotado con 12.000 euros, inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia. O acto de entrega do galardón terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña
O escritor e xornalista Alberto Ramos vén de gañar a XVIII edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega coa novela presentada co lema Pirotecnia. O premio, dotado con 12.000 euros, inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia. Ramos xa obtivo este galardón hai dous anos con Os corpos dos Romanov e convértese deste xeito no segundo autor que repite vitoria na historia deste galardón, despois de Berta Davila.
O xurado do premio destaca que a obra está narrada "cun estilo impecable" e conta "cunha habelencia polifónica, na que os sucesos relatados van entretecéndose contrapuntísticamente". “Pola calidade dos seus diálogos, a caracterización dos personaxes e a acaída recreación de atmosferas, esta novela constitúe un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir”, destacou este martes Daniel Ugarte voceiro do Xurado desta edición. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
"Pola calidade dos seus diálogos, a caracterización dos personaxes e a acaída recreación de atmosferas, esta novela constitúe un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir”, destaca o xurado
O xurado estivo composto polo director de edicións de Galaxia, Marcos Calveiro; polo escritor e gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Fran Fernández Davila; pola critica literaria Montserrat Pena; polo crítico literario Armando Requeixo Cuba; e por Daniel Ugarte, escritor residente en Bruxelas.
Alberto Ramos (Santiago, 1986) é xornalista e desenvolveu a súa actividade en medios coma o Xornal de Galicia, ademais de colaborar en Praza, Nós Diario ou Luzes, especializado en xornalismo cultural. Na súa traxectoria como autor, obtivo un gran número de galardóns literarios, comezando polo premio Biblos-Pazos de Galicia de novela por Dor pantasma (Biblos, 2006), o Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia con Con acuse de recibo (Biblos, 2010); ou o premio de creación literaria Vicente Risco en dúas ocasións: en 2012 con Todos os días (Sotelo Blanco, 2013) e no 2018 con A simetría das bestas (Urco, 2018).
Nos últimos anos, ademais, recibiu o Premio García Barros por Máscaras rotas para Sebastian Nell (Galaxia, 2014); o Premio Narrativa Breve Repsol por Os corpos dos Romanov (Galaxia, 2022); e o premio Rafael Dieste de textos teatrais por Conxo, no restraint.
Nesta edición do Premio presentáronse 40 obras orixinais, que elevan a 600 o número de propostas presentadas nos dezaoito anos de historia do galardón
Nesta edición do Premio presentáronse 40 obras orixinais, que elevan a 600 o número de propostas presentadas nos dezaoito anos de historia do galardón. O Premio Narrativa Breve impulsado por Repsol foi creado no ano 2006 e conta dende o seu inicio co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta, da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Na listaxe de gañadores e gañadoras do premio aparecen nos últimos anos nomes coma os de Francisco Fernández Davila, Xosé Monteagudo, Berta Davila, Gonzalo Hermo, Antón Lopo, Xosé Antonio Neira Cruz, Daniel Asorey ou Marcos Calveiro.
Palmarés do Premio
- 2006: Miguel Sande, Se algún día esta muller morta
- 2007: Anxos Sumai, Así nacen as baleas
- 2008: Xosé Luís Martínez Pereiro, A verdade como mal menor
- 2010: Xurxo Sierra Veloso, Os fíos
- 2011: Fernando Díaz-Castroverde, Microbios e outros paquidermos
- 2012: María López Sández, A forma das nubes
- 2013: Berta Dávila, O derradeiro libro de Emma Olsen
- 2014: Santiago Lopo, A diagonal dos tolos
- 2015: Marcos Calveiro, Fontán
- 2016: Daniel Asorey, Nordeste
- 2017: Xosé Antonio Neira Cruz, O sono das sereas
- 2018: Antón Lopo, Extraordinario
- 2019: Gonzalo Hermo, Diario dun enterro
- 2020: Berta Dávila, Illa Decepción
- 2021: Xosé Monteagudo, Eternity
- 2022: Alberto Ramos, Os Corpos de Romanov
- 2023: Francisco Fernández Davila, Groenlandia
- 2024: Alberto Ramos, Pirotecnia