Cantas decisións queremos que tome o algoritmo por nós?: a compañía Souvenir debuta cunha obra que mestura a IA co turismo

A obra 'Non é unha canción' estréase o 26 de xaneiro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña © Iria Casal Lamata

A compañía teatral Souvenir, creada por María de las Llanderas e David Alonso, estrea 'Non é unha canción' este venres no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Unha obra "meta-teatral e autoreferencial" que xira entorno á súa relación coas intelixencias artificiais (IA) e o universo estético do turismo de masas

"O espectáculo somos David e mais eu facendo un espectáculo", conta María de las Llanderas (Nigrán, 1990) sobre Non é unha canción, a primeira obra da compañía Souvenir, que fundou hai pouco máis dun ano xunto a David Alonso (Nigrán, 1993). O seu debut xira entorno á súa relación coas intelixencias artificiais (IA) e o universo estético do turismo de masas, como unhas vacacións controladas polo algoritmo en directo. 

Coñécense desde a primeira vez que puxeron un pé nunha aula de teatro, formáronse en Galicia e fóra e, de volta, atopáronse de novo para investigar xuntas, entrenar e investigar as posibilidades das artes escénicas. Non pensaban en formar unha compañía, pero o premio do V Festival Pezas dun teatro do porvir, organizado pola Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG), permitiulles desenvolver a súa proposta teatral ata chegar a estreala no Teatro Rosalía de Castro da Coruña este 26 de xaneiro ás 20.30 horas

María de las Llanderas e David Rodríguez, da compañía Souvenir © Iria Casal Lamata

Non é unha canción achégase a un teatro post-dramático, ten elementos de performatividade e encaixa nas linguaxes contemporáneas das artes escénicas. De feito, bebe moito do movemento. Non se trata dunha historia cunha estrutura de presentación, nó e desenlace. "É moi meta-teatral e autoreferencial por momentos. O que máis guía a dramaturxia é o movemento, a lóxica da acción. O texo é un elemento máis de moitos outros. Ao final, o espectáculo somos David e mais eu facendo un espectáculo. É un espectáculo dentro dun espectáculo", debulla María de las Llanderas.

"Xogamos moito co ChatGPT. Así, chegamos á idea de que o noso espectáculo podía ser unha especie de algoritmo xigante que vai xerando promts para facer o espectáculo", conta María de las Llanderas 

"O espectador vai atopar unha atmosfera inquietante con dous actuantes que fan tamén cousas inquitantes", resume David Alonso. Foron atopando os temas que aborda a obra a partir de investigar xuntas, sen pensar directamente no que querían contar, a través das improvisacións escénicas viron que había varios temas recorrentes: as vacacións masificadas e a intelixencia artificial

"Vimos que falabamos moito do turismo, desas viaxes longas en autobús e os estados de contemplación ao estar nunha burbulla atemporal como son os resorts vacacionais. E, á vez, decatámonos que nos interesaba contar coa tecnoloxía e a intelixencia artificial como unha ferramenta moi presente nas nosas vidas desde o ano pasado. Xogamos moito co ChatGPT e ese punto existencialista ao que chegaba ao principio cando lle facías moitas preguntas. Así, chegamos á idea de que o noso espectáculo podía ser unha especie de algoritmo xigante que vai xerando promts [as indicacións que se lle dan a unha IA para que obedeza unha orde] para facer o espectáculo", detalla María de las Llanderas sobre o fío que guía a obra. 

Que rol temos as persoas cos algoritmos? Cantas decisións queremos que tomen por nós? Pode unha IA crear arte? Non teñen as respostas, pero queren deixar as preguntas na cabeza do espectador. Formularon a obra como un xogo. "O propio nome da compañía, Souvenir, fai alusión a un sistema de traballo que inventamos e consiste en ir camiñando pola rúa facendo o que chamamos un 'domingo': estar abertas a todo o que pode ser susceptible de levar á sala de ensaio. A iso que nos levamos cada día, chamámoslle souvenir", describe David Alonso. 

Eses souvenirs poden ser desde un son concreto, ou un fragmento de conversa, a un cartaz dunha excursión a Málaga en bus. Todo cunha premisa básica: pasalo ben. "Tiñamos claro que queriamos pasalo ben facendo isto, non engadir outra fonte de ansiedade ás dificultades económicas para sacar o proxecto adiante. É o punto número un do noso estatuto como compañía", contan. 

"Non é exactamente unha peza teatral, non é exactamente unha performance, non é exactamente unha obra de teatro que vai sobre unha viaxe a Málaga... É algo parecido", avanza David Alonso

Pretenden que as artes escénicas sexan un refuxio contra a hiper produtividade na que está enrolada a sociedade e queren que sexa "un campo de xogo e goce". O propio nome da obra, Non é unha canción, recolle esa ansia lúdica, a partir de da frase Ceci n'est pas une pipe (Isto non é unha pipa) do cadro de René Magritte. "Non é exactamente unha peza teatral, non é exactamente unha performance, non é exactamente unha obra de teatro que vai sobre unha viaxe a Málaga... É algo parecido", avanza David Alonso. 

Son moitas as dificultades para consolidar unha compañía de teatro nova, mais Souvenir aposta por desenvolver en escena o que lle gustaría ver e o que lles representa –sendo un equipo de profesionais novas, pero moi experimentadas–. "Este espectáculo é unha grande aposta. Se fracasamos, polo menos fracasaremos ben", defenden. Non está a ser fácil conseguir representar a obra máis alá da estrea este venres no Teatro Rosalía da Coruña, que conseguiron grazas ao premio no certame da AELG. Ademais, estarán o 13 de abril no Auditorio do Concello de Vigo dentro da programación de Vigo Cultura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.