Galicreques amplía a súa actividade cun proxecto europeo que afonda na diversidade a través das artes escénicas

Espectáculo 'Treboada' de Nauta Teatro © Nauta Teatro

O proxecto iniciará a vindeira semana unha serie de seis sesións de traballo nas que se reunirán artistas locais, artistas amadores vencellados ao teatro comunitario e a persoas implicadas na visibilización do colectivo LGTBIQ+

O Festival Galicreques estende a súa actividade da man da compañía Nauta Teatro a través dun proxecto de investigación escénica financiado polo Fondo de Festivais Europeos para Artistas Emerxentes (EFFEA) que afondará dende a escena na identidade de xénero e mais na diversidade. 

Este proxecto, que conta coa colaboración do Concello de Teo, iniciará a vindeira semana unha serie de seis sesións de traballo nas que se reunirán artistas locais, artistas amadores vencellados ao teatro comunitario e a persoas implicadas na visibilización do colectivo LGTBIQ+. 

Espectáculo 'A barca do inferno' de Nauta Teatro © Nauta Teatro

De forma colectiva, baixo a condución de Nauta Teatro e a colaboración do artista drag Nico Elsker, traballarase a identidade de xénero dende a expresión teatral, poñendo o foco principalmente na máscara teatral dende diferentes perspectivas: a máscara expresiva, a media máscara e a máscara corporal, elemento performativo moi presente para o Drag Queen ou Drag King. 

Este grupo de traballo, conformado por entre 15 e 20 participantes de diferentes xeracións, acabará por constituír o elenco dunha mostra escénica non profesional aberta ao público que servirá como fiestra para "observar os procesos de creación e a realidade da diversidade de xénero dende o prisma das artes escénicas". O resultado teatral poderase ver ao longo do mes de xaneiro en diferentes espazos de Santiago. 

Nauta, nunha presentación da pasada edición do festival Galicreques © Nauta Teatro

Este grupo de traballo, conformado por entre 15 e 20 participantes, acabará por constituír o elenco dunha mostra escénica non profesional aberta ao público

As persoas que participen neste formarán parte dunha viaxe pedagóxica que transitará por diversas áreas temáticas: o teatro do movemento, a expresión corporal, a construción do personaxe, a máscara teatral, o mundo drag, a investigación do arquetipo ou a expresión do xénero dende a dinámica. Estes elementos confluirán nunha mostra escénica aberta ao público que non se pode considerar unha peza teatral ao uso, senón como unha experimentación artística que agroma dende o colectivo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.