Pandeiras, pandeiretas, cunchas, sachos, caixóns de lata de pemento…, son múltiples os instrumentos (ou aparellos diarios reconvertidos en instrumentos) que pasaron de xeración en xeración tocados por moitas mulleres, que permanecen invisibilizadas.
Seis vídeos percorren a historia e o presente deste tipo de literatura oral, "sostida por mulleres que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral"
O Consello da Cultura Galega pon en valor o legado das tocadoras a través do proxecto Axudádeme a cantar, un conxunto de seis vídeos que buscan visibilizar o canto acompañado con percusión de man e que percorren a historia e o presente deste tipo de literatura oral, "sostida por mulleres que non aprenderon en ningunha escola e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral", destacan as responsables da iniciativa, Carme López, Renée DePalma e Xulia Feixoo, que explican que escolleron ese título porque "é unha letra que se repite constantemente".
"Falamos moito dos grandes gaiteiros, pero non das mulleres cantantes acompañadas de percusión de man que estiveron nas festas, no día a día e nos ritmos de traballo e descanso”, apuntou Renée DePalma ao describir a xénese deste proxecto. Elas tres presentaron este mércores a iniciativa canda á presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e á coordinadora da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación, Carmen García Mateo. A produción audioviusal correu a cargo de Alejandro Gándara e Olaia Tubío.
"Falamos moito dos grandes gaiteiros, pero non das mulleres cantantes acompañadas de percusión de man que estiveron nas festas, no día a día e nos ritmos de traballo e descanso”, apuntou Renée DePalma
Os seis capítulos achégannos non só ao pasado deste tipo de literatura oral, senón tamén ao seu presente, no que atopamos tocadoras tradicionais que non aprenderon en ningunha escola ou asociación, senón polo método tradicional, así como participantes en procesos de recollida e divulgación e tamén artistas modernas que beben das fontes desta tradición e que falan das súas experiencias e comparten a súa arte. Unha arte que desapareceu, segundo explicou Xulia Feixoo, “nos anos sesenta cando as formas de lecer se foron modernizando e quedaron relegadas a un segundo plano”.
Os seis capítulos
No primeiro capítulo a tocadora tradicional Lucinda Barcia Garrido “do Peseto” e a súa filla Montse Alvariño expoñen a iniciativa de revitalización do Serán dos Namorados en Toutón (Mondariz)
O primeiro capítulo leva como título “O serán en Toutón: pasado e presente da festa tradicional” e nel a tocadora tradicional Lucinda Barcia Garrido “do Peseto” e a súa filla Montse Alvariño expoñen a iniciativa de revitalización do Serán dos Namorados en Toutón (Mondariz). O capítulo proxectarase no vindeiro serán, que terá lugar o 11 de febreiro e no que haberá un coloquio tras a proxección.
O segundo dos capítulos, “A festa da pandeira: celebrando a recuperación dun instrumento”, trasládase a Piornedo, na serra dos Ancares, para falar deste evento que desde o 2006 reúne tocadoras tradicionais con novas xeracións de músicos e público xeral.
Sira Paz e Orestina Busto, tocadoras tradicionais de Liñares (Avión), protagonizan o episodio “Pandeirada en Liñares: canto, identidade e emigración”, que introduce o efecto da emigración nas prácticas culturais da zona
Sira Paz e Orestina Busto, tocadoras tradicionais de Liñares (Avión), protagonizan o terceiro episodio, “Pandeirada en Liñares: canto, identidade e emigración”, que introduce o efecto da emigración nas prácticas culturais da zona de Avión, onde moita xente emigrou, principalmente, a México.
“Historia da compilación musical nos grupos folclóricos” é o título do cuarto episodio, no que María Vidal (Pontevedra), Olga Kirk (A Coruña) e Xabi Iglesias (Lugo) contan as súas respectivas experiencias nas décadas dos oitenta e dos noventa cando houbo un momento de fervedoiro na recollida.
Pecha a serie o capítulo “Das aldeas aos escenarios: a música de tradición oral no panorama musical galego”, que recolle o traballo pioneiro da histórica agrupación Leilía
O quinto episodio, “As novas raíces: resocializando o rural a través da música tradicional”, céntrase no traballo de dúas asociacións da Coruña (unha de Ordes e outra de Malpica de Bergantiños) que amosaron como a música de tradición oral serviu, e segue servindo, de ferramenta potente para fortalecer a identidade, o apego territorial e as relacións sociais da comunidade local.
Pecha a serie o capítulo “Das aldeas aos escenarios: a música de tradición oral no panorama musical galego”, que recolle o traballo pioneiro da histórica agrupación Leilía, que, con base nas súas propias recollidas, empezou unha longa traxectoria na que imbuíu estes materiais a través da súa interpretación. Canda elas, Anaïs Barbier, cantante e percusionista do grupo Caldo, e Alberto Cernadas, compositor de música electrónica, amosan estilos e visións diferentes e a multiplicidade de vías posibles para manter viva esta riqueza patrimonial.