Compañías de Arxentina, Uruguai, Ecuador, Perú ou Italia traen as súas montaxes ao Festival Galicreques

Espectáculo 'Trapos', da compañía de Uruguai Coriolis, que participa no Festival Galicreques © Coriolis

Formacións internacionais traerán as súas montaxes ao Galicreques do 8 ao 16 de outubro, que estreará unha obra da galega Cinema Sticado xunto á turca Tiyatro Eksen, en coprodución co CDG

O Festival Internacional Galicreques volve a Compostela coa súa 27ª edición, que decorrerá do 8 ao 16 de outubro, coa estrea absoluta de cinco espectáculos e seis montaxes escénicas procedentes de Latinoamérica inéditas en Europa. O festival, ademais, incluirá no seu cartel catro obras nunca vistas en Galicia e brindaralle así ao público a oportunidade de gozar con 15 obras novidosas.

Dende Arxentina, Uruguai, Ecuador e Perú chegarán obras inéditas en Europa. Os uruguaios de Coriolis presentaranlle ao público do Galicreques dúas producións: Trapos, pensada para a cativada, e Pasos Largos. A formación peruana Hugo e Inés, con integrantes procentes tamén de Bosnia, actuarán no festival coa súa obra Miniaituras, mentres que os ecuatorianos de La Espada de Madera subirán ao escenario o seu El mundo es un pañuelo. Os arxentinos de Tres Tigres interpretarán a peza ¿Qué hacemos con Ubú? e os de Lotitere ofrecerán Culuti.

Cartaz do Festival Galicreques 2022 © Galicreques

Italia será outro dos países representados, grazas a incursión en Galicia da compañía transalpina Il Canto dil Carpio, que chegará coa súa montaxe Kharabat. Entre as estreas que trae Galicreques este ano inclúese o espectáculo Tolo, coprodución da compañía galega Cinema Sticado e da turca Tiyatro Eksen co Centro Dramático Galego (CDG). Pola súa banda, a formación franco-galega Nauta presentará a súa nova montaxe, titulada Treboada, e os portugueses de Caricata farán o propio coa súa peza Mile unha

O quinteto de estreas complétase co especial sobre Carapuchiña Vermella que as narradoras galegas Olga Abad, Raquel Queizas e Carmen Domech representarán por vez primeira e coa nova proposta da compañía Mircrormina Teatro: 43º Latitude norte. O certame está organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio e patrocinio da Xunta, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura a través do Inaem e a Fundación SGAE. 

Programación escolar

O programa escolar é un dos grandes sinais de identidade de Galicreques, encontro que aposta dende hai máis dun cuarto de século polo achegamento directo aos espectadores e mais pola creación de públicos. As funcións escolares contarán con obras como Trapos, da compañía uruguaia Coriolis, o luns 10 ás 10.30 horas no escenario da SGAE. Ese mesmo día, ás 11.30 horas, actuarán no Centro Sociocultural de Santa Marta os andaluces de Teatro de las Maravillas co seu El patito Feo e xa ás 12.00 horas, o Teatro Principal recibirá a Títeres Cachirulo coa montaxe Dinosauros (O regreso dos sauros).

Espectáculo 'A barca do inferno', da compañía galega Nauta © NAUTA

Xa o martes, ás 11.30 horas, a programación pensada para o público escolar continuará no Teatro Principal cunha peza destinada aos institutos: A barca do inferno, da compañía galega Nauta. Pola súa banda, Coriolis ofrecerá un segundo pase da súa obra Trapos. Volverá ser, igual que o día anterior, na sede da SGAE á mesma hora. As funcións continuarán o xoves e o venres. Para levar o seu alumnado como público destas representacións, os centros de ensino poden anotarse chamando aos teléfonos 981801237 e 667771147 ou contactando por escrito a través de galicreques@titerescachirulo.com.

Galicreques ampliará a súa programación escolar máis aló das datas de celebración do propio festival con tres funcións especiais, ás 10.30 horas, no edificio da SGAE en Vista Alegre destinadas ao público máis cativo: os menores de 1 a 5 anos. O luns 17 de outubro actuará a formación Monicreques Larei Lara, que representará Güe Güe. O martes 18 será a quenda de Títeres Cachirulo e a súa peza Cucu Tas Tas. Xa o mércores, Danthea Teatro presentará a súa visión de Cincenta.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.